A Xunta pon en valor a importancia do programa Re-acciona para seguir impulsando a competitividade das pemes de Ourense

Xoves, 04 Abril 2024 16:41
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou na inauguración do obradoiro organizado xunto á Confederación Empresarial de Ourense para dar a coñecer este programa ao tecido empresarial
  • Lembra que os interesados xa poden presentar as súas solicitudes para optar a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a mellora da xestión financeira, ou a optimización dos procesos de produción
  • Subliña que o Re-acciona incorpora desta volta apoios a empresas emerxentes innovadoras, análises do cumprimento normativo e os riscos legais (compliance), a captación e xestión do talento e a promoción de melloras nos ámbitos ambiental, social e de gobernanza
  • Resalta que, desde a súa posta en marcha no ano 2012, o programa promoveu o desenvolvemento de máis de 2700 servizos que permitiron mellorar a competitividade de preto de 2000 empresas galegas, mobilizando 13,7M€

 

Ourense, 4 de abril de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá na inauguración dun obradoiro de presentación do programa Re-acciona, organizado xunto á Confederación Empresarial de Ourense (CEO), e no que puxo en valor as posibilidades desta iniciativa para seguir impulsando a competitividade das pemes da provincia.

Neste marco, Covadonga Toca lembrou que a Xunta, a través do Instituto Económico de Galicia (Igape), abriu esta mesma semana, o pasado día 1 de abril, o prazo de presentación de solicitudes do Re-acciona, que permanecerá activo ata o próximo 15 de novembro ofrecendo a pemes e autónomos diferentes ferramentas e servizos avanzados para ser máis competitivos.

“Ourense, como o resto de Galicia, ten que diferenciarse pola calidade dos seus produtos, e para acadar esta meta necesitamos máis innovación, máis formación e máis internacionalización”, expuxo a directora do Igape, quen salientou as potencialidades do Re-acciona para que as pemes “reinventen os negocios e fagan fronte aos novos retos do mercado".

Para acadar este obxectivo, afondou, o programa suma este ano máis de 3,2M€ que suporán a mobilización de máis de 4M€, promovendo servizos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a mellora da xestión financeira ou a optimización dos procesos de produción. Así mesmo, tamén se levarán a cabo iniciativas no eido da innovación, para axudar ás empresas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos.

Entre as principais novidades deste exercicio, o programa incorpora a prestación de servizos en catro novos eidos de actuación: o apoio a empresas emerxentes innovadoras, a análise do cumprimento normativo e os riscos legais (compliance), o captación e xestión do talento ou a promoción de melloras nos ámbitos ambiental, social e de gobernanza.

“Programas como o Re-acciona axudan ás pemes e aos autónomos a incorporar novas estratexias e solucións tecnolóxicas aos seus negocios, acelerando os procesos para ser máis competitivos”, destacou a directora do Igape.

Ata 13 servizos

O Re-acciona ofrece ás pemes galegas ata 13 servizos diferentes para mellorar a competitividade empresarial, debendo as empresas que queiran optar a estas axudas ter un mínimo de 3 persoas traballadoras.

As actuacións levadas a cabo no marco do Re-acciona desenvólvense por un axente colaborador, que está á disposición da empresa durante a duración do servizo de mellora, que pode ir dos tres aos seis meses. Por outra parte, os servizos teñen un carácter práctico e buscan a profesionalización da empresa, resultando clave o acompañamento e a formación ofrecidos.

Covadonga Toca salientou que, desde a súa posta en marcha no 2012, o Re-acciona promoveu xa o desenvolvemento de máis de 2700 servizos que permitiron mellorar a competitividade de preto de 2000 empresas galegas, mobilizando 13,7M€.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis