A Xunta avalía co Clúster da Función Loxística de Galicia vías para impulsar a innovación e a internacionalización das súas empresas

Martes, 18 Xullo 2023 14:51
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo un encontro de traballo coa asociación no que subliñou que accións como a ruta marítima co Porto de Miami na que se está a traballar e a participación en eventos como a Feira Transport Logistic de Múnic permiten reforzar o papel de Galicia como nodo loxístico internacional

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023

A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo un encontro de traballo con representantes do Clúster da Función Loxística de Galicia de cara a avaliar e avanzar en novas accións para contribuír á eficiencia do sector, con especial atención á innovación e á internacionalización das empresas que forman parte da súa cadea de valor.

O encontro permitiu afondar no traballo feito durante o último ano, así como sentar as bases sobre as que seguir avanzando. Neste sentido, Toca Carús subliñou a relevancia da formación e da internacionalización como eidos sobre os que continuar impulsando a competitividade do sector. Durante o encontro, que supuxo a primeira toma de contacto da nova directora co clúster loxístico, avaliáronse tamén as accións que se veñen impulsando nos últimos meses, entre as que destaca a ruta comercial directa co Porto de Miami na que se está a traballar. A directora do Igape lembrou que este Porto xa ten relación coas autoridades portuarias de Vigo, A Coruña e Ferrol, polo que a ruta potenciará tanto á loxística de frío e a sustentabilidade dos portos da Comunidade como a situación de Florida como hub loxístico.

Así mesmo,  destacouse a participación en maio na  Feira Transport Logistic de Múnic, que contribuíu á posta en valor do potencial de Galicia como nodo loxístico internacional. “A Xunta ten claro que a loxística constitúe a base para a apertura comercial, a competitividade e a globalización económica, converténdose en peza fundamental para o crecemento económico”, apuntou Covadonga Toca. Por último, outro dos temas tratados no encontro foi a importancia de saír ao exterior cunha marca única, Galicia Logistics, que busca potenciar o papel que a Comunidade galega pode ter na loxística internacional, reivindicándoa como un “enclave estratéxico para fluxos de mercadorías e para investimentos de alto compoñente loxístico”.

  • A Xunta lembra que as startups galegas aínda poden solicitar as axudas para impulsar proxectos emprendedores innovadores
    Ler máis
  • Preto dun cento de mozos e mozas optan ás 50 prazas do programa de bolseiros de internacionalización da Xunta para facilitar ás pemes galegas a saída a novos mercados
    Ler máis
  • A Xunta destina preto de 200.000€ para a mellora de tres viveiros industriais da provincia de Ourense
    Ler máis