Super User
Preto de 134.000 clientes beneficiáronse do Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia
- Na terceira edición do programa, ao que a Administración autonómica destinou 2,5 millóns de euros, participaron máis de 7000 establecementos de toda Galicia.
- O sector máis beneficiado pola iniciativa foi o téxtil, onde se mobilizaron un 38,7% das vendas; seguido do calzado, cun 14,5%.
A terceira edición do Bono Activa Comercio, á que a Xunta de Galicia destinou 2,5 millóns de euros, beneficiou a un total de 133.945 clientes, conseguindo mobilizar vendas por preto de 12,5 millóns de euros en menos de tres semanas.
O número de comercios que se adheriron á iniciativa da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación chegou aos 7.058, a cifra máis alta das tres edicións. Os sectores máis beneficiados foron en primeiro lugar o téxtil, cun 38,7 % das vendas mobilizadas; seguido do calzado, cun 14,5 %; dos xoguetes, cun 10,2 %; as ópticas, cun 7 %; e as perruquerías, cun 6,24 %.
As provincias galegas nas que este programa supuxo un maior impacto económico foron Pontevedra e A Coruña, cun 38% e un 34% das vendas mobilizadas respectivamente. Así, en Pontevedra o importe total das vendas con desconto foi de preto de 4,7 millóns de euros, e na Coruña de máis de 4,2 millóns de euros. Na provincia de Ourense o programa contribuíu a mobilizar máis de 2 millóns de euros, e en Lugo preto de 1,5 millóns.
Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitou o número de usuarios que podían descargarse os bonos —un por persoa—, senón que unha vez que o importe total dos descontos realizados alcanzou os 2,5 millóns de euros os bonos descargados xa non se poden utilizar.
O importe dos bonos reducíase en función do valor da compra, ata un máximo de 30 euros en desconto por persoa. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros correspondíalle un desconto de 5 euros. A rebaixa era de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzaba os 15 euros.
A Xunta leva apoiado nove proxectos de empresas galegas que suman case 90 M€ a través do programa de incentivos rexionais
- Conde salienta o esforzo de Cristalerías Ramos y Ramos por dotarse de novo equipamento tecnolóxico para incrementar a súa competitividade e a súa capacidade de produción.
A Xunta de Galicia, a través do programa de incentivos rexionais, leva apoiado nove proxectos de empresas galegas que suman preto de 60M€, entre elas, Delta Vigo, Attica 21, Industrias Guerra ou Cristalerías Ramos y Ramos, que esta semana visitou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado do alcalde en funcións do Pereiro de Aguiar, Luis Menor.
Concretamente, Cristalerías Ramos y Ramos beneficiouse dunha axuda de 150.078 euros para un investimento de 1,3M€, co que adquiriu dúas liñas de maquinaria para a manufacturación do cristal co obxectivo de ampliar a capacidade de fabricación e mellorar o proceso de automatización.
Estes apoios dan continuidade ás axudas que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación outorgou a esta empresa a través de programas como Galicia Inviste ou Dixitalización Industria 4.0 e que desde 2014 suman ao redor de 450.000 euros para unha mobilización que supera os 2,5M€.
Dedicada á fabricación de climalit, Cristalería Ramos y Ramos conta con máis de 70 empregados, rolda os 8,7M€ en vendas e é a única en España cun robot que permite poñer automaticamente o perfil térmico flexible do dobre acristalamento.
Conde salientou o seu esforzo por innovar e por dotarse da última tecnoloxía para incrementar a súa competitividade. E tamén o retorno que isto lle está ocasionando, logo de que en 2019 ampliase en 2000 m² as súas instalacións no polígono do Pereiro de Aguiar e as equipase cunha nova liña automatizada. Un polígono, apuntou o vicepresidente, con máis de 80 empresas que xeran máis de 2000 empregos directos nun municipio que é Concello Emprendedor.
Galicia comprométese a seguir avanzando na simplificación administrativa para facilitar a implantación de empresas e captar investimentos
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela no XIV Encontro da Rede Transnacional de Simplificación, destacando o papel desta entidade na promoción dun marco harmonizado a nivel de toda a UE.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Santiago de Compostela no XIV Encontro da DG Regio Rede Transnacional de Simplificación. Na súa intervención sinalou que Galicia se compromete a seguir avanzando na simplificación administrativa porque o obxectivo é facilitar a implantación de empresas e captar investimentos, especialmente os proxectos que xurdan no ámbito da transición verde e dixital.
Conde, que salientou o papel de Rede Trasnacional sobre simplificación para promover un marco harmonizado a nivel de toda a Unión Europea, lembrou que a Xunta de Galicia ten sido pioneira en España coa súa Lei de simplificación administrativa e á hora de aplicar o modelo de custos simplificados (método alternativo para calcular os custos subvencionables).
Tal e como lembrou o vicepresidente primeiro, Galicia conta cun marco normativo que acurta á metade o tempo dos trámites de competencia autonómica e municipal (en Concellos Emprendedores) coa axuda de novas figuras administrativas, como é o caso dos proxectos industriais estratéxicos.
A Xunta subliña en Lugo a aposta pola xestión responsable dos recursos naturais para impulsar cadeas de valor eficientes, innovadoras e colaborativas
- O director do Igape, Fernando Guldrís, inaugurou a xornada do ciclo Capacita Directivos Galicia con valor engadido, onde subliñou o compromiso do Goberno galego coa “transformación dixital e sustentable” do tecido produtivo da Comunidade.
O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá na inauguración da xornada do ciclo Capacita Directivos Galicia con valor engadido, centrado desta volta no aproveitamento das materias primas e dos recursos naturais, onde avogou por unha xestión responsable destes na procura de impulsar cadeas de valor eficientes, innovadores e colaborativas.
“Os recursos naturais desempeñan un papel fundamental nas cadeas de valor dos nosos sectores económicos, desde a obtención das materias primas ata a entrega final ao consumidor e o seu aproveitamento adecuado pode xerar un impacto significativo na creación de valor económico e social”, incidiu Guldrís.
Neste marco, o director do Igape subliñou o compromiso do Goberno galego coa “transformación dixital e sustentable” do tecido produtivo da Comunidade. Así, afondou, “Galicia ten moito que achegar”, desde o aproveitamento da biomasa forestal ata os diferentes usos que se fan do granito e da lousa, ou o saber artesán no emprego da cerámica. Materias e usos aos que se atende tamén na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que ten entre os seus retos o desenvolvemento dun modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseado na innovación.
Así mesmo, Guldrís puxo en valor a Axenda Industrial 2025 de Galicia, que aspira a que as empresas galegas reforcen a súa aposta pola dixitalización, aproveitando as oportunidades da sociedade dixital para cambiar os modelos de negocio. “Desde a colaboración público-privada, e poñendo o foco nas pequenas e medianas empresas, unha parte importante do noso traballo pasa por contribuír á modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e o rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos", afondou Guldrís.
O encontro celebrado hoxe desenvólvese no marco do programa Capacita Directivos, iniciativa promovida polo Igape que inclúe a organización de xornadas que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento. O programa, xa consolidado, suma seis edicións impulsando actividades formativas, tanto presenciais como en liña.
A Xunta aposta pola transformación industrial das pemes galegas con novos apoios que permitirán promover máis de 200 proxectos de dixitalización
- O director do Igape, Fernando Guldrís, visita en Nigrán as instalacións de Gaictech, empresa dedicada á fabricación de maquinaria para o sector conserveiro e do conxelado que implementou unha xestión integral dixital do seu proceso produtivo grazas ao programa de Dixitalización Industria 4.0.
- Subliña que a nova convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, conta con 5M€ para apoiar a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor.
- En réxime de concorrencia competitiva, cóbrense tanto proxectos colectivos como individuais que busquen implantar solucións de interacción, sistemas de intelixencia artificial ou aqueles encamiñados á dixitalización de procesos.
O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe en Porto do Molle (Nigrán) as instalacións de Gaictech, empresa dedicada á fabricación de maquinaria para o sector conserveiro e do conxelado que implementou, grazas ao programa de Dixitalización Industria 4.0, unha xestión integral dixital do seu proceso produtivo, acadando unha maior eficiencia e control desde o pedido do cliente ata a subministración, pasando pola compra do material, o seu almacenamento e o corte láser do mesmo.
Neste marco, Guldrís sinalou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria desta liña de apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes se abre mañá, e coa que se aspira a facilitar a transformación industrial das pemes galegas con novas axudas que permitirán promover máis de 200 proxectos de dixitalización.
Cun orzamento de 5 millóns de euros, facilitarase a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor; ou proxectos individuais cara á dixitalización e conectividade da peme.
Esta é a octava convocatoria do programa, que conta cunha ampla demanda desde o seu arranque en 2018, apuntou Guldrís, quen resaltou a súa importancia para impulsar a reactivación do tecido empresarial a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.
En réxime de concorrencia competitiva, cóbrense tanto proxectos colectivos como individuais que busquen implantar solucións de interacción, sistemas de intelixencia artificial ou aqueles encamiñados á dixitalización de procesos. As axudas cobren o 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas, e nos dous casos o 50% dos custos de colaboracións externas.
Internacionalización
Guldrís salientou tamén a aposta de Gaictech pola internacionalización, ao contar con equipos en 45 países. Un compromiso co que tamén ten contado co apoio do Goberno galego, tanto a través do programa Galicia Exporta como de diversas accións comercias levadas a cabo no marco do plan Foexga.
“Gaictech é un exemplo inmellorable das vantaxes da innovación, da dixitalización e da procura de novos mercados. Un traballo que está a permitir que Galicia acade, nos últimos anos, cifras récord nas súas exportacións”, concluíu o director do Igape.
A Xunta destaca a importancia de que os talleres de vehículos aposten pola dixitalización e a formación para dar resposta aos avances no sector da automoción
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro en Ourense coa Asociación provincial de talleres de reparación de vehículos.
- No mes de xuño lanzarase a nova convocatoria das axudas de dixitalización e Industria 4.0 do Instituto Galego de Promoción Económica.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, mantivo un encontro coa Asociación provincial de talleres de reparación de vehículos (Atave).
Na xuntanza, Conde salientou a importancia de que os talleres de reparación de vehículos aposten pola dixitalización e a formación para dar resposta aos avances que se están a producir no sector da automoción, en eidos como a electrificación, a automatización, a redución de emisións e a seguridade a bordo. Neste sentido, no mes de xuño lanzarase a nova convocatoria das axudas de dixitalización e Industria 4.0 do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que desde a súa posta en marcha levan mobilizados máis de 50 millóns de euros e suman máis de 1.000 solicitudes, e á que podería acollerse Atave.
A Asociación provincial de talleres de vehículos de Ourense conta con 400 empresas asociadas que supoñen o total de talleres da provincia. Tal e como trasladaron desde esta entidade na reunión celebrada esta tarde, o reto do sector pasa pola modernización das súas instalacións, a dixitalización, a adopción de medidas de aforro e eficiencia enerxética para reducir o custo da electricidade, así como a formación axustada ás necesidades concretas de postos de traballo. Nestes obxectivos está a traballar a Xunta de Galicia con todo o tecido empresarial, poñendo á súa disposición diferentes programas de apoio á medida das súas necesidades.
A Xunta informa no XI Congreso de Business Angels en Santander da Axenda Financeira de Galicia
- O director do Igape, Fernando Guldrís, participa nunha mesa redonda celebrada no marco do encontro organizado pola Asociación Española de Business Angels (Aeban), onde pon en valor a importancia da Axenda na mellora competitiva do tecido produtivo de Galicia.
O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe en Santander nunha mesa redonda celebrada no marco do XI Congreso Nacional de Business Angels organizado por Aeban, na que puxo en valor o peso e a importancia da Axenda Financeira que vén promovendo o Goberno galego, e que está a mobilizar 400 M€ para facilitar o financiamento do tecido empresarial galego.
A Axenda, explicou Guldrís, configúrase como unha completa folla de ruta con medidas de apoio financeiro para o tecido empresarial galego. Así, a través dos distintos programas, propicia investimentos directos na procura de reforzar a solvencia financeira das empresas galegas, contribuíndo con iso á reactivación da economía galega e á mellora da competitividade do tecido produtivo.
“Na Administración autonómica somos conscientes de que debemos axudar ás pemes e aos traballadores autónomos para darlle acceso ao crédito, na procura de que poidan gañar músculo, contribúan á xeración e ao mantemento do emprego, e desenvolvan proxectos que impulsen á reactivación económica e a competitividade dos nosos sectores estratéxicos”, afondou o director do Igape.
A Xunta avanza unha nova convocatoria das axudas á dixitalización industria 4.0 para impulsar a competitividade do tecido empresarial galego
O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nos obradoiros de dixitalización promovidos por Asime e que afondaron, desta volta, no sector naval e nas posibilidades que ofrece a enerxía eólica offshore. Durante a súa intervención, Guldrís puxo en valor a importancia que ten a dixitalización como “factor determinante para o crecemento e a competitividade dos sectores chave da nosa economía”, e avanzou a próxima convocatoria dunha nova edición das axudas á Dixitalización Industria 4.0.
Neste sentido, este ciclo de obradoiros permitiu explorar tanto a relación entre o sector naval e conceptos como o xemelgo dixital, ciberseguridade, visión artificial e realidade aumentada, como a intersección entre a enerxía offshore e conceptos como a economía circular, o Internet das cousas (IoT), o Big Data e o Cloud computing.
A Xunta convoca os premios Artesanía de Galicia 2023 para recoñecer a mestría dos artesáns galegos
- As candidaturas poderanse presentar entre o 18 e o 29 de setembro de 2023.
A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2023, co obxectivo de recoñecer a mestría e o talento no sector artesanal galego. Como en anos anteriores, os galardóns dividiranse en tres categorías: Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Gesto. O prazo de presentación de candidaturas estará aberto entre o 18 e o 29 de setembro.
No caso da modalidade Premio Artesanía de Galicia, a solicitude deberase presentar presencialmente na sede da Fundación Artesanía de Galicia, en Santiago de Compostela, mentres que para as outras dúas categorías as solicitudes realizaranse obrigatoriamente a través de medios electrónicos.
Os Premios Artesanía de Galicia teñen como obxectivo principal recoñecer e visibilizar o traballo do sector artesán galego. Estes galardóns contribúen a divulgar os oficios artesanais, potenciar a creatividade dos profesionais, incentivar os novos talentos en Artesanía de Galicia, promover o relevo xeracional e mais apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción.
O Premio Artesanía de Galicia 2023, dotado con 9000 euros, está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da artesanía galega, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade da obra. Poderanse presentar a esta categoría todos os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
O Premio Traxectoria 2023, de carácter honorífico, será outorgado a proposta do propio sector artesanal. O obxectivo é recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, a calidade do seu traballo, así coma o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da artesanía. O galardón está dirixido a artesáns en activo ou retirados que estean ou estiveran inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. As candidaturas poderanas presentar obradoiros rexistrados, asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas.
Por outra banda, os Premios Artesanía de Galicia fan especial fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada co Premio Bolsa Eloy Gesto, que está dotado con 4000 euros para investir nun centro de formación de prestixio. Nesta categoría, a Xunta busca potenciar o relevo xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización.
Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, a calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais. Nesta categoría poderán participar todos os artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cunha idade máxima de 40 anos no ano 2023.
A Unidade mixta de Emenasa e Anfaco-Cecopesca que apoia a Xunta reforza a competitividade da industria alimentaria aplicando novas tecnoloxías ao control de calidade
- O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou en Vigo nun encontro sobre esta iniciativa que permite coñecer as propiedades físicas e químicas dos alimentos.
- Subliña a importancia de desenvolver proxectos que xeren pegada industrial e que permitan a Galicia diferenciarse nos mercados internacionais.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Vigo no acto organizado por Emenasa e Anfaco-Cecopesca onde se deron a coñecer os resultados da Unidade Mixta de Investigación (UMI) na que colaboran a empresa e o centro tecnolóxico. A iniciativa, que naceu en 2016, contribúe a reforzar a competitividade da industria alimentaria aplicando novas tecnoloxías ao control de calidade. En concreto, baséase na imaxe hiperespectral, que permite coñecer as propiedades físicas e químicas dos alimentos sen contacto con eles.
A colaboración de Anfaco-Cecopesca con Emenasa nesta UMI conta cunha axuda da Xunta de Galicia de 1,15 millóns de euros para un investimento total de 3,8 millóns de euros, e implicou a un total de 19 persoas. Segundo subliñou Conde, esta iniciativa é un exemplo do potencial que ten Galicia para crear solucións innovadoras que poidan achegar unha maior competitividade ao tecido empresarial.
Tal e como apuntou o vicepresidente económico, a través de iniciativas como as Unidades Mixtas de Investigación a comunidade está facendo un importante esforzo por poñer en contacto a investigación dos centros tecnolóxicos e de coñecemento coas demandas da industria e, neste proceso, a colaboración público-privada é fundamental. O responsable de Economía, Industria e Innovación do Goberno galego sinalou así mesmo a importancia de que “a través do coñecemento e a transferencia ao mercado poidamos desenvolver proxectos que permitan xerar pegada industrial en Galicia e a partir de aí diferenciarnos do resto de mercados e do resto de países”.
A través desta Unidade Mixta, que contou coa colaboración de 14 empresas, avanzouse na tecnoloxía con imaxe hiperespectral para contar con sistemas que permitan o control total de cada materia prima nas liñas de procesado da industria, dispoñendo de xeito áxil de información dos parámetros de calidade e seguridade das distintas materias primas. O obxectivo despois de sete anos de traballo é chegar ao mercado coas distintas solucións desenvoltas no proxecto.