A Xunta impulsa a presenza das startups galegas na Feira Internacional Mindtech que se celebrará en Vigo en xuño

Luns, 03 Abril 2023 19:35
  • A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 200.000 euros a un novo convenio con Asime que facilitará a promoción das iniciativas innovadoras galegas neste encontro.
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, salienta a importancia do acordo e da propia feira internacional para reforzar a aposta de Galicia pola innovación, a sustentabilidade e o talento.
  • Destaca a celebración dunha rolda de reunións con investidores para impulsar o financiamento das iniciativas emprendedoras da Comunidade, así como o desenvolvemento de distintas misións comerciais inversas con diferentes países de América do Sur, África e Europa, ademais de con Corea do Sur, país que como invitado nesta edición contará cunha delegación propia.

O director do Igape, Fernando Guldrís, e o presidente de Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), Justo Sierra, participaron hoxe nun encontro de traballo en relación coa Feira Internacional Mindtech, que permitiu avaliar o novo acordo de colaboración entre a Asociación e o Goberno galego para impulsar a presenza das startups da Comunidade neste evento que se celebrará en Vigo do 20 ao 22 de xuño. 

Este convenio, explicou Guldrís, reforza a aposta pola innovación e a sustentabilidade do Goberno galego, permitindo habilitar espazos de traballo e expositivos na feira internacional da industria Mindtech para facilitar que as iniciativas innovadoras galegas se poidan dar a coñecer a nivel internacional.

A Xunta destina a este acordo 200.000 euros e o seu obxectivo último é seguir traballando de xeito conxunto no impulso da innovación, a sustentabilidade, a transformación tecnolóxica e a mellora competitiva do tecido produtivo galego, facilitando a achega de investimentos internacionais privados e a promoción das vendas no exterior das startups galegas con posibilidades significativas de crecemento.

Neste marco, habilitaranse dous espazos expositivos en Mindtech: o Mindtech Startup Arena, con capacidade para 42 stands e que permitirá promocionar startups galegas e captar iniciativas de interese; e outro que acollerá o pavillón da Xunta para dar a coñecer as iniciativas que está a promover o Goberno galego.

Neste sentido, o director do Igape lembrou que a Xunta ten en marcha a Axenda Startups Galicia 2022-2024, que se configura como un “motor de reforzo da modernización e diversificación da economía galega”. A Axenda, resaltou, suma neste período preto de 15 millóns aspirando a crear un centenar de novas empresas e a acelerar 200 startups, promovendo así a innovación con capacidade para mellorar a competitividade do tecido empresarial galego.

Así mesmo, o convenio da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e Asime inclúe tamén a celebración dunha rolda de reunións entre investidores internacionais e as iniciativas participantes, ademais de contemplar a participación en formato dixital nos eventos que teñan lugar no foro.

Neste contexto, explicou Guldrís, desenvolveranse distintas misións comerciais inversas con diferentes países de América do Sur, África e Europa, ademais de con Corea do Sur, país que como invitado nesta edición contará cunha delegación propia.

“Mindtech é unha aposta pola tecnoloxía, a innovación, a sustentabilidade e o talento, ademais dunha oportunidade de cara a futuro para amosar os nosos avances en proxectos tecnolóxicos e de innovación”, subliñou o director do Igape, quen asegurou que Galicia está sabendo anticiparse á transformación dixital.

A feira internacional da industria Mindtech naceu en 2019 coa vocación de ser un referente internacional e a intención de atraer empresas e investidores estranxeiros. Impulsada por Asime, ten como principal obxectivo ser un escaparate da potencialidade da industria galega, especialmente do sector do metal, e unha oportunidade económica e comercial.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis