A Xunta destaca en Ordes a innovación como factor clave para medrar en sectores como a distribución

Martes, 07 Xuño 2022 10:23
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o director do Igape, Fernando Guldrís, visitaron esta mañá a multinacional ordense Internaco, dedicada á distribución de maquinaria forestal, agrícola e de xardinería
  • Coñeceron os diferentes proxectos de I+D+i da compañía, en especial o Sustainovation Hub – Bosque e Xardín, no que aplican novas tecnoloxías e modelos de negocio para desenvolver produtos e modelos comerciais cun impacto social e ambiental positivo

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, visitaron esta mañá a sede da empresa Internaco en Ordes, onde puideron coñecer os plans de crecemento da multinacional ordense, en especial a súa aposta pola innovación e a sostibilidade para seguir medrando.

 Patricia Argerey destacou a importancia da innovación para medrar e crear modelos de negocio que dean un valor engadido diferencial, algo especialmente relevante no sectores de servizos, distribución e comercio, como no caso de Internaco. A súa aposta pola innovación plásmase en múltiples proxectos de I+D+i no ámbito da sostibilidade e da dixitalización que están a respaldar o crecemento futuro da firma.
 Pola súa parte, Fernando Guldrís destacou o esforzo de Internaco para impulsar a súa presenza en novos mercados, para o que conta con axudas do Igape no ámbito da internacionalización, ademais doutros apoios para a contratación de servizos de mellora competitiva ou mesmo acceso a préstamos directos para o financiamento de novos equipamentos na empresa.
 O Grupo Internaco, con máis de 45 anos de historia, está especializado na distribución de maquinaría agrícola, forestal e de xardinería e, recentemente, fixo a súa incursión no sector da ferraxería. No ámbito da innovación, conta co proxecto Sustainovation Hub - Bosque e Xardín, a través do cal acelerou a evolución das máquinas de gasolina a batería, o cambio do mecánico ao dixital e das ferramentas manuais ás autónomas ou robóticas aplicando tecnoloxías como o Internet das Cousas e a Intelixencia Artificial nos seus produtos. O obxectivo é crear produtos e modelos comerciais máis respectuosos co medio ambiente e cun impacto social positivo, en colaboración cos seus socios e provedores en materia de deseño, desenvolvemento e proba dos diferentes produtos.
  

Con máis de 220 traballadores directos e 112 millóns de euros de facturación en 2021, Internaco dispón de centros loxísticos e oficinas en Ordes, Ourense, Xaén e Madrid e filiais en Portugal (Porto), Marrocos (Casablanca), Estados Unidos (Livermore, California) e México (Zelaya).

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis