A Xunta mobiliza este ano 400 M€ a través da Axenda Financeira para que Pemes e autónomos desenvolvan proxectos que contribúan á reactivación económica

Martes, 02 Agosto 2022 12:19
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo delegado territorial, Gonzalo Trenor, visitou na Coruña a nova sede de Afigal, que colabora coa Administración autonómica no desenvolvemento desta folla de ruta
  • Xa están en marcha liñas de avais e reavais por valor 80 millóns de euros que priorizan a resposta ás dificultades que atravesan as pemes máis afectadas polas consecuencias da guerra en Ucraína
  • Por primeira vez vanse activar préstamos parcialmente reembolsables, que permitirán ás compañías solicitar conxuntamente axudas e préstamos para financiar os seus proxectos
  • Destaca tamén o programa de transformación empresarial, dotado con 30 millóns de euros, para proxectos de dixitalización, internacionalización e innovación

 

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou hoxe na Coruña a nova sede da Sociedade de Garantía Recíproca Afigal, unha das entidades que colabora coa Administración autonómica no desenvolvemento da Axenda Financeira de Galicia 2022. Tal e como subliñou Conde, con esta folla de ruta a Xunta de Galicia está a mobilizar este ano 400 millóns de euros en medidas de apoio financeiro para o tecido empresarial galego.

O vicepresidente económico fixo fincapé en que, nun contexto económico adverso como o que estamos a vivir, a Administración ten que axudar ás pemes e autónomos para reforzar a súa solvencia e darlle acceso a crédito para que poidan gañar músculo, manter e xerar emprego, e desenvolver proxectos que contribúan á reactivación económica e a competitividade dos sectores estratéxicos galegos.

A Axenda Financeira busca actuar sobre tres ámbitos: o reforzo do capital das empresas, os instrumentos de débeda e a obtención de crédito. No marco desta Axenda, a Xunta de Galicia ten en marcha liñas de avais e reavais por valor 80 millóns de euros, que priorizan a resposta ás dificultades que atravesan as pemes máis afectadas polas consecuencias da guerra en Ucraína e que contan coa colaboración das Sociedades de Garantía Recíproca como Afigal.

Ademais, vanse activar os préstamos parcialmente reembolsables, para apoiar o investimento empresarial combinando financiamento e axudas directas. É dicir, por primeira vez ofréceselles ás empresas a posibilidade de solicitar conxuntamente axudas e préstamos para financiar os seus proxectos. Tamén destaca o programa de transformación empresarial, dotado con 30 millóns de euros, para proxectos de dixitalización, internacionalización, innovación ou consultaría que repercutan sobre a competitividade do tecido empresarial galego.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis