- O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participa en Múnic no encontro Transport Logistic, a maior feira loxística de Europa.
- Pon en valor fortalezas de Galicia como a experiencia en loxística de produtos refrixerados e conxelados, a existencia de portos áxiles ou a dispoñibilidade de chan empresarial adecuado para calquera tipo de empresa.
O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participa hoxe en Múnic na feira Transport Logistic, encontro internacional de loxística, mobilidade, e xestión da cadea de subministración, onde puxo en valor o potencial de Galicia como nodo loxístico internacional.
Neste sentido, Guldrís resaltou o papel que a Comunidade aspira a ter no sector a nivel internacional, reivindicando Galicia como un “enclave estratéxico para fluxos de mercadorías e para investimentos de alto compoñente loxístico”. Un obxectivo para o que, segundo detallou, a rexión participa por primeira vez “na maior feira de loxística de Europa” cunha representación que, da man do Clúster da función loxística de Galicia, suma unha decena de empresas galegas de loxística e transporte.
Sobre esta base, o director do Igape indicou que o encontro ten permitido manter máis dun centenar de reunións para traballar no posicionamento de Galicia como nodo loxístico internacional. “A Xunta ten claro que, no ámbito internacional, a loxística constitúe a base para a apertura comercial, a competitividade e a globalización económica, converténdose en peza fundamental para o crecemento económico”, apuntou.
O obxectivo é trasladar á comunidade loxística fortalezas de Galicia tales como a experiencia en loxística de produtos refrixerados e conxelados, sendo un dos principais exportadores de Europa; portos áxiles e seguros, dotados da protección natural das rías; e a dispoñibilidade de chan empresarial adecuado para novas implantacións empresariais.