Rueda salienta o bo clima de diálogo social en Galicia que permite axilizar e activar inversións industriais

Sábado, 29 Abril 2023 09:27
  • O presidente da Xunta asistiu á clausura das xornadas A enerxía factor determinante na competitividade industrial, organizadas pola Fundación Anastasio de Gracia e a Federación de Industria, Construción e Agro de UGT.
  • Agradece a colaboración de patronal e sindicatos na reclamación de financiamento europeo para proxectos estratéxicos para a comunidade e tamén na demanda do impulso de “infraestruturas xustas”, como o Corredor Atlántico do Noroeste.
  • Defende a “enorme oportunidade” de apostar polo desenvolvemento das enerxías renovables porque considera que redundará nunha mellora da competitividade.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou o “bo clima” de diálogo social que existe en Galicia que permite axilizar e activar inversións de carácter industrial. Así o valorou durante a súa intervención na clausura da xornada A enerxía factor determinante na competitividade industrial, organizadas en Vigo pola Fundación Anastasio de Gracia e a Federación de Industria, Construción e Agro de UGT.

Rueda puxo en valor os 57 encontros nos que teñen participado Xunta, patronal e sindicatos nos últimos tres anos con carácter construtivo e das que se amosou satisfeito polo que supón de avance do diálogo social na comunidade. Neste senso, agradeceu a colaboración que recibiu o Goberno galego para reclamar a chegada de financiación europea a través dos Fondos Next Generation a proxectos estratéxicos, en referencia aos de Stellantis, Altri ou de Reganosa, Repsol e Naturgy, e tamén para a demanda do impulso de “infraestruturas xustas” para Galicia, como o Corredor Atlántico do Noroeste.

Custo enerxético e aposta polas renovables

Na súa intervención o presidente da Xunta tamén se referiu ao factor determinante do custo enerxético na competitividade industrial. Neste senso, apuntou á “enorme oportunidade” que ofrece Galicia en materia de enerxías renovables, en referencia á eólica mariña, da que defendeu o seu máximo aproveitamento. “É o momento”, aseverou, ao tempo que considerou que isto redundará na mellora da competitividade.

Precisamente, asegurou que, no actual momento, as novas industrias de enerxía están a mirar cara a Galicia “como non o facían antes” porque, segundo argumentou, a comunidade conta coas condicións axeitadas. Por estes motivos, amosouse convencido de que a aposta polo desenvolvemento das enerxías renovables na comunidade suporá “multiplicar por miles os empregos de calidade existentes “ na actualidade.
  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis