A Xunta aposta pola transformación industrial das pemes galegas con novos apoios que permitirán promover máis de 200 proxectos de dixitalización

Luns, 05 Xuño 2023 17:44
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, visita en Nigrán as instalacións de Gaictech, empresa dedicada á fabricación de maquinaria para o sector conserveiro e do conxelado que implementou unha xestión integral dixital do seu proceso produtivo grazas ao programa de Dixitalización Industria 4.0.
  • Subliña que a nova convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, conta con 5M€ para apoiar a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor.
  • En réxime de concorrencia competitiva, cóbrense tanto proxectos colectivos como individuais que busquen implantar solucións de interacción, sistemas de intelixencia artificial ou aqueles encamiñados á dixitalización de procesos.

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe en Porto do Molle (Nigrán) as instalacións de Gaictech, empresa dedicada á fabricación de maquinaria para o sector conserveiro e do conxelado que implementou, grazas ao programa de Dixitalización Industria 4.0, unha xestión integral dixital do seu proceso produtivo, acadando unha maior eficiencia e control desde o pedido do cliente ata a subministración, pasando pola compra do material, o seu almacenamento e o corte láser do mesmo.

Neste marco, Guldrís sinalou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova convocatoria desta liña de apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes se abre mañá, e coa que se aspira a facilitar a transformación industrial das pemes galegas con novas axudas que permitirán promover máis de 200 proxectos de dixitalización.

Cun orzamento de 5 millóns de euros, facilitarase a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor; ou proxectos individuais cara á dixitalización e conectividade da peme.

Esta é a octava convocatoria do programa, que conta cunha ampla demanda desde o seu arranque en 2018, apuntou Guldrís, quen resaltou a súa importancia para impulsar a reactivación do tecido empresarial a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.

En réxime de concorrencia competitiva, cóbrense tanto proxectos colectivos como individuais que busquen implantar solucións de interacción, sistemas de intelixencia artificial ou aqueles encamiñados á dixitalización de procesos. As axudas cobren o 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas, e nos dous casos o 50% dos custos de colaboracións externas.

Internacionalización

Guldrís salientou tamén a aposta de Gaictech pola internacionalización, ao contar con equipos en 45 países. Un compromiso co que tamén ten contado co apoio do Goberno galego, tanto a través do programa Galicia Exporta como de diversas accións comercias levadas a cabo no marco do plan Foexga.

“Gaictech é un exemplo inmellorable das vantaxes da innovación, da dixitalización e da procura de novos mercados. Un traballo que está a permitir que Galicia acade, nos últimos anos, cifras récord nas súas exportacións”, concluíu o director do Igape.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis