Lorenzana destaca o posicionamento da automoción galega en México pola súa capacidade tecnolóxica para ampliar a oferta de servizos

Luns, 25 Setembro 2023 11:55
  • Considera que a industria do automóbil é un dos ámbitos onde máis posibilidades existen para seguir ampliando as relacións comerciais con México
  • No último lustro a tendencia das exportacións do sector galego da automoción cara ao país norteamericano foi crecente e o ano pasado situouse nos 102,5 M€
  • Pon Aludec como exemplo da aposta que está facendo o sector para incrementar a fabricación de produtos de alto valor engadido innovando nos procesos industriais


Puebla, 22 de setembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe o posicionamento que está logrando a automoción galega no mercado mexicano grazas á súa capacidade para ampliar a oferta de servizos da industria a partir da innovación tecnolóxica.

Seguindo coa súa rolda de visitas a empresas galegas afincadas no país, Lorenzana puxo como exemplo a Aludec, provedor internacional do sector da automoción, cuxas instalacións tivo a oportunidade de coñecer. Segundo dixo, trátase dunha compañía que leva décadas centrada en incrementar a fabricación de produtos de alto valor engadido incorporando novos procesos industriais para a produción e o deseño de compoñentes orixinais de decoración exterior e interior dos vehículos.

Lorenzana puxo en valor a súa capacidade para ofrecer unha ampla cobertura a todo o mercado norteamericano coas súas plantas en Puebla e EE.UU. E, nese sentido, remarcou que é un exemplo de como o sector galego da automoción se abre portas no mercado internacional co aval de innovación.

A industria do automóbil, tal e como lembrou a conselleira, é un dos ámbitos onde máis posibilidades existen para seguir ampliando as relacións comerciais con México. De feito, no último lustro a tendencia das exportacións do sector galego automoción cara ao país norteamericano foi crecente e o ano pasado situouse nos 102,5 M€.

Consello Consultivo para o Investimento do Estado de Puebla

A titular de Economía, Industria e Innovación participou, tamén, na reunión do Consello Consultivo para o Investimento do Estado de Puebla. Alí, Lorenzana puxo en común a política de atracción de investimentos que está seguindo Galicia e as oportunidades que vai xerar a transición enerxética para apostar por sectores de alta tecnoloxía e polas enerxías renovables.

  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis
  • A Xunta destaca o labor de Xesgalicia no seu XXV Aniversario como canle de financiamento público para impulsar a creación e a consolidación das empresas galegas
    Ler máis