Lorenzana pon en valor o nivel de implantación do tecido empresarial galego no mercado mexicano

Mércores, 20 Setembro 2023 17:44
  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou dúas máis das 84 firmas galegas implantadas no país, o Grupo Ramón García e a luguesa A Vida Group
  • Salienta que México é un mercado destacado na acción exterior do tecido empresarial galego cara a onde, en 2022, un total de 478 empresas galegas exportaron a súa produción ata acadar os 326M€
  • Apunta que, ademais de sectores consolidados como a automoción, o téxtil e o agroalimentario, Galicia ten oportunidades de seguir afianzando lazos coa economía mexicana en ámbitos como as infraestruturas, o contract, as telecomunicacións, o sector aeroespacial ou o turístico
  • Na segunda xornada de viaxe, Lorenzana tamén visitará a antena do Igape en México, unha oficina de apoio ás empresas galegas con intereses de negocio no país

 

Querétaro (México), 20 de setembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor o nivel de implantación que leva conseguido o tecido empresarial galego no mercado mexicano, especialmente, no sector da automoción, o téxtil ou a industria agroalimentaria.

No seu primeiro día de estadía en México —logo de coñecer as instalacións de Carrocerías Halcón, do Grupo Marsan— Lorenzana visitou dúas empresas galegas máis implantadas no país: o Grupo Ramón García e a luguesa A Vida Group. Son dous exemplos das 84 firmas galegas que, actualmente, están presentes no país.

O Grupo Ramón García, especializada no sector contract, e con sede na Coruña, conta cunha instalación produtiva en México desde 2014 e é recoñecido internacionalmente polos seus proxectos para grandes multinacionais. Está presente en 70 países e, dela, a conselleira destacou a súa capacidade para dar “respostas á medida” dos seus clientes. No que respecta a A Vida Group, tamén vinculada a este mesmo sector, e en pleno proceso de expansión, Lorenzana salientou “o xeito en que mestura innovación e sustentabilidade para facer únicos e dar maior versatilidade aos seus acabados”.

México é un mercado destacado na acción exterior do tecido empresarial galego cara a onde un total de 478 empresas galegas exportaron a súa produción en 2022 ata acadar os 326M€. Por sectores, no último lustro a tendencia das exportacións da industria da automoción foi crecente e o ano pasado situouse nos 102,5M€. Tamén o sector téxtil acadou en 2022 o seu máximo dos últimos cinco anos, 96M€. E, no relativo ao sector agroalimentario, o incremento das exportacións a México está a ser constante, pasando de 21,3M€ en 2019 a case 42M€ o ano pasado.

Lorenzana recoñeceu que se trata de sectores xa consolidados nas relacións comerciais entre México e Galicia que, por outra banda, ten oportunidades de seguir afianzando lazos en ámbitos como as infraestruturas, o contract, as telecomunicacións, o sector aeroespacial ou o turístico, abondou.

Visita a antena do Igape en México

Nesta segunda xornada de viaxe, a conselleira de Economía, Industria e Innovación visitará a antena do Igape en México, unha oficina de apoio ás empresas galegas con intereses de negocio no país. A través desta antena, entre 2021 e 2022, o Igape, en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña e dentro do programa de fomento das exportacións galegas (Foexga) leva organizado 5 misións comerciais a México, con 64 empresas participantes en total. A elas, súmanse as catro que se realizaron este ano.

  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis
  • A Xunta destaca o labor de Xesgalicia no seu XXV Aniversario como canle de financiamento público para impulsar a creación e a consolidación das empresas galegas
    Ler máis