Lorenzana subliña a aposta da Xunta por que a circularidade forme parte da cultura empresarial en Galicia

Venres, 01 Decembro 2023 12:16
  • Apunta que a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), puxo en marcha unha convocatoria de axudas directas para incentivar modelos de negocio circulares entre as empresas galegas
  • Asegura que a Cátedra Epifanio Campo vén demostrar que en Galicia hai moito talento para alumear novas propostas e solucións innovadoras que transferir á industria
  • Sinala que o futuro decreto que regula a carreira investigadora vai converter Galicia na primeira comunidade en regular as condicións de traballo do persoal investigador a cargo da Administración autonómica

Ferrol, 30 de novembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe o traballo que vén desenvolvendo a Xunta para conseguir que a economía circular forme parte da cultura empresarial en Galicia.

Durante a súa intervención na entrega dos II Premios de Investigación Epifanio Campo, que promove a Universidade da Coruña, destacou o tándem formado por esta institución xunto co Grupo Rodonita como impulsores desta cátedra: “Desde a Xunta cremos que o modelo no que traballa o Goberno galego co mundo empresarial e a universidade é o adecuado: traballar sempre desde a colaboración e o diálogo e, como neste caso, por que exista unha transferencia de tecnoloxía e coñecemento á sociedade e ao tecido produtivo”, subliñou a conselleira.

Lorenzana salientou que a sustentabilidade é hoxe un obxectivo transversal a todos os campos de actividade e, en particular, ao das empresas e a industria, nun modelo económico que tende aos cero residuos e cero emisións.

Neste contexto, apuntou que a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), puxo en marcha unha convocatoria de axudas directas para incentivar modelos de negocio circulares entre as empresas galegas, e que pemes e autónomos poidan desenvolver procesos e consumos máis eficientes, aforrar en recursos e enerxía e aproveitar mellor os residuos.

A titular de Economía, Industria e Innovación tamén sinalou que a circularidade está entre as prioridades dos proxectos que optan aos fondos europeos. En concreto, o de Altri, para a produción de fibras téxtiles a partir de celulosa de madeira, e o que promoven Repsol, Naturgy e Reganosa en Meirama, para xerar biocombustible a partir de residuos gandeiros.

Lorenzana concluíu asegurando que a Cátedra Epifanio Campo vén demostrar que en Galicia hai moito talento para alumear novas propostas e solucións innovadoras que transferir á industria. E, nese sentido, referiuse ao futuro decreto que regula a carreira investigadora, que vai converter Galicia na primeira comunidade en regular as condicións de traballo do persoal investigador a cargo da Administración autonómica.

 
 
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis