Lorenzana salienta que a nova Business Factory ClimaTech reforza a aposta de Galicia polo emprendemento innovador

Mércores, 20 Marzo 2024 16:12
  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, presentou esta aceleradora de empresas que se desenvolve en colaboración co Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular -Viratec- e á que a Xunta achega máis de 6 M€
  • A Business Factory ClimaTech busca fomentar a creación de novas empresas no sector de solucións ambientais e de economía circular cun alto impacto económico, social e ambiental, con proxectos innovadores e con vocación de internacionalización
  • A iniciativa impulsará preto de 40 novos proxectos en tres convocatorias sucesivas que atenderán as fases de incubación, aceleración e consolidación

 

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na asemblea xeral de Viratec- Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, onde presentou o acordo de colaboración entre esta organización e a Xunta -a través de Igape, Gain e Xesgalicia- para a posta en marcha da nova Business Factory ClimaTech. Segundo salientou Lorenzana, esta aceleradora de empresas permite reforzar a aposta polo emprendemento innovador da Xunta de Galicia, impulsando novos proxectos nun campo que, tal e como sinalou, “ten infinitas posibilidades no momento actual” e que vai permitir “diversificar e potenciar a economía galega”.

A responsable de Economía, Industria e Innovación, fixo fincapé en que o Goberno galego busca “crear en Galicia un polo de atracción empresarial, un ecosistema que sexa favorable para o emprendemento, a creación e o crecemento das empresas e as sinerxías empresariais”, sinalando que para iso é necesaria a colaboración entre todos os axentes.

Segundo se informou hoxe, ClimaTech permitirá impulsar novos proxectos empresariais en toda a cadea de valor do sector e reforzar a aposta de Galicia pola sustentabilidade ambiental do tecido produtivo. ClimaTech contará cun orzamento de preto de 6,3 M€, dos que a Xunta achegará máis do 95 % para desenvolver, durante os próximos tres anos, sucesivas convocatorias de carácter anual que permitirán impulsar 38 proxectos nas fases de incubación (5), aceleración (18) e consolidación (15).

Poderán acollerse á Business Factory ClimaTech emprendedores con proxectos innovadores, con vocación de internacionalización e con potencial para fortalecer o sector das solucións ambientais e da economía circular. Os participantes en ClimaTech contarán con titorizacións e recursos para dar forma ás súas ideas e convertelas en conceptos empresariais; con formación específica adaptada ás necesidades de cada un; ou con talleres grupais impartidos por expertos de prestixio no ámbito nacional e internacional.

Así mesmo, os beneficiarios disporán de titores con experiencia no sector ambiental e outras industrias conexas ao tempo que compartirán actividades conxuntas e gozarán de intercambios internacionais en ecosistemas colaboradores.

Cada edición do programa organizarase conforme a cinco fases: unha primeira de definición de retos e focalización dos proxectos; outra de lanzamento da convocatoria e difusión; a terceira, centrada na selección dos proxectos con maior potencial de incubación, aceleración e consolidación; unha cuarta que atenderá á execución dos itinerarios; e a última, de seguimento do impacto do programa.

Esta iniciativa forma parte da decidida aposta da Xunta de Galicia por impulsar aceleradoras de empresas, con actuacións que abranguen todo tipo de proxectos e localizacións territoriais. Unha ampla rede na que destacan as aceleradoras verticais no sector da automoción (BFAuto), aeroespacial (BFAero), fármacos (BFMedicines) ou no sector da alimentación, (BFFood). Completan a rede outras iniciativas como VíaGalicia, emprendemento innovador, multisectorial, especialmente no ámbito das TIC, agroalimentario ou téxtil, en colaboración co Consorcio da Zona Franca (Vigo e Lugo); así como Galicia Avanza, para a internacionalización de pemes, en colaboración con Tecnópole; ou Turislab, para proxectos turísticos.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis