Lorenzana resalta a política económica da Xunta como activo para que Galicia capte investimento exterior

Sábado, 23 Marzo 2024 09:10
  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co Foro Económico de Galicia
  • Apunta que en 2023 Galicia se situou como a oitava comunidade autónoma que máis investimento foráneo rexistrou, 416,3M€, un 132 por cento máis que o ano anterior
  • A conselleira quixo vincular esta tendencia ao “bo clima” que o Goberno galego está tratando de xerar para o investimento empresarial, cun compromiso decidido pola desburocratización e a aceleración de proxectos industriais
  • Destaca o labor de acompañamento ao tecido empresarial que a Xunta presta desde a Oficina Económica de Galicia. “A idea é clara: facilidade total”, remarca
  • Considera que “imos tarde” en asuntos como a xestión dos Perte ou o despregamento da rede de transporte eléctrico

 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, puxo hoxe en valor a política económica do Goberno galego como activo para que Galicia estea a captar investimento estranxeiro.

Nun encontro con membros do Foro Económico de Galicia, Lorenzana apuntou que en 2023 Galicia se situou como a oitava comunidade autónoma que máis investimento foráneo rexistrou, 416,3M€, un 132 por cento máis que o ano anterior, cando ocupaba a décimo cuarta posición. É dicir, pasou de representar o 0,5 por cento do total nacional en 2022 ao 1,5 por cento na actualidade. En paralelo, referiuse, tamén, ao récord exportador da comunidade, que pechou 2023 por riba dos 30.000M€.

A conselleira quixo vincular esta tendencia ao “bo clima” que o Goberno galego está tratando de xerar para o investimento empresarial, cun compromiso decidido pola desburocratización, a aceleración de proxectos industriais, así como cun acompañamento ao tecido empresarial que a Xunta presta desde a Oficina Económica de Galicia. “A idea é clara: facilidade total”, remarcou.

Mencionou, nesta liña, os plans directores que a Administración autonómica está a elaborar para seis sectores industriais declarados estratéxicos: metalmecánico, automoción, construción naval, forestal-madeira, TIC e loxística; dos cales, tres, xa están en fase de consultas (naval, automoción e TIC). Xunto co mapa industrial de Galicia, engadiu, son indispensables para por exemplo “equilibrar oferta e demanda en solo industrial”.

Lorenzana considerou tamén fundamental para o desenvolvemento industrial de Galicia, unha rede de transporte eléctrica adecuada, que volveu reclamar ao Estado para dar resposta ás novas industrias con interese por implantarse na comunidade. “Imos tarde”, alegou, porque o Ministerio para a Transición Ecolóxica non preveu identificar os polos de consumo.

Do mesmo xeito, avogou por “darlle un xiro” aos Perte porque “necesitamos ser competitivos desde o punto de vista do financiamento”. “Estamos chegando a un punto de colapso, na parte política e na parte técnica, porque o Goberno centralizou eses fondos e non ten capacidade para asumir a súa execución”, abondou, para criticar que Galicia recibise ata o de agora menos de 500M€ mentres que a empresas doutras comunidades xa se lle asignaron 300M€  a un único proxecto. “Hai un problema de discriminación -dixo-. Hai unha política clara de beneficiar a determinados territorios, ademais de ineficacia na xestión. E imos seguir denunciándoo”, aseverou.

Para concluír, a conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións puxo como exemplo o proxecto de Altri, que considerou un modelo de circularidade con implicación no sector téxtil , “non unha macrocelulosa”, deseñado atendendo a niveis de exixencia medioambiental superiores aos que marca a lexislación europea, buscando, ademais, a máxima reutilización dos recursos. Un proxecto cun impacto positivo na cadea monte-industria, esgrimiu.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis