Super User

  • Será aprobada no vindeiro Consello da Xunta, cun orzamento de 10,3 M€
  • Lembra que, por primeira vez, o Igape conta cunha área específica de innovación empresarial, que vai manexar un investimento de 60 M€ e desde a que se vai xestionar esta nova liña de apoios
  • “É un orgullo enorme ter empresas familiares en Galicia como esta: máis de 60 anos de tradición familiar, de esforzo, de talento e de intelixencia para converterse nunha fábrica que é líder no sur de Europa”, di sobre Pontevedresa Group

Pontevedra, 21 de decembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que o vindeiro Consello da Xunta aprobará a primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas.

Nunha visita ás instalacións de Pontevedresa Group, Lorenzana informou de que se trata dunha liña de apoios por valor de 10,3 M€ que implica, dixo, apostar por que as pequenas e medianas empresas non tecnolóxicas poidan contratar servizos doutras compañías que incorporen a intelixencia artificial nos seus procesos produtivos e que, polo tanto, melloren na súa eficiencia e competitividade, explicou.

A conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, lembrou que, por primeira vez, o Instituto Económico de Galicia (Igape) conta cunha área específica de innovación empresarial, que vai manexar un investimento de 60 M€ e desde a que se vai xestionar esta liña nova liña de apoios.

Con 65 anos de traxectoria, Pontevedresa Group é na actualidade o fabricante independente máis antigo de España no sector nacional do vidro, líder en todo o sur de Europa na fabricación de vidro tépedo ultra lixeiro de alta resistencia, baixo espesor e gran formato.

“É un orgullo enorme ter empresas familiares en Galicia como esta: máis de 60 anos de tradición familiar, de esforzo, de talento e de intelixencia para converterse nunha fábrica que é líder no sur de Europa no tipo de vidro que fabrica, provedora de moitos sectores industriais”, dixo. “Vidro fabricado en Galicia para o mundo”, enfatizou.

Lorenzana apuntou que a empresa acumula nos últimos anos un gran esforzo investidor tanto nesta planta –o primeiro proxecto singular declarado pola Xunta que se implantou no polígono da Reigosa–, como na que posúe no parque empresarial do Campiño (Pontevedra).

Todo isto fai de Pontevedresa Group o maior investidor industrial e empregador do sector do vidro en Galicia, cun récord de máis de 100 empregos directos, que representa un incremento do 70 por cento desde antes da pandemia.

  • Lorenzana destaca o papel da oficina que funciona coma un canal único de atención especializada para as empresas e a industria
  • Pola súa banda, José González valora positivamente o establecemento dun modelo regulatorio que dote de uniformidade os procedementos de posta en marcha de actividades comerciais sempre e cando se respecten a singularidades das CC.AA. e dos concellos
  • Os titulares de Economía e Comercio da Xunta volveron reclamar ao Goberno central unha política económica que favoreza a atracción de investimentos e o asentamento de empresas, piares do crecemento dun país

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participaron esta tarde por videoconferencia na Conferencia Sectorial para la Mejora Regulatoria y el Clima de Negocios. Unha xuntanza na que os representantes da Xunta volveron insistir nos importantes avances en materia de desburocratización, axilización e simplificación administrativa que está levando a cabo o Goberno galego para acompañar ás empresas.

Neste marco, a titular de Economía e Industria, destacou a creación da Oficina Económica de Galicia que depende do Igape, e a figura dos proxectos industriais estratéxicos, que se benefician dunha tramitación acelerada nun prazo máximo dun ano, permitindo así que as empresas desenvolvan as súas iniciativas dun xeito máis rápido e gañen en competitividade.

Segundo expuxo, a Oficina Económica de Galicia que tamén terá sede en Madrid -a primeira fóra da Comunidade- funciona coma un canal único para as empresas e a industria, e é o punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais, facilitando información, asesoramento e acompañamento. Desde a súa posta en marcha no mes de abril xa atendeu unhas 13.000 consultas.

Lorenzana explicou ademais que este servizo de atención especializada e próxima ás empresas permite a Galicia posicionarse como destino atractivo e diferenciado para o investimento, atraer e facilitar a implantación de novos negocios, seleccionar e captar os investimentos que complementen as cadeas de valor, e favorecer o mantemento e ampliación dos investimentos que xa existen na Comunidade.

Ordenanza tipo de comercio minorista

Pola outra banda, no marco da conferencia sectorial de hoxe, abordouse tamén a aprobación dunha ordenanza tipo de comercio minorista, que ten como obxectivo establecer un procedemento uniforme en todos os concellos —actualizando o modelo de 2013— relativo á supresión das licenzas municipais vinculadas á apertura dos establecementos comerciais permanentes de menos de 750 m², substituíndooas por outros medios de control máis áxiles, como as declaracións responsables.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, valorou positivamente o establecemento dun modelo regulatorio que dote de uniformidade os procedementos de posta en marcha de actividades comerciais, sempre e cando, remarcou, se respecten as singularidades das diferentes comunidades autónomas e concellos.

Nesta liña, destacou que a redución de trabas burocráticas é unha liña prioritaria pola que vén apostando de xeito estratéxico o Goberno galego e que constitúe un elemento clave para favorecer que máis emprendedores se animen a abrir os seus negocios, o que redunda, remarcou, na xeración de riqueza e emprego. Ademais, indicou que o impulso ao comercio en Galicia é unha prioridade para a Xunta, polo que no primeiro trimestre do ano que vén está previsto aprobar o Plan estratéxico do comercio 2025-2030.

Finalmente, os titulares de Economía e Comercio da Xunta reclamaron unha vez máis ao Goberno central que desenvolva unha política económica centrada no tecido produtivo, que favoreza a atracción de novos investimentos e o asentamento de empresas, piares fundamentais para o crecemento dun país.

  • A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, reúnese cos promotores da startup, a primeira española centrada en desenvolver un sistema de propulsión eléctrica para satélites que operan en órbitas baixas
  • Subliña que Kreios é “un exemplo de retorno para a comunidade, tanto desde a óptica de captación e retención de talento, como de impulso de iniciativas orientadas a reforzar o ecosistema tecnolóxico galego”

Lugo, 18 de decembro de 2024

A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, reuniuse hoxe cos promotores de Kreios Space nunha visita ás instalacións desta startup, xurdida na Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas da Civil UAVs Initiative, na Fundación CEL, en Lugo. Durante a visita, a directora destacou a achega de Kreios Space á diversificación e á internacionalización do sector aeroespacial galego.

Margarita Ardao coñeceu o traballo de Kreios Space da man do seu CEO, Adrián Senar, e de parte do seu equipo, aos que felicitou pola consecución de 1,12 M€ na resolución provisional da última convocatoria do Programa Tecnolóxico Espacial (PTE) do Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) para as dúas propostas nas que participou en consorcio con outras empresas. Este financiamento permitiralle á startup, especializada no desenvolvemento de sistemas de propulsión eléctrica para satélites, avanzar nas súas solucións.

O investimento súmase a outros fondos que a startup  logrou captar: 760.000 euros nunha rolda de investimento privada liderada por XesGalicia e GrowVenture Partners xunto cun exitoso crowdfuding. Durante o seu percorrido en BFAero, tamén obtivo 1,3 millóns de euros en financiamento público da man de programas coma o NEOTEC do CDTI ou o Programa de Centros de Fabricación Avanzada do Igape.

Kreios Space foi seleccionada no itinerario de incubación da 4ª edición da Business Factory Aero (2022) e no itinerario de aceleración da 5ª edición cun proxecto para o desenvolvemento dun sistema de propulsión eléctrico para satélites que permite mantelos indefinidamente en órbitas moi próximas á terra (VLEO), aumentando a resolución das imaxes recollidas e reducindo os custes.

A startup é un exemplo de creación e atracción de talento e empresas a Galicia co apoio da Xunta, xa que trasladou a súa sede social a Galicia logo do seu paso pola BFAero, onde está desenvolvendo novos proxectos, acometendo melloras técnicas no seu sistema de propulsión para satélites e impulsando unha estratexia de internacionalización. O seu obxectivo é chegar a Europa, América, Asia, Oriente Medio, Oceanía nun prazo de catro anos. “Kreios é un exemplo de retorno para a comunidade, tanto desde a óptica de captación e retención de talento como de impulso de iniciativas orientadas a reforzar o ecosistema tecnolóxico galego”, destacou Ardao.

Tal e como explicaron os promotores de Kreios, a súa previsión é duplicar o cadro de persoal nos vindeiros 12 meses para afrontar retos como a transformación das instalacións da súa cámara de baleiro en Vigo -financiada polo Programa de Centros de Fabricación Avanzada do Igape e que estará operativa a partir de marzo- nun centro estratéxico para a industria satelital europea.

O Programa Tecnolóxico Espacial (PTE) en Galicia

A directora Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial puxo en valor que tres empresas galegas teñan recibido financiamento na resolución provisional desta última convocatoria do Programa Tecnolóxico Aeronáutico por un importe superior a 2,8 millóns de euros. Trátase de Kreios Space, coa participación en dúas propostas; de Televés e de Alén Space.

Ardao fixo un chamamento ás empresas galegas a unir esforzos e crear sinerxías para optar a convocatorias nacionais e internacionais que, como a do CDTI, permitan sumar capacidades ao sector aeronáutico e aeroespacial en Galicia.

A Business Factory Aero

A Business Factory Aero, programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial da Civil UAVs Initiative, apoiou ao longo das súas cinco edicións un total de 46 proxectos empresariais, que mobilizaron un investimento de preto de 7,8 millóns de euros e que rexistraron unha facturación conxunta de 9,2 millóns.

  • Na actualidade Xesgalicia contabiliza un volume de investimento de 462 millóns de euros en 520 operacións aprobadas de 330 empresas

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2024

A Xunta destacou hoxe o labor que desempeña Xesgalicia como canle de financiamento público para impulsar a creación e a consolidación das empresas galegas.

Esta tarde tivo lugar o acto de celebración do XXV Aniversario de Xesgalicia, unha sociedade que na actualidade contabiliza un volume de investimento de 462 millóns de euros en 520 operacións aprobadas (entre participacións en capital e préstamos participativos) de 330 empresas.

Neste sentido, a sociedade leva 25 anos sendo un apoio fundamental para o fortalecemento do tecido empresarial galego e un brazo investidor para dar soporte e impulso ás empresas nos seus plans de negocio como é o caso de CZ Veterinaria, Innolact, Origo Biofarma, Galega de Economía Social (Cogami), a Agrupación de Cooperativas Lácteas ou a Adega Condes de Albarei, entre outras.

Xesgalicia seguirá traballando nesta liña para ver nacer novas iniciativas e medrar as xa asentadas en Galicia. Así, para 2025, contará con saldos para investimentos por importe de 140 millóns de euros, dos que se prevén utilizar 22 millóns; e ademais os apoios do Igape ás empresas en materia de financiamento pasarán de 104 millóns de euros no 2024 a 152 millóns, o orzamento máis alto dos últimos cinco anos.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo unha reunión de traballo con representantes da Unión de Cooperativas de Galicia – EspazoCoop, no que se puxo en valor a importancia do cooperativismo para o desenvolvemento económico de Galicia
  • Resalta o papel da Oficina Económica de Galicia como “unha nova forma de conectar coas empresas, facilitando e promovendo a desburocratización, e achegando ao tecido produtivo unha administración máis accesible”
  • Lembra que o 2025 será o Ano Internacional das Cooperativas e subliña a importancia deste modelo como motor para a creación dun futuro máis sustentable, xusto e participativo

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe nun encontro de traballo con representantes da Unión de Cooperativas de Galicia – EspazoCoop. No encontro, no que estivo acompañada por Natalia Barros, directora da Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape, púxose en valor a importancia da colaboración público-privada para impulsar a competitividade e o crecemento sustentable do tecido empresarial galego, especialmente no sector cooperativo.

Durante a reunión, Toca resaltou a importancia do papel da Oficina Económica de Galicia “para conectar coas empresas, facilitando e promovendo a desburocratización e achegando unha administración máis accesible”​, o que permitirá potenciar o desenvolvemento das iniciativas empresariais a través dun acompañamento máis áxil, directo e eficaz.

A directora do Igape tamén lembrou que o 2025 será o Ano Internacional das Cooperativas, unha conmemoración global que subliña a relevancia deste modelo como motor para a creación dun futuro máis sustentable, xusto e participativo​. Neste sentido, destacou o papel das cooperativas como un dos piares fundamentais da economía galega e incidiu na necesidade de apostar pola innovación e a dixitalización para consolidar o seu crecemento a longo prazo.

Covadonga Toca fixo fincapé na importancia de traballar man a man co sector cooperativo, “un modelo organizativo que achega valor social e económico, favorece o emprego de calidade e promove a igualdade de oportunidades”​.

A visita concluíu cun chamamento á colaboración público-privada para seguir consolidando o cooperativismo e a economía social como ferramentas clave para o desenvolvemento económico sustentable en Galicia.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na inauguración da Xornada da Industria, no marco da X Edición da Maker Faire Galicia, onde pon en valor a nova área de innovación do Instituto para modernizar e desenvolver tecnolóxicamente ás pemes galegas e impulsar a transferencia de tecnoloxía entre centros de investigación e empresas
  • Destaca o Biopolo da Sionlla, espazo no que se celebrou o acto, como “manifestación do compromiso de Galicia coa creación de ecosistemas que fomenten a innovación e o desenvolvemento empresarial”
  • Felicita á Maker Faire Galicia no décimo aniversario por converterse nun “referente internacional da creatividade e da tecnoloxía, posicionando a nosa comunidade como un faro de innovación no ámbito global”

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024

A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou esta mañá durante a inauguración da Xornada da Industria, celebrada no marco da X Edición da Maker Faire Galicia, o papel esencial da innovación como ferramenta para impulsar a competitividade das empresas galegas e xerar valor engadido no tecido produtivo. O evento tivo lugar no Biopolo da Sionlla.

Durante a súa intervención, Toca Carús subliñou o traballo realizado desde o Igape coa creación da nova área de innovación empresarial, que busca “modernizar e desenvolver tecnolóxicamente ás pemes galegas, promover a creación de empresas innovadoras en sectores estratéxicos e impulsar a transferencia de tecnoloxía entre centros de investigación e empresas”. 

Neste marco, a directora do Igape animou ás empresas galegas a asumir a innovación como un enfoque estratéxico para o seu crecemento. “A innovación non é só unha ferramenta; é unha mentalidade que impregna toda a estrutura dunha organización”, explicou, antes de sinalar que a Xunta de Galicia seguirá apostando pola cultura da innovación, promovendo iniciativas que permitan ás empresas incorporar tecnoloxías avanzadas, dixitalizar procesos e mellorar a súa competitividade.

Así mesmo, Toca Carús aproveitou a ocasión para felicitar ao equipo organizador da Maker Faire Galicia polo seu décimo aniversario. “Grazas ao seu esforzo, a Maker Faire Galicia converteuse nun referente internacional da creatividade e da tecnoloxía, posicionando a nosa comunidade como un faro de innovación no ámbito global”, afirmou. 

O papel do Biopolo da Sionlla como motor de transformación

A Xornada da Industria celebrouse no Biopolo da Sionlla, un espazo clave para o desenvolvemento da biotecnoloxía en Galicia. Segundo a directora do Igape, “o Biopolo da Sionlla é moito máis ca un espazo físico; é unha manifestación do compromiso de Galicia coa creación de ecosistemas que fomenten a innovación e o desenvolvemento empresarial”. 

Nesta xornada participaron representantes de empresas punteiras, centros de investigación e emprendedores que están a liderar o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas avanzadas. O espazo, segundo Toca, simboliza o compromiso de Galicia coa creación de ecosistemas innovadores capaces de atraer e reter talento, industrializar sectores emerxentes como a biotecnoloxía e potenciar a sustentabilidade como eixo central do crecemento económico.

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa no acto homenaxe ás empresas que compren 25 anos na Asociación Área Empresarial do Tambre, á que sitúa como “exemplo” de como a colaboración entre empresas, asociacións e administracións pode transformar un territorio
  • Subliña a relevancia da colaboración público-privada para fomentar a innovación e fortalecer o talento, impulsar a internacionalización, e facilitar o acceso ao financiamento
  • A directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López García, que interveu en nome dos galardoados, destaca a solidariedade e o traballo conxunto como unha das fortalezas do tecido empresarial, comercial e social galego

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2024

A  directora do Igape, Covadonga Toca, e a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López García, participaron hoxe no acto organizado pola Asociación Área Empresarial do Tambre para homenaxear a nove compañías que celebran 25 anos de actividade no Polígono do Tambre, entre as que está a propia axencia de doazón. Durante a súa intervención, Toca destacou a importancia de valores como “a innovación, a resiliencia e a aposta pola calidade como claves para o éxito empresarial e o desenvolvemento económico sustentable en Galicia”.

Covadonga Toca definiu o Polígono do Tambre como un exemplo de como a colaboración entre empresas, asociacións e administracións pode transformar un territorio, creando emprego e riqueza. “As case 600 empresas que operan aquí, xerando máis de 7.000 postos de traballo directos, son unha proba de que a unión de esforzos e visión pode facer realidade proxectos que fortalecen o tecido económico e social”, sinalou.

Neste marco, durante a súa intervención, a directora do Igape subliñou a importancia da cooperación público-privada como ferramenta para fomentar a innovación, fortalecer o talento e impulsar a internacionalización das empresas galegas. 

Toca resaltou o traballo desenvolvido desde a Xunta de Galicia para facilitar o acceso ao financiamento e acompañar as empresas no camiño cara á modernización tecnolóxica e a competitividade global. Ademais, fixo referencia á creación da Oficina Económica de Galicia, un punto de contacto único que ofrece unha “nova maneira de relacionarse coas empresas de forma máis próxima, áxil e eficiente”.

A directora do Igape tamén destacou o papel do Biopolo da Sionlla, como un dos principais nodos de coñecemento biotecnolóxico de Galicia. Este espazo, froito da colaboración público-privada, ofrece infraestruturas avanzadas para o desenvolvemento de proxectos innovadores, consolidando Santiago como un referente no sector biotecnolóxico.

Toca eloxiou o compromiso das empresas homenaxeadas, que, segundo ela, representan os mellores valores do tecido empresarial galego. “Hoxe recoñecemos o labor de compañías que apostaron pola innovación e a excelencia durante 25 anos, xerando emprego e riqueza para Galicia. Son un exemplo para as novas xeracións e un motivo de orgullo para todos nós”, declarou.

Un galardón para ADOS

Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS,) Marisa López García, foi a encargada de pronunciar unhas palabras en representación dos galardoados e salientou que o establecemento de sinerxías, o compromiso solidario e o desenvolvemento de liñas de traballo conxunto son unha das fortalezas do noso tecido empresarial, comercial e social.

Este compromiso solidario tense traducido, no caso da Axencia, nunhas cifras de doazón especialmente salientables no caso da cidade de Santiago de Compostela que, no pasado 2023, acadou un índice de 88 doazóns por cada 1.000 habitantes, a cifra máis elevada de entre as sete cidades galegas, con 8.686 doazóns de sangue.

Marisa López animou a todos os colectivos a continuar artellando unha rede de solidariedade e colaboración que redunde na consolidación dunha conciencia social favorable aos distintos xeitos de doazón"

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, clausurou hoxe un encontro de despedida dos bolseiros que participan no programa de internacionalización do Igape
  • En total son 47 os beneficiarios na última convocatoria deste programa, que conta cun investimento de 3M€
  • Os participantes van ter a posibilidade de especializarse en comercio exterior con estadías de ata 22 meses nas antenas do Igape e as sedes do ICEX no estranxeiro, e tamén nos clústeres, centros tecnolóxicos e cámaras de comercio de Galicia
  • “A internacionalización témola que ver nunha dobre vía: esa vía de saír ao exterior pero tamén, sen lugar a dúbidas, pensando que nese mercado global Galicia está competindo e, polo tanto, temos que ser quen de atraer produtos, empresas, investimentos do estranxeiro cara á comunidade”, di Lorenzana

 

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou a vontade da Xunta de seguir impulsando a internacionalización da economía, tanto para aumentar a presenza de empresas galegas no mercado exterior como para incentivar a captación de investimentos cara a Galicia.

Lorenzana interveu hoxe nun encontro de despedida aos mozos e mozas que participan no programa de bolsas de internacionalización do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), ao que nesta convocatoria se lle asignou a contía máis alta de orzamento, 3 M€, con 91 solicitudes e un total de 47 beneficiarios.

Esa iniciativa ofrécelles a posibilidade de especializarse en comercio exterior con estadías de ata 22 meses nas antenas do Instituto Económico de Galicia (Igape) e as sedes do ICEX no estranxeiro, e tamén nos clústeres, centros tecnolóxicos e cámaras de comercio de Galicia.

Concretamente, 18 dos 47 bolseiros desta edición irán a Aclunaga, Anfaco, Asime, Bioga, CITIC (Centro de Investigación en TIC), Clúster Audiovisual Galego (CLAG), Clusaga, Cluster da Loxística, Clúster TIC, Clúster de Turismo, Clúster Saúde de Galicia, Gradiant, e ás Cámaras de Comercio de Santiago, Vigo e A Coruña.

Outros 29, irán ao estranxeiro: sete, ás antenas do Igape en México (2 persoas), Miami, Dubai, Tokio e Casablanca (2 persoas); un á Cámara de Comercio de España en Santiago de Chile; e 21 ás oficinas do ICEX en todo o mundo que supoñen un récord de presenza de bolseiros Igape na Rede de Oficinas Económicas e Comerciais no Exterior do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, “o cal fala moi ben do recoñecemento que ten este programa despois de 30 anos de convocatorias”, dixo a conselleira.

“A internacionalización témola que ver nunha dobre vía: esa vía de saír ao exterior pero tamén, sen lugar a dúbidas, pensando que nese mercado global Galicia está competindo e, polo tanto, temos que ser quen de atraer produtos, empresas, investimentos do estranxeiro cara á comunidade”, remarcou.

A conselleira asegurou que ese é un dos obxectivos nos que está traballando o Goberno galego, conscientes, dixo de que “o que precisa unha empresa cando vén investir a un territorio é un Goberno que facilite esa instalación”. Avogou, así, por avanzar na desregulación, na desburocratización e en facilitar ao máximo a actividade do tecido empresarial. Nesta liña, destacou o esforzo da Xunta por ofrecer solo  industrial gratuíto e de forma rápida e tamén por avanzar na autonomía estratéxica vinculando todo o desenvolvemento enerxético da Comunidade co da industria.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2024

O Instituto Económico de Galicia (Igape) recibiu esta mañá a visita dunha vintena de estudantes e profesores dos ciclos medio de carpintería e moble e superior dual de deseño e amoblamento do IES de Melide, no marco das actividades que este centro educativo está a desenvolver na Aula de Emprendemento da Formación Profesional.

Durante a visita, os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer as actividades que o Igape realiza no apoio ao tecido produtivo de Galicia, ao tempo que descubriron o funcionamento e as instalacións da Oficina Económica de Galicia, onde os seu responsables lles explicaron que “é unha nova vía para conectar coas empresas e as persoas emprendedoras, facilitando a implantación e desenvolvemento das súas iniciativas empresariais, promovendo a desburocratización e o acompañamento para lograr unha administración máis accesible”.

Este tipo de iniciativas, impulsadas polo Goberno galego, teñen como obxectivo fundamental achegar os estudantes ás diferentes institucións da administración pública para que coñezan de primeira man o seu funcionamento e o papel que xogan no desenvolvemento económico e social da comunidade. A través destas visitas, os mozos e mozas non só acceden a un mellor entendemento das funcións que desempeñan as institucións, senón que tamén se familiarizan coas políticas e os recursos que se dispoñen para apoiar a innovación, o emprendemento e a actividade empresarial na súa contorna.

  • Lorenzana avoga por mesturar innovación e sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial
  • Subliña que nun mercado global é imprescindible que unha empresa ofreza valor engadido
  • Salienta que por primeira vez o Igape disporá dunha área específica de innovación empresarial na que se van investir 60 M€

Pontevedra, 4 de decembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por mesturar a innovación e a sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial.

Así o manifestou na súa intervención na inauguración das novas instalacións da empresa Birdmind no polígono do Campiño, en Pontevedra, especializada na fabricación de mobiliario elaborado con residuos agrícolas para o sector retail, que patenta un tipo de taboleiro feito con cáscaras de arroz. “Unha empresa -dixo Lorenzana- que soubo ver as posibilidades infinitas da economía circular e fixo diso o seu modelo de negocio”.

Durante a visita, na que estivo acompañada polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, a conselleira fixo fincapé en que “nun mercado global coma o que estamos, é imprescindible que unha empresa ofreza un valor engadido” que a diferencie do resto de produtos que hai no mercado.

Neste sentido, sinalou que a competitividade do tecido produtivo se basea en dous piares fundamentais, como son “o traballo conxunto do sector privado, -neste caso do contract- e a colaboración público-privada”, e “o valor innovador, pois é a base de todo no mercado global”, apuntou.

Ademais, Lorenzana destacou o apoio da Xunta de Galicia con case 1 millón de euros para programas de impulso á sustentabilidade e sinalou que “isto é unha mostra do que deben de facer as administracións, ofrecer ás empresas unha solución alternativa ao que fan as entidades financeiras e complementarnos”.

Así, lembrou que o Igape contará por “primeira vez na historia” cunha área específica de innovación dotada con 60 millóns de euros ligada ás pequenas e medianas empresas, e ademais, “continuaremos traballando coa rede de aceleradoras como ata o de agora”, subliñou.

Finalmente, María Jesús Lorenzana, mostrou o orgullo do Goberno galego por formar parte de proxectos como o de Birmind, “que se poden facer realidade con fondos públicos” e destacou que “o crecemento de Galicia pasa en definitiva, polo crecemento das empresas”.

Páxina 1 de 42