Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2024
O Instituto Económico de Galicia (Igape) recibiu esta mañá a visita dunha vintena de estudantes e profesores dos ciclos medio de carpintería e moble e superior dual de deseño e amoblamento do IES de Melide, no marco das actividades que este centro educativo está a desenvolver na Aula de Emprendemento da Formación Profesional.
Durante a visita, os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer as actividades que o Igape realiza no apoio ao tecido produtivo de Galicia, ao tempo que descubriron o funcionamento e as instalacións da Oficina Económica de Galicia, onde os seu responsables lles explicaron que “é unha nova vía para conectar coas empresas e as persoas emprendedoras, facilitando a implantación e desenvolvemento das súas iniciativas empresariais, promovendo a desburocratización e o acompañamento para lograr unha administración máis accesible”.
Este tipo de iniciativas, impulsadas polo Goberno galego, teñen como obxectivo fundamental achegar os estudantes ás diferentes institucións da administración pública para que coñezan de primeira man o seu funcionamento e o papel que xogan no desenvolvemento económico e social da comunidade. A través destas visitas, os mozos e mozas non só acceden a un mellor entendemento das funcións que desempeñan as institucións, senón que tamén se familiarizan coas políticas e os recursos que se dispoñen para apoiar a innovación, o emprendemento e a actividade empresarial na súa contorna.