- Lorenzana avoga por mesturar innovación e sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial
- Subliña que nun mercado global é imprescindible que unha empresa ofreza valor engadido
- Salienta que por primeira vez o Igape disporá dunha área específica de innovación empresarial na que se van investir 60 M€
Pontevedra, 4 de decembro de 2024
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por mesturar a innovación e a sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial.
Así o manifestou na súa intervención na inauguración das novas instalacións da empresa Birdmind no polígono do Campiño, en Pontevedra, especializada na fabricación de mobiliario elaborado con residuos agrícolas para o sector retail, que patenta un tipo de taboleiro feito con cáscaras de arroz. “Unha empresa -dixo Lorenzana- que soubo ver as posibilidades infinitas da economía circular e fixo diso o seu modelo de negocio”.
Durante a visita, na que estivo acompañada polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, a conselleira fixo fincapé en que “nun mercado global coma o que estamos, é imprescindible que unha empresa ofreza un valor engadido” que a diferencie do resto de produtos que hai no mercado.
Neste sentido, sinalou que a competitividade do tecido produtivo se basea en dous piares fundamentais, como son “o traballo conxunto do sector privado, -neste caso do contract- e a colaboración público-privada”, e “o valor innovador, pois é a base de todo no mercado global”, apuntou.
Ademais, Lorenzana destacou o apoio da Xunta de Galicia con case 1 millón de euros para programas de impulso á sustentabilidade e sinalou que “isto é unha mostra do que deben de facer as administracións, ofrecer ás empresas unha solución alternativa ao que fan as entidades financeiras e complementarnos”.
Así, lembrou que o Igape contará por “primeira vez na historia” cunha área específica de innovación dotada con 60 millóns de euros ligada ás pequenas e medianas empresas, e ademais, “continuaremos traballando coa rede de aceleradoras como ata o de agora”, subliñou.
Finalmente, María Jesús Lorenzana, mostrou o orgullo do Goberno galego por formar parte de proxectos como o de Birmind, “que se poden facer realidade con fondos públicos” e destacou que “o crecemento de Galicia pasa en definitiva, polo crecemento das empresas”.