Lorenzana aposta por seguir impulsando a modernización e a diversificación no sector naval

Mércores, 28 Febreiro 2024 09:18
  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con representantes de Aclunaga para avaliar conxuntamente os retos e necesidades desta industria
  • Sinala que o papel do clúster vai ser indispensable na redacción do Plan director do sector naval que vai elaborar a Xunta de Galicia
  • Reclama ao Goberno central que saque unha nova convocatoria do Perte para este sector

 

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2024
 

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro con representantes do Clúster do naval galego (Aclunaga) para tratar a situación desta industria en Galicia e para avaliar conxuntamente os retos e necesidades deste sector que resulta estratéxico para a economía galega.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións apostou por continuar apoiando o naval para seguir impulsando a súa modernización e diversificación. Neste eido, lembrou que unha das últimas medidas aprobadas para o sector foi, o pasado xoves no Consello da Xunta, estender a concesión de garantías do fondo de garantía recíproca, en colaboración con Pymar, a toda a cadea de valor, para incluír tanto a estaleiros como a empresas e armadores.

Lorenzana sinalou que o papel de Aclunaga vai ser indispensable para redactar o futuro Plan director do sector naval, que forma parte da nova estratexia industrial de Galicia xunto co mapa industrial por sectores que vai elaborar a Xunta para coñecer polo miúdo as necesidades da industria galega. Tal e como subliñou a conselleira, Aclunaga conta con 130 asociados que abranguen toda a cadea de valor, entre os que se atopan estaleiros, empresas da industria auxiliar, organismos de I+D+i e entidades de servizos de apoio; así como Administración pública e asociacións profesionais. Polo tanto, as súas achegas serán fundamentais para poder facer unha radiografía exacta do sector.

Tal e como lembrou Lorenzana, o naval galego pechou 2023 liderando a carteira de pedidos en toda España, con preto do 40 % da contratación. A pesar disto, a Comunidade só recibiu un 8,39 % do total resolto no Perte naval. Por iso, reclamou unha vez máis ao Goberno central que pense no tecido produtivo galego e saque unha nova convocatoria deste Perte, fundamental para a innovación e a modernización do naval galego.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis