Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas

Xoves, 21 Novembro 2024 17:35
  • “Tócanos competir e debemos facelo coas ferramentas axeitadas”, di
  • Pon en valor a estratexia económica do Goberno galego “pensada por e para a empresa” e baseada na desburocratización e na aceleración de proxectos industriais e do acceso ao solo

A Coruña, 21 de novembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que o talento xoga un papel fundamental na competitividade e no desenvolvemento das empresas galegas.

Lorenzana clausurou hoxe a Feira pola empresa e o emprego onde destacou que nunha economía cada vez máis internacionalizada “tócanos saber competir e debemos facelo coas ferramentas axeitadas para gañar en competitividade”, dixo.

Durante a súa intervención puxo en valor que a estratexia e a política económica da Xunta está pensada por e para as empresas e apuntou que “o benestar do noso territorio pasa polo desenvolvemento económico e a mellora das nosas empresas, o seu crecemento e a atracción doutras novas”.

Neste sentido, destacou que o Goberno galego ten unha estratexia a nivel industrial baseada na aceleración da dispoñibilidade de solo industrial para as empresas e no abaratamento do solo “coa que poñemos a disposición das empresas o noso solo público de maneira gratuíta durante oito anos”, e tamén na axilización na tramitación dos proxectos industriais para o que “regulamos figuras de aceleración industrial que permiten crear pequenos polígonos nunha media de ano e medio”, explicou.

A titular de Economía e Industria subliñou que as empresas son fundamentais para o crecemento da economía e da industria e sinalou que “é responsabilidade nosa, das Administracións, facilitarlles as condicións axeitadas”.

Nesta liña, aludiu á posta en marcha da Oficina Económica de Galicia que depende do Igape co obxectivo de avanzar na desburocratización, dinamizar a actividade empresarial na Comunidade e promover o investimento. Desde a súa posta en marcha no mes de abril xa atendeu unhas 10.500 consultas e unhas 500 reunións de asesoramento. “Temos un punto de asesoramento e acompañamento para a posta en marcha dos vosos proxectos”, dixo.

Finalmente a conselleira apuntou que o obxectivo do Goberno galego é que Galicia e a súa economía sigan medrando, que as empresas galegas continúen expandíndose en novos mercados que a Comunidade funcione como “un foco de atracción para novos proxectos”.

  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis
  • A Xunta destaca o labor de Xesgalicia no seu XXV Aniversario como canle de financiamento público para impulsar a creación e a consolidación das empresas galegas
    Ler máis