Super User

  • A iniciativa da Xunta de Galicia, na que participaron traballadores de empresas galegas de todos os sectores, englobou tanto cursos especializados como seminarios e webinarios con representantes de marketplaces como Alibaba ou Amazon
  • O programa formativo iniciouse en setembro de 2021 e prolongouse ata este mes de abril, achegando cada semana unha sesión temática en formato en liña e de 45 minutos de duración que permanecen dispoñibles na plataforma virtual do curso para a súa consulta
  • Os participantes afondaron nas bases do comercio electrónico como canle de acceso para novos mercados, e xa se está a traballar nun novo curso centrado nos fundamentos estratéxicos para a internacionalización dixital 

 A Xunta de Galicia ten facilitado a formación nos procesos de internacionalización dixital nos novos escenarios post-covid a máis de 400 profesionais de empresas galegas de diferentes sectores inscritos no curso Fórmat-e do Igape. 

O curso ofrecido pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que ven de concluír logo de impartirse 30 sesións en dez módulos, deseñouse para dar a coñecer as bases destes procesos de busca de novos mercados a través de ferramentas dixitais, permitindo aos participantes adquirir coñecementos e competencias sobre diversas materias. Entre estas, poden destacarse a elaboración de plans estratéxicos dixitais, a intelixencia competitiva, a contorna legal, o márketing dixital, comunicación e publicidade, modelos de distribución de e-commerce, operacións no negocio dixital, os mercados dixitais, a negociación internacional ou as xestións aduaneiras.

Estes coñecementos resultan un factor diferencial para gañar competitividade internacional e, ao mesmo tempo, sensibilizan ás empresas sobre a importancia do comercio electrónico nas súas estratexias de internacionalización. Ademais, o curso permitiu tamén afondar nos programas de axudas para impulsar a internacionalización, como o Galicia Exporta  Dixital, que ten nestes momentos aberta unha nova convocatoria. 

A iniciativa engloba tanto cursos especializados como seminarios e webinarios coa participación dalgún dos máis importantes marketplaces do mundo como Alibaba ou Amazon, co obxectivo de ofrecer formación empresarial para crecer no novo escenario marcado pola pandemia, que ten cambiado a forma de consumir a nivel mundial, cun incremento exponencial do comercio electrónico. 

O programa formativo iniciouse en setembro de 2021 e prolongouse ata este mes de abril. Cada semana tivo lugar unha sesión temática, en formato en liña e de 45 minutos de duración, que permanecen dispoñibles na plataforma virtual do curso para a súa consulta. 

As cifras de inscrición do programa -que contou con participantes de diversos sectores, desde o téxtil, á  enxeñaría, o  contract, o agroalimentario, o químico ou o turístico-, poñen de manifesto a boa acollida desta iniciativa por parte do tecido empresarial galego. 

Por este motivo xa se está a traballar nun novo curso que afondará nos fundamentos estratéxicos para a internacionalización dixital, facilitando competencias técnicas que permitan aos directivos das empresas xestionar de forma efectiva os seus procesos de internacionalización dixital.

A previsión é poder activalo no último trimestre do ano cunha estrutura similar á desenvolvida  no Fórmat-e, dirixido a directivos e profesionais de comercio exterior de empresas cun plan de internacionalización dixital, a través de dúas sesións semanais de curta duración de formato webinario co soporte dunha plataforma de e-learning.

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participou en Noia na iniciativa Camiño de futuro, onde avanzou a nova convocatoria do programa Talento Sénior, que prevé atraer a Galicia 14 profesionais de alta cualificación cunha experiencia mínima de cinco anos
  • A Xunta de Galicia e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) poñen en marcha este programa, no que poderán inscribirse ata 30 empresas galegas
  • O obxectivo deste programa é que solucións innovadoras de calquera sector acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor prazo posible
  • As pemes seleccionadas accederán a itinerarios personalizados durante oito meses
  • O Goberno galego e a Tecnópole veñen desenvolvendo conxuntamente nos últimos anos varias iniciativas de aceleración, como Agrobiotech e Connect-19

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación —a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)— e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) poñen en marcha Galicia Avanza, un programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas no que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica. As solicitudes deberán presentarse ata o 18 de maio neste enlace.

A aceleradora Galicia Avanza desenvolverase nas instalacións de Tecnópole, no polígono de San Cibrao das Viñas (Ourense). Ten como obxectivo que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible. Aspírase así a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación no mercado internacional ademais de incrementar a atracción de financiamento externo, maximizando a captación de fondos públicos ou privados. Traballarase, ademais, na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras empresas, entre outros aspectos.

Criterios de selección

Á hora de seleccionar as pemes beneficiarias do programa, valorarase o potencial de internacionalización dos seus produtos ou servizos. Tamén se primará o seu grao de innovación, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no mercado exterior.

Itinerarios personalizados para cada empresa durante oito meses

Galicia Avanza ofrece un programa de aceleración de oito meses de duración con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas participantes tamén poderán acceder a mentorización e asesoramento, capacitación e formación comercial e técnica e encontros finais para darlles visibilidade.

Durante os primerios dous meses, titores expertos coñecedores do desenvolvemento de negocios e a internacionalización de produtos e servizos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes seis meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cubrirán as necesidades detectadas nos itinerarios e farán un seguimento deles. De xeito paralelo, os beneficiarios poderán acceder a unha carteira de mentores experimentados e recibirán formación específica en internacionalización.

Experiencia en aceleración de empresas

Desde o ano 2015 a Xunta de Galicia e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) veñen colaborando en diferentes iniciativas no ámbito da aceleración de empresas, como é o caso dos programas Agrobiotech e Connect-19. A esta experiencia en metodoloxías de aceleración da comercialización de produtos e servizos innovadores súmase o coñecemento que ten o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en materia de internacionalización de empresas para dar lugar ao programa Galicia Avanza.

Ademais de acoller esta aceleradora, Tecnópole é a sede dun dos 11 espazos coworking que a Xunta está a convocar por toda a xeografía galega para acompañar novas iniciativas empresariais na súa fase inicial ou de consolidación. Tamén dá acubillo a iniciativas formativas como a Aula Newton e un polígono virtual con diferentes servizos e produtos de dixitalización, que se porá en marcha grazas ao acordo asinado entre a Xunta, con AJE Ourense e Tecnópole. Este polígono virtual contempla a creación dunha plataforma dixital, hosting e dominio adaptados a cada usuario en función das súas necesidades, un espazo de traballo con solucións cloud e mesmo para ofrecer asesoramento e outras actuacións complementarias.

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participa en Madrid na entrega do XV Premio Victoriano Reinoso, que a Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid (Aegama) concede a Manuel Carrero López, presidente do Grupo Previsión Sanitaria Nacional
  • Salienta que a traxectoria profesional do homenaxeado é “un fiel reflexo da Galicia que nunca se rende e que sabe que para triunfar fai falta talento, pero tamén grandes doses de traballo e de enerxía”
  • Destaca que o presente “obriga á toma de decisións axeitadas” e subliña a importancia de medidas como o Plan Estratéxico de Galicia ata 2030, a Lei de simplificación administrativa ou os fondos europeos Next Generation
  • Lembra que nas últimas semanas a Xunta activou un plan de choque que inclúe medidas específicas tanto para as familias como para o rural, a pesca, o sector agropecuario ou a automoción

O director do Igape, Fernando Guldrís destacou hoxe a importancia do emprendemento no marco das políticas económicas que está a promover a Xunta e avogou por seguir  impulsando un ecosistema emprendedor “capaz de conxugar innovación, dixitalización e sostenibilidade”. 

Durante a súa intervención no “Startup Congress Galicia 2022”, en Vigo, Guldrís salientou que “todo o sacrificio e o esforzo que supón emprender ten no Goberno galego un firme respaldo, porque impulsar o talento e a innovación é impulsar a mellor versión de Galicia”. É por iso que defendeu a importancia de “tomar a creatividade e o talento como punto de partida e a tecnoloxía como ferramenta clave”.

O director do Igape salientou iniciativas como a rede galega de aceleradoras que inclúe as business factories dos sectores da alimentación (BFFood), automoción (BFAuto), aeronáutica (BFAero) ou a industria farmacéutica (BFMedicines); a High Tech Auto, incubadora de alta tecnoloxía no sector da automoción que completa á propia BFAuto; a incubadora de alta tecnoloxía en biotecnoloxía (BioIncubaTech).

Esta aposta, lembrou, compleméntase con outros proxectos e liñas de apoio, como os espazos coworking, que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais de Galicia; ou os programas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que suman máis de 500 proxectos impulsados.

“Estamos a falar, en definitiva, dun amplo ecosistema onde poden ver a luz novas empresas e startups como as que nos tedes acompañado ao longo deste encontro”, subliñou Guldrís en referencia a un evento que reúne estes días as distintas aceleradoras galegas e a máis de medio millar de fondos de investimento na procura de facilitar o desenvolvemento de novos proxectos.

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou na Coruña a compañía Docuten, onde salientou a súa contribución á transformación dixital do tecido produtivo. A empresa, que ofrece solucións avanzadas para a xestión corporativa, conta co apoio das axudas ao financiamento de proxectos innovadores e o Galicia Exporta Dixital, cuxo prazo de solicitude remata o 30 de xuño.

As axudas achegadas a través da última convocatoria resolta do Galicia Exporta Empresas ascenden a case 6M€. O Goberno galego adaptou o programa ás necesidades provocadas pola pandemia da covid-19 para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a mellora da competitividade no actual contexto económico. Permanecen abertos os prazos de solicitude das axudas das novas convocatorias do Galicia Exporta Dixital, o Foexga, o Cheque Brexit e o programa de apoio á contratación de expertos en comercio exterior.

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe no obradoiro Dixitalización Industria 4.0: os sectores da saúde e o benestar, organizado pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo). Salienta a aposta do Goberno galego na candidatura aos fondos europeos Next Generation polas tecnoloxías emerxentes, a innovación e a Industria 4.0 nestes ámbitos produtivos. Subliña o apoio á dixitalización das pemes galegas a través dos diferentes programas de axudas, que achegaron 23M€ en 2020 a case 3700 proxectos que mobilizarán preto de 36M€.

A Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia nace para madurar iniciativas empresariais con relevante efecto dinamizador na economía galega. Favorecerá a transformación da economía implantando un modelo verde e dixital. Promoverá a captación de fondos, a incorporación de socios e a colaboración entre institucións, ao tempo que fomentará especialmente a participación das pemes. O seu primeiro obxectivo é apoiar a maduración das propostas incluídas na candidatura galega aos fondos europeos Next Generation e axudar despois na busca de futuros investidores para o seu desenvolvemento. Prestará tamén diferentes servizos de asesoramento para garantir a presentación e a posta en marcha das novas actividades empresariais, como apoio xurídico, económico, administrativo, comercial e industrial e de xestión e dirección. O capital inicial desta nova sociedade limitada de maioría privada ascende a 5M€, dos que a Xunta de Galicia achega o 40%, mentres que o 60% restante se reparte entre Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%).

As exportacións da Comunidade medran un 1,4% en febreiro, ao tempo que ascende un 11,4% o número de empresas galegas que exportan. A balanza comercial galega nos dous primeiros meses presentou un saldo positivo de máis de 160M€ que contrasta co negativo estatal de -2850M€. Destaca a boa evolución de industrias como a automoción, cun incremento das exportacións de vehículos dun 34,6% en febreiro; a conserveira, que medra un 16,6%, ou os metais, cunha suba do 13,1%. Por destinos, son salientables os aumentos das exportacións a países europeos como Alemaña e Italia e asiáticos como China e Xapón, que incrementou en máis do 150% as compras a compañías galegas.