Super User
A Xunta informa ás pemes lucenses das distintas liñas de apoio habilitadas para reforzar a competitividade empresarial no actual contexto económico
- O director do Igape, Fernando Guldrís, participou por vía telemática nunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) sobre os fondos europeos Next Generation na que destacou o impulso que suporía para a provincia a posta en marcha en Palas de Rei do complexo de fibras téxtiles de Altri
- No encontro explicou os diferentes programas de apoio do organismo que dirixe para este ano, centrados na innovación, o emprendemento, o financiamento e a internacionalización
- No tocante ao financiamento, pon en valor a recente posta en marcha da liña de préstamos avalados para financiar a operativa das pemes afectadas polos incrementos dos prezos de materias primas e subministracións, entre as que se encontran as estacións de servizo
- Destaca que o Galicia Exporta Dixital, que vén de pechar o prazo de presentación de solicitudes, permitiu ata o de agora impulsar 22 plans empresariais de internacionalización dixital na provincia de Lugo por valor de máis de 700.000 euros
O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe, de modo telemático, nunha xornada organizada xunto á Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) sobre as oportunidades para as empresas nos fondos europeos Next Generation. Na súa intervención, na que destacou o impulso que suporía para a provincia a posta en marcha en Palas de Rei do complexo de fibras téxtiles de Altri, ofreceu ao tecido empresarial da provincia a colaboración da Xunta a través dun conxunto de programas e liñas que, como salientou, buscan reforzar a competitividade de pemes e autónomos, máis se cabe no momento económico actual marcado polo encarecemento de recursos como a luz, o gas e os combustibles e a falta de subministracións de materias primas, e agravado pola invasión rusa a Ucraína.
“Desde a Xunta vimos traballando, de xeito coordinado, co noso tecido produtivo na procura de facer fronte a unha situación económica que está dificultando a actividade da industria produtiva”, salientou Guldrís, quen avogou pola transformación dixital, a investigación, a innovación e a procura de novos mercados como factores fundamentais na mellora competitiva das empresas.
Neste marco, o director do Igape, que sinalou que nas vindeiras semanas se manterán encontros similares organizados coas confederacións empresariais das restantes provincias, expuxo que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten en marcha distintas liñas de actuación. No ámbito da dixitalización, destacou os obradoiros ou as axudas á dixitalización que, na última convocatoria, teñen permitido impulsar proxectos na provincia por importe superior a 1 millón de euros.
Así mesmo, continuou o director, o Galicia Exporta Dixital acaba de pechar o prazo de presentación de solicitudes, e permite apoiar a pequenas e medianas empresas no desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital. Un programa que, desde a súa posta en marcha, impulsou xa 22 plans empresariais de internacionalización dixital na provincia de Lugo por valor de máis de 700.000 euros.
Este programa, explicou Guldrís, ao igual que o resto de accións comprendidas na Estratexia de Internacionalización, contribuíron ao récord acadado polas vendas ao exterior da Comunidade, que superaron os 25.000 millóns de euros o pasado exercicio, marcando un novo teito histórico cun incremento do 21,1% con respecto ao 2020.
O director do Igape afondou tamén nalgunhas das iniciativas emprendedoras que se están a poñer en marcha, entre as que citou a activación dunha nova edición da rede de espazos de coworking, -con tres sedes na provincia lucense: A Mariña (Mondoñedo); A Ribeira Sacra (Monforte de Lemos) e Palas de Rei, vinculado ao Camiño de Santiago- que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais; ou as liñas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que suman máis de 130 proxectos impulsados na provincia de Lugo.
E no tocante ao financiamento, destacou a recente posta en marcha dunha nova liña de préstamos avalados que ten como obxectivo facilitar liquidez a todas as empresas galegas —entre elas, as estacións de servizo— para afrontar os incrementos dos prezos de materias primas e subministracións.
Fábrica de fibras téxtiles
Neste contexto, tanto os representantes da CEL como o propio director do Igape destacaron o efecto tractor que podería ter o complexo de fibras téxtiles que Altri anunciou onte mesmo para Palas de Rei, cun investimento de algo máis de 800 millóns de euros e da creación de 2.500 empregos directos e indirectos.
Neste escenario, púxose en valor a importancia dos fondos europeos Next Generation, que supoñen unha oportunidade para facilitar a transformación económica e social do tecido produtivo galego. A Xunta leva tempo traballando en distintas propostas que considera que deben ser impulsadas mediante estes fondos, que se canalizan en gran parte a través dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (Perte).
Entre os Perte xa en marcha, destaca a importancia do centrado no Vehículo Eléctrico e Conectado; o Perte da Saúde de Vangarda; o de Enerxías Renovables, Hidróxeno Renovable e Almacenamento; e o da cadea Agroalimentaria Intelixente e Sostenible. Todos eles xa aprobados polo Goberno central e no marco dos cales Galicia aspira a impulsar diferentes proxectos transformadores da industria que contribúan, tamén, ao impulso tecnolóxico das pemes da comunidade.
Novo webinar presentación Programa Galicia Exporta Empresas Convocatoria 2022
A Xunta, a través do Igape, publicou recentemente a convocatoria da liña Galicia Exporta Empresas para o ano 2022, programa de apoio ás empresas galegas para acceder a novos mercados no exterior.
O obxectivo deste webinar é informar sobre estas axudas e, concretamente, sobre os requisitos e proceso de tramitación desta axuda así como mostrar as similitudes e diferencias relativas ás anteriores convocatorias.
Nesta convocatoria, destaca como novidade a implantación do método de “custos simplificados” que ten como obxectivo fundamental facer á tramitación e posterior cobro das axudas máis áxil e sinxela.
- Día: Martes, 3 de maio de 2022
- Hora: 10:00 horas ESP
- Programa e inscripcións.
Novas liñas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta OOII: método custos simplificados
A Xunta, a través do Igape, publicou recentemente a convocatoria da liña Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, programa de apoio ás empresas galegas para acceder a novos mercados no exterior e programa de apoio aos organismos sectoriais para organizar actuacións e participacións conxuntas de empresas con fin de acceder a novos mercados no exterior.
Nesta convocatoria, destaca como novidade a implantación do método de “custos simplificados” en ambas liñas e que ten como obxectivo fundamental facer á tramitación e posterior cobro das axudas máis áxil e sinxela.
NOVO WEBINAR PAÍS DESDE A ANTENA IGAPE EN MARROCOS: Market Update & Oportunidades de negocio 2022
Un ano mais, a Xunta continúa ofrecendo actualizacións da situación económica en distintos mercados a través do Ciclo Webinar País coas Antenas do Igape en cada país. O obxectivo é transmitir unha información actualizada e afondar en novas oportunidades para as empresas galegas que queiran exportar os seus productos, neste caso, a Marrocos.
A Antena Marrocos informará, o mércores 27 de abril, sobre a situación actual no mercado obxectivo, posibles oportunidades e as claves para impulsar ou mellorar as súas vendas no país, logo de unha etapa fortemente marcada polas restriccións da pandemia no comercio internacional.
- Día: miércoles, 27 de Abril de 2022
- Hora: 09:30 horas ESP/ 07:30 horas MARC.
- Programa e inscripcións.
Se está interesado, tamén terá a posibilidade de programar unha reunión individual co responsable da Antena Igape en destino, durante o día 27 (12:00 ás 14:00 e 16:00 ás 20:00) e dia 28 de Abril (10:00 ás 14:00 e 16:00 ás 20:00). Solicite a reunión ao realizar a súa inscripción.
Arrancan en Galicia 11 novos espazos coworking, onde xa se levan consolidado preto de 400 empresas e máis de 600 postos de traballo
- Esta rede de apoio ao emprendemento que a Xunta leva desenvolvendo desde hai seis anos da man da Escola de Organización Industrial (EOI) celebra este ano a súa sexta convocatoria co dobre de espazos cos que botou a andar en 2016
- O coworking de Ferrolterra é un dos que se celebra de xeito ininterrompido desde a primeira edición, o que permitiu a posta en marcha de 52 proxectos empresariais na comarca e a xeración de 87 empregos
- A Xunta de Galicia traballa na Axenda de Emprendemento, que recollerá novos itinerarios e instrumentos de apoio a proxectos que leven o apelido innovador, dixital e sustentable
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe o espazo coworking que se desenvolve no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol onde puxo en valor esta iniciativa que a Xunta leva desenvolvendo desde hai seis anos da man da Escola de Organización Industrial (EOI).
Conde, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, explicou que esta rede de apoio ao emprendemento celebra este ano a súa sexta convocatoria co dobre de espazos cos que botou a andar en 2016. De feito, o de Ferrolterra é un dos 11 novos coworking que este ano están activos por toda Galicia. Celébrase de xeito ininterrompido desde a primeira edición, o que permitiu ata o de agora a posta en marcha de 52 proxectos empresariais na comarca e a xeración de 87 empregos.
O vicepresidente económico, que departiu cos participantes nesta iniciativa, apuntou que máis da metade dos proxectos que pasaron polas diferentes edicións dos espazos coworking se consolidaron como empresas: en concreto, 384 que, á súa vez, permitiron a creación de 624 postos de traballo. Ademais, sinalou que máis da metade das persoas participantes, 489, foron mulleres.
Segundo adiantou, a Xunta traballa nunha Axenda de Emprendemento que recolla novos itinerarios e instrumentos de apoio a proxectos que leven o apelido innovador, dixital e sustentable. E, nese sentido, considerou moi positivo o impacto que está a ter esta iniciativa na comarca de Ferrolterra, tan necesitada de salvagardar o emprego industrial.
A Xunta pon á disposición das estacións de servizo galegas unha liña de financiamento para facer fronte ás rebaixas no prezo do combustible
- A Xunta inclúe esta medida dentro do Plan de Choque que aprobou para facer fronte ao actual contexto económico porque o Goberno central vén de poñer en marcha ese desconto sen facilitar un mecanismo de pagamento deses adiantos
- É unha liña de reavais das catro que a Administración autonómica vai poñer en marcha por valor de 80M€ para facilitar liquidez a todas as empresas galegas, entre elas, as estacións de servizo
- O director do Igape, Fernando Guldrís, destaca a “predisposición e axilidade” tanto das Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) como das entidades financeiras a formar parte desta colaboración e activar así esta iniciativa
O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, avanzou hoxe que as estacións de servizo galegas teñen á súa disposición a liña de apoios que a Xunta puxo en marcha para que poidan facer fronte aos anticipos que están a desembolsar ao ter que rebaixar 20 céntimos no litro de combustible ao seus clientes.
Guldrís explicou que a Xunta inclúe esta medida dentro do Plan de Choque que aprobou para facer fronte ao actual contexto económico porque o Goberno central vén de poñer en marcha ese desconto sen facilitar un mecanismo de pagamento deses adiantos, o cal está a provocar ás gasolineiras un problema de liquidez.
Segundo concretou, trátase dunha liña de reavais por 60M€ que ten como obxectivo facilitar liquidez a todas as empresas galegas —entre elas, as estacións de servizo— para afrontar a alza no prezo de determinadas materias primas como os combustibles. A contía dos préstamos oscila entre os 3.000 e os 300.000€, coa bonificación do 1,5% no tipo de xuro.
No que se refire aos requisitos para acceder son: que o incremento do custo das materias primas estea por riba do 50% e o 20% no caso das gasolineiras; que o gasto en combustible e subministración enerxética supoña, como mínimo, o 25% da súa facturación do ano pasado; ou que se trate de empresas cunha exposición comercial nos mercados de Ucraína e Rusia.
Guldrís destacou a “predisposición e axilidade” tanto das Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) como das entidades financeiras a formar parte desta colaboración e activar así esta iniciativa. De feito, en base a este convenio que a Xunta asinou esta mesma semana, vanse poder avalar, en total, operacións por un máximo de 80M€.
A contía restante (20M€) vai ser para outras tres liñas adicionais de reavais. Nunha delas, as estacións de servizo tamén se encontran entre as posibles empresas beneficiarias do chamado reaval funcionamento, que lles vai permitir acceder a pólizas de desconto de efectos, pólizas de crédito e instrumentos de circulante. No que respecta ás outras dúas, Guldrís explicou que están pensadas para apoiar investimentos produtivos, incluídos os de eficiencia enerxética, ou tamén para o acceso a avais de tipo técnico dos que adoitan ser necesarios para acceder a licitacións ou a distintos contratos comerciais.
O Director do Igape subliñou que a Xunta de Galicia pon en marcha estas catro liñas de avais complementarias, por 80M€ en total, para axudar aos sectores máis afectados pola suba do prezo da enerxía, os combustibles e a falta de materias primas; un problema que vén de hai meses agravado pola guerra en Ucraína. Faino, dixo, porque a actuación do Goberno está sendo insuficiente cando “ten moita marxe para, a través da fiscalidade, apoiar en maior medida o tecido produtivo e ser un apoio nun contexto de prezos enerxéticos que nos sitúan nunha contorna de pouca competitividade”, concluíu.
Máis de 400 profesionais en Galicia melloran as súas competencias en internacionalización dixital
- A iniciativa da Xunta de Galicia, na que participaron traballadores de empresas galegas de todos os sectores, englobou tanto cursos especializados como seminarios e webinarios con representantes de marketplaces como Alibaba ou Amazon
- O programa formativo iniciouse en setembro de 2021 e prolongouse ata este mes de abril, achegando cada semana unha sesión temática en formato en liña e de 45 minutos de duración que permanecen dispoñibles na plataforma virtual do curso para a súa consulta
- Os participantes afondaron nas bases do comercio electrónico como canle de acceso para novos mercados, e xa se está a traballar nun novo curso centrado nos fundamentos estratéxicos para a internacionalización dixital
A Xunta de Galicia ten facilitado a formación nos procesos de internacionalización dixital nos novos escenarios post-covid a máis de 400 profesionais de empresas galegas de diferentes sectores inscritos no curso Fórmat-e do Igape.
O curso ofrecido pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que ven de concluír logo de impartirse 30 sesións en dez módulos, deseñouse para dar a coñecer as bases destes procesos de busca de novos mercados a través de ferramentas dixitais, permitindo aos participantes adquirir coñecementos e competencias sobre diversas materias. Entre estas, poden destacarse a elaboración de plans estratéxicos dixitais, a intelixencia competitiva, a contorna legal, o márketing dixital, comunicación e publicidade, modelos de distribución de e-commerce, operacións no negocio dixital, os mercados dixitais, a negociación internacional ou as xestións aduaneiras.
Estes coñecementos resultan un factor diferencial para gañar competitividade internacional e, ao mesmo tempo, sensibilizan ás empresas sobre a importancia do comercio electrónico nas súas estratexias de internacionalización. Ademais, o curso permitiu tamén afondar nos programas de axudas para impulsar a internacionalización, como o Galicia Exporta Dixital, que ten nestes momentos aberta unha nova convocatoria.
A iniciativa engloba tanto cursos especializados como seminarios e webinarios coa participación dalgún dos máis importantes marketplaces do mundo como Alibaba ou Amazon, co obxectivo de ofrecer formación empresarial para crecer no novo escenario marcado pola pandemia, que ten cambiado a forma de consumir a nivel mundial, cun incremento exponencial do comercio electrónico.
O programa formativo iniciouse en setembro de 2021 e prolongouse ata este mes de abril. Cada semana tivo lugar unha sesión temática, en formato en liña e de 45 minutos de duración, que permanecen dispoñibles na plataforma virtual do curso para a súa consulta.
As cifras de inscrición do programa -que contou con participantes de diversos sectores, desde o téxtil, á enxeñaría, o contract, o agroalimentario, o químico ou o turístico-, poñen de manifesto a boa acollida desta iniciativa por parte do tecido empresarial galego.
Por este motivo xa se está a traballar nun novo curso que afondará nos fundamentos estratéxicos para a internacionalización dixital, facilitando competencias técnicas que permitan aos directivos das empresas xestionar de forma efectiva os seus procesos de internacionalización dixital.
A previsión é poder activalo no último trimestre do ano cunha estrutura similar á desenvolvida no Fórmat-e, dirixido a directivos e profesionais de comercio exterior de empresas cun plan de internacionalización dixital, a través de dúas sesións semanais de curta duración de formato webinario co soporte dunha plataforma de e-learning.
A Xunta salienta a importancia de atraer e reter talento para consolidar a innovación como eixo de crecemento económico
- O director do Igape, Fernando Guldrís, participou en Noia na iniciativa Camiño de futuro, onde avanzou a nova convocatoria do programa Talento Sénior, que prevé atraer a Galicia 14 profesionais de alta cualificación cunha experiencia mínima de cinco anos
Ampliado o prazo para participar na aceleradora de internacionalización de pemes Galicia Avanza
- A Xunta de Galicia e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) poñen en marcha este programa, no que poderán inscribirse ata 30 empresas galegas
- O obxectivo deste programa é que solucións innovadoras de calquera sector acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor prazo posible
- As pemes seleccionadas accederán a itinerarios personalizados durante oito meses
- O Goberno galego e a Tecnópole veñen desenvolvendo conxuntamente nos últimos anos varias iniciativas de aceleración, como Agrobiotech e Connect-19
A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación —a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)— e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) poñen en marcha Galicia Avanza, un programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas no que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica. As solicitudes deberán presentarse ata o 18 de maio neste enlace.
A aceleradora Galicia Avanza desenvolverase nas instalacións de Tecnópole, no polígono de San Cibrao das Viñas (Ourense). Ten como obxectivo que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible. Aspírase así a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación no mercado internacional ademais de incrementar a atracción de financiamento externo, maximizando a captación de fondos públicos ou privados. Traballarase, ademais, na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras empresas, entre outros aspectos.
Criterios de selección
Á hora de seleccionar as pemes beneficiarias do programa, valorarase o potencial de internacionalización dos seus produtos ou servizos. Tamén se primará o seu grao de innovación, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no mercado exterior.
Itinerarios personalizados para cada empresa durante oito meses
Galicia Avanza ofrece un programa de aceleración de oito meses de duración con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas participantes tamén poderán acceder a mentorización e asesoramento, capacitación e formación comercial e técnica e encontros finais para darlles visibilidade.
Durante os primerios dous meses, titores expertos coñecedores do desenvolvemento de negocios e a internacionalización de produtos e servizos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes seis meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cubrirán as necesidades detectadas nos itinerarios e farán un seguimento deles. De xeito paralelo, os beneficiarios poderán acceder a unha carteira de mentores experimentados e recibirán formación específica en internacionalización.
Experiencia en aceleración de empresas
Desde o ano 2015 a Xunta de Galicia e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) veñen colaborando en diferentes iniciativas no ámbito da aceleración de empresas, como é o caso dos programas Agrobiotech e Connect-19. A esta experiencia en metodoloxías de aceleración da comercialización de produtos e servizos innovadores súmase o coñecemento que ten o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en materia de internacionalización de empresas para dar lugar ao programa Galicia Avanza.
Ademais de acoller esta aceleradora, Tecnópole é a sede dun dos 11 espazos coworking que a Xunta está a convocar por toda a xeografía galega para acompañar novas iniciativas empresariais na súa fase inicial ou de consolidación. Tamén dá acubillo a iniciativas formativas como a Aula Newton e un polígono virtual con diferentes servizos e produtos de dixitalización, que se porá en marcha grazas ao acordo asinado entre a Xunta, con AJE Ourense e Tecnópole. Este polígono virtual contempla a creación dunha plataforma dixital, hosting e dominio adaptados a cada usuario en función das súas necesidades, un espazo de traballo con solucións cloud e mesmo para ofrecer asesoramento e outras actuacións complementarias.
A Xunta subliña a importancia de “activar as pancas de crecemento necesarias” para facer fronte ao momento actual
- O director do Igape, Fernando Guldrís, participa en Madrid na entrega do XV Premio Victoriano Reinoso, que a Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid (Aegama) concede a Manuel Carrero López, presidente do Grupo Previsión Sanitaria Nacional
- Salienta que a traxectoria profesional do homenaxeado é “un fiel reflexo da Galicia que nunca se rende e que sabe que para triunfar fai falta talento, pero tamén grandes doses de traballo e de enerxía”
- Destaca que o presente “obriga á toma de decisións axeitadas” e subliña a importancia de medidas como o Plan Estratéxico de Galicia ata 2030, a Lei de simplificación administrativa ou os fondos europeos Next Generation
- Lembra que nas últimas semanas a Xunta activou un plan de choque que inclúe medidas específicas tanto para as familias como para o rural, a pesca, o sector agropecuario ou a automoción