Super User

Un ano mais, a Xunta continúa ofrecendo actualizacións da situación económica en distintos mercados a través do Ciclo Webinar País.

O obxectivo é transmitir unha información actualizada e afondar en novas oportunidades para as empresas galegas que queiran exportar os seus productos a outros países.

Neste caso,  celebramos unha Xornada sobre o mercado de Antioquía e Colombia, un webinar para coñecer as novas perspectivas do comercio internacional e as oportunidades para a internacionalización das empresas galegas en Antioquia e Colombia.

A Cámara de Comercio Española en Colombia e a Secretaría de Productividade e Competitividade da Gobernación de Antioquía, o mércores 22 de xuño, informará sobre a situación actual no mercado obxectivo, posibles oportunidades e claves para impulsar ou mellorar as súas vendas no país, logo de unha etapa fortemente marcada polas restriccións da pandemia no comercio internacional.

A Xunta através do IGAPE lanza unha nova convocatoria deste lonxevo programa de bolseiros para especialización no ámbito do comercio internacional.

O programa inclue 37 bolsas para Galicia e estranxeiro, cunha dotación máxima de 46.500 € e unha duración de 11 meses prorrogable por outros 11.

A valiosa experiencia que otorga este programa ven refrendada pola alta porcentaxe de empregabilidade dos xóvenes beneficiarios así como pola experiencia única que supón ser bolseiro de internacionalización no actual entorno global. Formación de Talento internacional.

  • Prazo de solicitudes: 1 mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG.
  • Link á convocatoria
  • Este convenio ten por obxecto definir o marco da colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica, a Secretaria Xeral de Emigración e Micro Bank
  • O Igape comprométese a difundir esta liña de financiamento e estudar a viabilidade dos plans de empresa recibidos

O acordo busca potenciar o autoemprego e incentivar a actividade emprendedora favorecendo a igualdade de oportunidades de homes e mulleres. Ademais de financiar o establecemento, consolidación ou ampliación de microempresas, negocios de autónomos e proxectos de autoemprego co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento do tecido produtivo, a creación e consolidación de emprego e a contribución ao progreso social.

Os interesados poden solicitar o informe de viabilidade do seu plan de empresa a través da aplicación establecida e o financiamento MicroBank para retornados nunha oficina de Caixabank en Galicia.

Deste xeito a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, a través do programa retorna, o Instituto Galego de Promoción económica e Nuevo Micro Bank acordan establecer unha liña específica para emigrantes galegos retornados que queiran emprender.

  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o director do Igape, Fernando Guldrís, visitaron esta mañá a multinacional ordense Internaco, dedicada á distribución de maquinaria forestal, agrícola e de xardinería
  • Coñeceron os diferentes proxectos de I+D+i da compañía, en especial o Sustainovation Hub – Bosque e Xardín, no que aplican novas tecnoloxías e modelos de negocio para desenvolver produtos e modelos comerciais cun impacto social e ambiental positivo

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, visitaron esta mañá a sede da empresa Internaco en Ordes, onde puideron coñecer os plans de crecemento da multinacional ordense, en especial a súa aposta pola innovación e a sostibilidade para seguir medrando.

 Patricia Argerey destacou a importancia da innovación para medrar e crear modelos de negocio que dean un valor engadido diferencial, algo especialmente relevante no sectores de servizos, distribución e comercio, como no caso de Internaco. A súa aposta pola innovación plásmase en múltiples proxectos de I+D+i no ámbito da sostibilidade e da dixitalización que están a respaldar o crecemento futuro da firma.
 Pola súa parte, Fernando Guldrís destacou o esforzo de Internaco para impulsar a súa presenza en novos mercados, para o que conta con axudas do Igape no ámbito da internacionalización, ademais doutros apoios para a contratación de servizos de mellora competitiva ou mesmo acceso a préstamos directos para o financiamento de novos equipamentos na empresa.
 O Grupo Internaco, con máis de 45 anos de historia, está especializado na distribución de maquinaría agrícola, forestal e de xardinería e, recentemente, fixo a súa incursión no sector da ferraxería. No ámbito da innovación, conta co proxecto Sustainovation Hub - Bosque e Xardín, a través do cal acelerou a evolución das máquinas de gasolina a batería, o cambio do mecánico ao dixital e das ferramentas manuais ás autónomas ou robóticas aplicando tecnoloxías como o Internet das Cousas e a Intelixencia Artificial nos seus produtos. O obxectivo é crear produtos e modelos comerciais máis respectuosos co medio ambiente e cun impacto social positivo, en colaboración cos seus socios e provedores en materia de deseño, desenvolvemento e proba dos diferentes produtos.
  

Con máis de 220 traballadores directos e 112 millóns de euros de facturación en 2021, Internaco dispón de centros loxísticos e oficinas en Ordes, Ourense, Xaén e Madrid e filiais en Portugal (Porto), Marrocos (Casablanca), Estados Unidos (Livermore, California) e México (Zelaya).

Luns, 20 Xuño 2022 09:46

Cologistics Capacita Loxística

Dentro do proxecto POCTEP Cologistics, de impulso da colaboración transfronteiriza en transporte e loxística da Eurorrexión vaise desenvolver unha actividade de capacitación en novas competencias que melloren a capacidade de integración loxística global e de desenvolvemento de proxectos colaborativos en empresas e organización.

As xornadas, dúas por semana, desenvolveranse entre o 21 de xuño e o 22 de xullo. Os módulos son independentes

 

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participou na xornada 10 Temas estratéxicos para o futuro de Galicia, onde avogou por consolidar unha industria galega competitiva nun mercado global a través de “liñas estratéxicas que fortalezan un crecemento intelixente e sostible”
  • A xuntanza enmárcase no programa Capacita Directivos, unha iniciativa que permitiu, nas cinco primeiras edicións, realizar máis de 70 actividades formativas nas que participaron máis de 15.000 asistentes, en presencial e en liña
  • Noutro encontro celebrado no marco de Navalia, resaltou a importancia da nova Estratexia do naval que impulsa o Goberno galego e que aposta pola diversificación, a dixitalización, a sostenibilidade e a formación para facer fronte ao escenario que afronta a industria

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe en Vigo na xornada 10 Temas estratéxicos para o futuro de Galicia, onde destacou a oportunidade que supoñen para Galicia os fondos europeos de cara a impulsar a transformación industrial a través da innovación, a sostibilidade e a dixitalización.

“Desde a colaboración público-privada, e poñendo o foco nas pequenas e medianas empresas, temos moi claro que, apoiados nestes fondos, o noso traballo debe ser acompañar aos sectores maduros e tradicionais para evolucionar cara a esa economía máis dixital, verde e innovadora”, salientou Guldrís nunha xornada que se celebrou no marco do programa Capacita Directivos.  

Esta iniciativa, lembrou o director do Igape, inclúe a organización de encontros como o de hoxe que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento. O programa, xa consolidado, permitiu nas cinco primeiras edicións realizar máis de 70 actividades formativas nas que participaron máis de 15.000 asistentes, en presencial e en liña.

Desta volta, os participantes afondaron nas industrias da moda, da biotecnoloxía, no futuro da mobilidade, nas TIC, no sector alimentario, nas enerxías renovables, na industria aeronáutica e aeroespacial, na loxística, no turismo e na industria do envellecemento activo. “Todos sectores estratéxicos para o futuro de Galicia sobre os que queremos reflexionar mirando cara ao futuro, con dous obxectivos: axudar a consolidar unha industria galega competitiva nun mercado global, e afondar en liñas estratéxicas que fortalezan un crecemento intelixente e sostible”, apuntou Guldrís. 

Neste marco, o director do Igape lembrou que os distintos programas e actuacións que o Goberno galego impulsa cada ano teñen como eixos de actuación a transformación dixital das pemes galegas, a procura de novos mercados e o emprendemento, ao tempo que achegan financiamento no actual contexto económico marcado pola saída da pandemia e pola invasión rusa de Ucraína.

A nova Estratexia Naval

Durante a súa xornada en Vigo, onde asistiu tamén nun obradoiro organizado por Ceaga sobre os fondos europeos Next Generation e onde participará esta tarde nun coloquio promovido por Comisión Obreiras sobre o naval galego, Guldrís achegouse á feira Navalia, onde inaugurou a xornada Transformación dixital na vida do buque.

Un escenario no que o director do Igape resaltou a importancia da nova Estratexia Naval que ten activado o Goberno galego e que, como lembrou, espera que o Perte do naval se converta nunha verdadeira oportunidade para a recuperación do sector.

O obxectivo é que Galicia ocupe o espazo que lle corresponde no reparto dos fondos europeos, facilitando así a aposta pola dixitalización da cadea de valor, pola sostibilidade ambiental e pola mellora da formación e capacitación dos traballadores.

  • O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución da segunda convocatoria das tres lanzadas este ano, cuxas iniciativas sumarán, de modo conxunto, preto de 3M€ para facilitar o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a profesionalización, a dixitalización ou a innovación
  • A Xunta de Galicia cobre un mínimo do 75% do custo para a peme, porcentaxe que pode chegar ata o 95% dependendo do tipo de servizo, do tamaño da empresa ou a súa asociación a un clúster
  • Desde a súa posta en marcha no 2012, o programa ReAcciona promoveu o desenvolvemento de máis de 2000 proxectos que permitiron mellorar a competitividade de máis de 1300 empresas galegas, mobilizando 10,5M€

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da segunda das tres convocatorias lanzadas este ano no marco do programa ReAcciona, que está apoiando proxectos centrados na mellora competitiva das pemes galegas mediante o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos.  Entre a primeira e a segunda fase, a Xunta ten concedidos xa 331 servizos, estando prevista a resolución da terceira en próximas datas.

O programa ReAcciona promove servizos en ámbitos como o da innovación, para axudar ás empresas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos. Ademais, tamén se levan a cabo proxectos vinculados ao desenvolvemento estratéxico, a profesionalización e a dixitalización, con servizos relativos á implantación dunha estratexia dixital da empresa, a ciberseguridade ou o márketing de contidos.

Entre os servizos máis demandados, situáronse os de análise do potencial competitivo, os da mellora da xestión financeira das empresas, e o asesoramento para o relanzamento comercial. Así mesmo, no eido da transformación dixital, as empresas solicitaron diagnósticos centrados no financiamento da innovación e na dixitalización da empresa, ademais de solucións de xestión e mobilidade dixital e apoio no márketing.

Os servizos do ReAcciona desenvólvense por un axente colaborador, que está a disposición da empresa durante a duración do servizo de mellora, que pode ir dos tres aos seis meses. Por outra parte, os servizos teñen un carácter práctico e buscan a profesionalización da empresa, resultando clave o acompañamento e a formación ofrecidos.

A Xunta de Galicia cobre un mínimo do 75% do custo para a peme, porcentaxe que pode chegar ata o 95% dependendo do tipo de servizo, do tamaño da empresa ou a súa asociación a un clúster.

O programa, en cuxo desenvolvemento colaboran o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), facilitou desde a súa posta en marcha en 2012 o impulso de máis de 2000 proxectos que permitiron mellorar a competitividade de máis de 1300 empresas galegas, mobilizando 10,5 millóns de euros.

Así mesmo, cómpre lembrar que o ano pasado, como complemento dos servizos prestados, púxose en marcha tamén o ReAcciona Covid-19, unha novidosa liña que buscaba cooperar co tecido empresarial galego na actual conxuntura económica, contribuíndo ao seu impulso e recuperación tras a pandemia. 

Neste sentido, o ReAcciona Covid-19 sumou cinco novos servizos que atenden á situación económica xurdida. As empresas galegas poden acceder a prestacións especializadas no relativo á adecuación dos estados financeiros, á transmisión ou adquisición de unidades produtivas, á análise de mercados internacionais, á elaboración de plans estratéxicos de internacionalización e á implementación de procesos acordes á economía circular.

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participou nunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios de Pontevedra sobre os fondos europeos Next Generation onde destacou a importancia do Perte do naval para o futuro deste sector
  • Lembra que o Goberno galego vén de activar unha nova Estratexia do naval galego que busca, precisamente, promover a cooperación entre estaleiros e potenciar a diversificación de produtos e mercados para posicionar á Comunidade ante o Perte do sector

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nunha xornada organizada xunto á Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) sobre as oportunidades para as empresas nos fondos europeos Next Generation. No encontro, levado a cabo de modo telemático  e no que destacou, entre outras medidas, a importancia do Perte do naval para o futuro desta industria, Guldrís achegou tamén ao tecido empresarial da provincia a colaboración da Xunta a través dun conxunto de programas e liñas que, como salientou, buscan reforzar a competitividade de pemes e autónomos, máis se cabe no momento económico actual marcado polo encarecemento de recursos como a luz, o gas e os combustibles e a falta de subministracións de materias primas, e agravado pola invasión rusa a Ucraína.

 Neste marco, o director do Igape destacou que a Xunta leva tempo traballando en distintas propostas que considera que deben ser impulsadas mediante os Next Generation. Uns fondos que, como lembrou, se canalizarán en gran parte a través dos Pertes (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica) que contan “cunha visión integral da cadea de valor, un importante impacto transformador e unha gran capacidade de arrastre”.
 Así, Guldrís salientou a importancia para Vigo e a súa área do Perte do naval. Precisamente, sobre este último lembrou que a Xunta vén de activar unha nova Estratexia do sector que busca promover a cooperación entre estaleiros e potenciar a diversificación de produtos e mercados para posicionar á Comunidade ante dito Perte.
 

Programas en marcha

Guldrís, que sinalou que durante estas datas está a manter encontros similares coas principais confederacións empresariais galegas, expuxo que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten en marcha distintas liñas de actuación para cooperar co tecido empresarial. No ámbito da dixitalización, destacou os obradoiros ou as axudas á dixitalización que, na última convocatoria, teñen permitido impulsar proxectos na provincia por preto de 8 millóns de euros.

 Así mesmo, continuou o director, o Galicia Exporta Dixital acaba de pechar o prazo de presentación de solicitudes, e permite apoiar a pequenas e medianas empresas no desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital. Un programa que, desde a súa posta en marcha, impulsou xa 175 plans empresariais de internacionalización dixital na provincia de Pontevedra por valor de máis de 6 millóns de euros.

O director do Igape afondou tamén nalgunhas das iniciativas emprendedoras que se están a poñer en marcha, entre as que citou a activación dunha nova edición da rede de espazos de coworking, que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais; ou as liñas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que suman máis de 359 proxectos impulsados na provincia.

 E no tocante ao financiamento, destacou a recente posta en marcha dunha nova liña de préstamos avalados que ten como obxectivo facilitar liquidez a todas as empresas galegas para afrontar os incrementos dos prezos de materias primas e subministracións.
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o espazo coworking que se desenvolve no Centro Comarcal Maeloc de Mondoñedo e que suma seis anos levándose a cabo, de xeito ininterrompido, da man da Escola de Organización Industrial (EOI)
  • Sinala que as iniciativas empresarias impulsadas suman tamén 128 postos de traballo xerados, a metade de emprego feminino
  • Salienta outras actuacións no ámbito do emprendemento, como os programas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que facilitaron ata o de agora case 130 iniciativas empresarias na provincia de Lugo
  • Lembra que a Xunta traballa na Axenda de Emprendemento, que recollerá novos itinerarios e instrumentos de apoio a proxectos que leven o apelido innovador, dixital e sustentable

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe o espazo coworking que se desenvolve no Centro Comarcal Maeloc de Mondoñedo, onde puxo en valor esta iniciativa que a Xunta de Galicia leva desenvolvendo desde hai seis anos da man da Escola de Organización Industrial (EOI).

 

Guldrís, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que esta rede de apoio ao emprendemento celebra este ano a súa sexta convocatoria co dobre de espazos cos que botou a andar en 2016. De feito, o da Mariña é un dos 11 novos que este ano están activos por toda Galicia. Un coworking que se celebra de modo ininterrompido desde a primeira edición permitindo, ata o de agora, a posta en marcha de 52 proxectos empresariais na comarca e a xeración de 128 empregos.

 

“Como Administración, non podemos permitir que unha boa idea de negocio quede nun caixón por falta de apoio”, salientou o director do Igape durante o encontro mantido cos participantes, no que apuntou que máis da metade dos proxectos que pasaron polas diferentes edicións en Galiciase consolidaron como empresas: en concreto, 384 que, á súa vez, permitiron a creación de 624 postos de traballo. Ademais, sinalou que máis da metade das persoas participantes, 489, foron mulleres.

 

Estes espazos coworking, lembrou Guldrís, ºofrecen aos participantes un mentor individual para o seu proxecto, que os acompañará no deseño de modelo de negocio; formación específica, mediante talleres prácticos centrados en temas de interese; e distintos eventos, como xornadas de networking ou encontros con actores sociais e económicos relevantes.

 

Deste xeito, os coworking configúranse como unha das actuacións máis completas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de emprendemento. Un eido no que Guldrís destacou, tamén, os programas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que teñen permitido impulsar ata o de agora preto de 130 iniciativas empresarias na provincia de Lugo.   

 

Estas actuacións, subliñou Guldrís, enmárcanse na Axenda de Emprendemento que está a ultimar a Xunta de Galicia, e que que recollerá novos itinerarios e instrumentos de apoio a proxectos que leven o apelido innovador, dixital e sustentable.

  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participou nunha xornada organizada pola Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) sobre os fondos europeos Next Generation onde destacou o impulso que suporá a Cidade das TIC para facer da Coruña un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia
  • No encontro explicou os diferentes programas de apoio do organismo que dirixe para este ano, centrados na innovación, o emprendemento, o financiamento e a internacionalización
  • Destaca que o Galicia Exporta Dixital, que vén de pechar o prazo de presentación de solicitudes, permitiu ata o de agora impulsar 112 plans empresariais de internacionalización dixital na provincia por valor de máis de catro millóns de euros
  • Salienta a recente posta en marcha da liña de préstamos avalados para financiar a operativa das pemes afectadas polos incrementos dos prezos de materias primas e subministracións, entre as que se encontran as estacións de servizo

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe nunha xornada organizada xunto á Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) sobre as oportunidades para as empresas nos fondos europeos Next Generation. Na súa intervención, na que destacou o impulso que suporá a Cidade das TIC para facer da Coruña un polo tecnolóxico e de innovación dixital de referencia, ofreceu ao tecido empresarial da provincia a colaboración da Xunta a través dun conxunto de programas e liñas que, como salientou, buscan reforzar a competitividade de pemes e autónomos, máis se cabe no momento económico actual marcado polo encarecemento de recursos como a luz, o gas e os combustibles e a falta de subministracións de materias primas, e agravado pola invasión rusa a Ucraína.

“A Cidade das TIC forma parte da candidatura aos fondos europeos Next Generation que Galicia presentará ao Goberno central; un proxecto que aspira a mobilizar 55 millóns de euros convertendo este recinto nun lugar de referencia para o tecido empresarial”, expuxo Guldrís.

Neste marco, o director do Igape lembrou que o centro de fabricación avanzada foi o punto de partida do proxecto. Unha infraestrutura que estará concluída a principios de 2023 e que se configura como un espazo de probas para que as pemes galegas impulsen proxectos vinculados coas novas tecnoloxías da información e da comunicación. O investimento aprobado pola Xunta de Galicia para este centro está por riba dos 4,8 millóns de euros, cun orzamento global de ao redor de 5M€.

Este centro estase a complementar con outras actuacións entre as que destaca a recente aprobación dun laboratorio de intelixencia artificial (Galaxy-Lab) que impulsará a investigación e a experimentación con vehículos aéreos non tripulados en contornas urbanas, permitindo, ao mesmo tempo, ampliar as capacidades do Polo Aeroespacial de Galicia.

Programas en marcha

Neste marco, Guldrís, que sinalou que durante estas datas está a manter encontros similares coas principais confederacións empresariais galegas, expuxo que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten en marcha distintas liñas de actuación para cooperar co tecido empresarial. No ámbito da dixitalización, destacou os obradoiros ou as axudas que, na última convocatoria, teñen permitido impulsar proxectos na provincia por preto de seis millóns de euros.

Así mesmo, continuou o director, o Galicia Exporta Dixital acaba de pechar o prazo de presentación de solicitudes, e permite apoiar a pequenas e medianas empresas no desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital. Un programa que, desde a súa posta en marcha, impulsou xa 112 plans empresariais de internacionalización dixital na provincia de A Coruña por valor de máis de catro millóns de euros.

Este programa, explicou Guldrís, ao igual que o resto de accións comprendidas na Estratexia de Internacionalización, contribuíron ao récord acadado polas vendas ao exterior da Comunidade, que  superaron os 25.000 millóns de euros o pasado exercicio, marcando un novo teito histórico cun incremento do 21,1% con respecto ao 2020.

Unha boa marcha das ventas ao exterior de Galicia na que ten xogado un papel moi importante a provincia da Coruña, que durante o 2021 rozou os 11.500 millóns exportados, o que supón un incremento do 32,3% con respecto ao ano anterior, converténdose así na provincia galega que máis medra no acumulado do ano.

O director do Igape afondou tamén nalgunhas das iniciativas emprendedoras que se están a poñer en marcha, entre as que citou a activación dunha nova edición da rede de espazos de coworking, -con tres sedes na provincia coruñesa: en Ferrolterra, Santiago e na Costa da Morte- que contribuíron xa á creación de 400 novas empresas en contornas rurais; ou as liñas Galicia Emprende e Galicia Emprende Rural, que suman máis de 260 proxectos impulsados na provincia.

E no tocante ao financiamento, destacou a recente posta en marcha dunha nova liña de préstamos avalados que ten como obxectivo facilitar liquidez a todas as empresas galegas —entre elas, as estacións de servizo— para afrontar os incrementos dos prezos de materias primas e subministracións.