Ampliado o prazo para participar na aceleradora de internacionalización de pemes Galicia Avanza

Venres, 06 Mai 2022 10:12
  • A Xunta de Galicia e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) poñen en marcha este programa, no que poderán inscribirse ata 30 empresas galegas
  • O obxectivo deste programa é que solucións innovadoras de calquera sector acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor prazo posible
  • As pemes seleccionadas accederán a itinerarios personalizados durante oito meses
  • O Goberno galego e a Tecnópole veñen desenvolvendo conxuntamente nos últimos anos varias iniciativas de aceleración, como Agrobiotech e Connect-19

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación —a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)— e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) poñen en marcha Galicia Avanza, un programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas no que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica. As solicitudes deberán presentarse ata o 18 de maio neste enlace.

A aceleradora Galicia Avanza desenvolverase nas instalacións de Tecnópole, no polígono de San Cibrao das Viñas (Ourense). Ten como obxectivo que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible. Aspírase así a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación no mercado internacional ademais de incrementar a atracción de financiamento externo, maximizando a captación de fondos públicos ou privados. Traballarase, ademais, na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais e na detección de posibles colaboracións con outras empresas, entre outros aspectos.

Criterios de selección

Á hora de seleccionar as pemes beneficiarias do programa, valorarase o potencial de internacionalización dos seus produtos ou servizos. Tamén se primará o seu grao de innovación, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no mercado exterior.

Itinerarios personalizados para cada empresa durante oito meses

Galicia Avanza ofrece un programa de aceleración de oito meses de duración con itinerarios personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de márketing, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao mercado. As empresas participantes tamén poderán acceder a mentorización e asesoramento, capacitación e formación comercial e técnica e encontros finais para darlles visibilidade.

Durante os primerios dous meses, titores expertos coñecedores do desenvolvemento de negocios e a internacionalización de produtos e servizos prepararán itinerarios personalizados con cada unha das empresas segundo as súas necesidades concretas. Durante os seguintes seis meses, o programa contratará os provedores de servizos profesionais que cubrirán as necesidades detectadas nos itinerarios e farán un seguimento deles. De xeito paralelo, os beneficiarios poderán acceder a unha carteira de mentores experimentados e recibirán formación específica en internacionalización.

Experiencia en aceleración de empresas

Desde o ano 2015 a Xunta de Galicia e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) veñen colaborando en diferentes iniciativas no ámbito da aceleración de empresas, como é o caso dos programas Agrobiotech e Connect-19. A esta experiencia en metodoloxías de aceleración da comercialización de produtos e servizos innovadores súmase o coñecemento que ten o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en materia de internacionalización de empresas para dar lugar ao programa Galicia Avanza.

Ademais de acoller esta aceleradora, Tecnópole é a sede dun dos 11 espazos coworking que a Xunta está a convocar por toda a xeografía galega para acompañar novas iniciativas empresariais na súa fase inicial ou de consolidación. Tamén dá acubillo a iniciativas formativas como a Aula Newton e un polígono virtual con diferentes servizos e produtos de dixitalización, que se porá en marcha grazas ao acordo asinado entre a Xunta, con AJE Ourense e Tecnópole. Este polígono virtual contempla a creación dunha plataforma dixital, hosting e dominio adaptados a cada usuario en función das súas necesidades, un espazo de traballo con solucións cloud e mesmo para ofrecer asesoramento e outras actuacións complementarias.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis