Rueda anuncia que a Xunta declara iniciativa empresarial prioritaria a planta de inxectables que Indukern poñerá en marcha en Monforte de Lemos

Xoves, 26 Xaneiro 2023 18:23
  • Resaltou que este proxecto impulsará a consolidación de Galicia como “referente en materia de biotecnoloxía”.
  • Explicou que, cun investimento de 33 M€ na fase inicial, as instalacións localizaranse no polígono industrial O Reboredo e terán como obxectivo a fabricación, produción, acondicionamento e a distribución loxística de produtos estériles farmacéuticos líquidos en diferentes formas de acondicionado.
  • O proxecto complementa a cadea de valor do sector da biotecnoloxía, industria estratéxica na Comunidade Autónoma e está aliñado coa Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia.
  • O acordo do Consello da Xunta enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa, potenciando a captación de investimentos e a xeración de emprego de calidade, e mantendo todas as garantías xurídicas durante a tramitación do proxecto.
  • Ata o de agora, son 18 iniciativas as que se adheriron a esta figura en Galicia, cunha mobilización global de 1275 M€.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello declarou como iniciativa empresarial prioritaria o proxecto de Indukern para impulsar a instalación dunha planta de fabricación de inxectables en Monforte de Lemos. Deste xeito, dase un paso máis para “contribuír a consolidar Galicia como un referente en materia de biotecnoloxía”.

Rueda resaltou que nesta nova planta “fabricaranse medicamentos de uso humano” e albergará tamén un laboratorio de I+D+i para deseñar “futuros fármacos”. En concreto, cun investimento de 33 M€ na fase inicial e 59,4 M€ en total, o novo centro destinarase á fabricación, produción, acondicionamento e distribución loxística de produtos estériles farmacéuticos líquidos en diferentes formas de acondicionado como ampolas, viarias e xiringas precargadas dependendo do seu uso e tipoloxía de produto.

Elaboraranse medicamentos e realizaranse procesos de apoio como servizos asociados á produción, loxística e administración. O proxecto iniciarase cunha liña de produción de inxectables e coa posibilidade de expansión a catro liñas máis de produción. Tamén se incluirán oficinas para o control da propia planta e laboratorios de análise e desenvolvemento de I+D+i para futuros fármacos, polo que se aliña coa Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia complementando a cadea de valor do sector da biotecnoloxía, unha industria estratéxica na Comunidade Autónoma.

O proxecto cumpre cos requisitos para recibir esta declaración, en concreto supera o volume de investimento mínimo fixado nun millón de euros (serán 33 M€ na primeira fase e 59,4 en total); a creación de 62 empregos na primeira fase; así como complementar cadeas de valor ou pertencer a sectores estratéxicos como é, neste caso, a biotecnoloxía.

Esta declaración enmárcase dentro da filosofía da Lei de simplificación administrativa que supón, na práctica, a redución á metade dos prazos de tramitación para levar a cabo un proxecto, ratificando igualmente todas as garantías xurídicas durante o procedemento. Así, poténciase a captación de investimentos para Galicia e a creación de emprego de calidade.

Deste xeito xa son 18 as iniciativas empresariais prioritarias declaradas e lideradas por Cortizo (Padrón), Albo (Salvaterra de Miño), Oviganic (Monforte de Lemos), Sogama (Vilanova de Arousa), Ignacio González Montes (Ribeira), Bionerxías de Lugo e Sarreaus (Ourense), Novafrigsa (Lugo), Agroamb Prodalt (Castro de Rei), Hornos de Lamastelle (Carballo), Armonía Green Galicia (A Coruña), Cafés Candelas (Lugo), Bioenergía A Coruña (A Laracha), Valogreene Recinor (As Somozas), Green Umia (Caldas de Reis), Green Meiga (Begonte), Naturgy Nuevas Energías (en Meirama, Cerceda) e Kern Pharma (Monforte de Lemos).

“Estas 18 iniciativas contan cuns investimentos previstos de 1.275 M€”, indicou Rueda. Polo tanto, esta figura busca potenciar novas oportunidades empresariais e laborais en Galicia con máis simplificación administrativa; máis incentivos fiscais ás empresas; e máis facilidades para acceder ao solo empresarial.

A declaración de proxectos empresariais como prioritarios implica tamén a concorrencia de razóns de interese público para tramitar de maneira urxente os procedementos administrativos, así como o seguimento e impulso dos trámites posteriores necesarios por parte da Xunta de Galicia para contribuír á eliminación de barreiras á actividade empresarial.

  • O Igape incrementa o seu orzamento ata os 278 M€ na procura de impulsar un novo modelo de relacionarse coas empresas e mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia a creación dunha área específica de innovación dotada con mais de 60 M€ para fortalecer o tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta reforza o seu compromiso co emprendemento innovador como “chave do futuro económico de Galicia”
    Ler máis