Lorenzana salienta que coa repotenciación reducirase nun 80 % o número de aeroxeradores máis antigos, pasando de 3.000 a 600 en oito anos

Luns, 28 Outubro 2024 16:23
  • Explica que uns 100 parques que contan cuns 3.000 aeroxeradores de máis de 25 anos veranse obrigados a repotenciarse
  • Os orzamentos da Consellería para 2025 soben un 7,6 por cento, ata os 374,4 M€ para actuacións en materia enerxética, de solo industrial e atracción de empresas
  • Informa da creación do Polo de innovación de enerxías renovables mariñas e almacenamento enerxético de Galicia, que terá o seu epicentro no CIS Ferrol
  • Destaca a creación das Zapes (Zonas de aceleración de proxectos empresariais e solo), ás que se destinan 2,5 M€; e das ZIR (Zonas industriais rurais), para o territorio menos poboado con potencial empresarial

 

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que, tras un prazo de moratoria de 18 meses para o inicio da tramitación das tarefas de repotenciación, reduciranse nun 80 % o número de aeroxeradores máis antigos en Galicia, pasando de 3.000 a 600 en oito anos.

Na súa comparecencia para explicar os orzamentos da Consellería de Economía e Industria para 2025, que soben un 7,6 %, ata os 374,4 M€, Lorenzana explicou que 100 parques que contan cuns 3.000 aeroxeradores de máis de 25 anos veranse obrigados a repotenciarse. Será, dixo, en virtude do establecido na Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos, que conta con previsións legais transitorias para comezar a aplicar xa os principios básicos do novo Plan eólico, para o que se destinan nas contas do vindeiro ano 780.000 euros dun montante total de 1,2 M€ para outras ferramentas de apoio industrial.

No eido enerxético, a conselleira tamén apuntou que se vai crear o Polo de innovación de enerxías renovables mariñas e almacenamento enerxético de Galicia, que terá o seu epicentro no CIS Ferrol. Nace co obxectivo de potenciar a cadea de valor e a investigación asociada ao sector. E como principais actuacións recolle o desenvolvemento dunha nova zona experimental para eólica mariña -se o Goberno se decide por fin a apoiar a iniciativa-; o impulso da que xa existe en Punta Langosteira; e a implantación dunha Business Factory de enerxías renovables no CIS Ferrol, cunha dotación de 800.000 euros.

Novas figuras de ordenamento do solo industrial

En materia de solo industrial, apuntou que Xestur manexará un orzamento de 33,45 M€ para actuacións en 25 parques. En concreto, 18,3 M€ irán destinados a urbanizar solo industrial que estará terminado no ano 2025. Será, entre outros, nos polígonos de  Arteixo (Morás) (2,7 M€), As Gándaras (Lugo) (4,7 M€), San Cibrao das Viñas (Ourense) (7,3 M€), ou a Plataforma loxística industrial en Salvaterra e As Neves (Plisan) (3,5 M€).

En ámbitos de menor tamaño, o obxectivo será que a iniciativa privada desenvolva solo empresarial en localizacións onde exista unha demanda real. Para atender estas necesidades crearanse as Zapes (Zonas de aceleración de proxectos empresariais e solo), ás que se destinan 2,5 M€. Propoñen unha tramitación simultánea e máis áxil da ordenación de solo e de proxectos empresariais, naqueles casos nos que o ámbito territorial vaia incluír, como mínimo, un proxecto industrial estratéxico e nos que, ademais, exista un remanente de solo empresarial para futuras ampliacións e novas industrias que se queiran implantar. Prevese tamén que estas áreas acollan instalacións de aproveitamento de fontes de enerxía renovables e almacenamento enerxético.

Outra das figuras serán as Zonas industriais rurais (ZIR), para o territorio menos poboado con potencial empresarial. Están pensadas para actividades industriais de menor envergadura con necesidades de solo (superficie máxima de cinco hectáreas). Aplícase a concellos de menos de 20.000 habitantes. É unha demanda de moitos municipios rurais, que non requiren grandes superficies de áreas empresariais, pero si unhas zonas nas que pequenas empresas ou talleres se poidan implantar. Xunto con isto, os orzamentos tamén recollen unha partida de 2 M€ para a modernización das estacións de servizo do rural, a través dunha liña de axudas para a súa dixitalización.

Medra o orzamento do Igape

No que respecta ao orzamento do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Lorenzana destacou que se reactiva con 278 M€ de orzamento e unha suba do 20 %. Así, a Oficina Económica de Galicia contará no ano 2025 cun investimento de máis de 6,2 M€, un 8,8 % máis que en 2024, entre outras cousas, para poñer en marcha o novo sistema de xestión de axudas SPIGA (Sistema de Procedementos do Igape).

Tamén se activará unha novidosa liña de subsidiación de xuros nos préstamos públicos concedidos ao amparo dos instrumentos financeiros Next Generation, así como dos préstamos concedidos por Xesgalicia, dotada con 5 M€ e coa a previsión de activar 200. Os apoios do Igape ás empresas en materia de financiamento pasan de 104 M€ en 2024 a 152 M€, un incremento do 45,4 %, o orzamento máis alto dos últimos cinco anos. Destaca, ademais, a creación dunha nova área de innovación empresarial co obxecto de potenciar o ecosistema de innovación empresarial de Galicia. Neste eido, destinaranse 4 M€ a unha nova liña de axudas (Igape Innova) ou 1 M€ ao novo programa Ticket Innova. A rede de aceleradoras contará con 7 M€, con tres novas: saúde e benestar, industria do deporte e enerxías renovables.

Concellos mineiros

No ámbito da minería, Lorenzana anunciou un incremento das partidas para a colaboración cos concellos, que acadará unha contía que pasa dos 60.000 aos 310.000 euros para dar pulo á figura dos municipios mineiros. Ademais, destinaranse 3,1 M€ para a recuperación ambiental e restauración de sete emprazamentos mineiros; entre eles, o de Monteneme, en Carballo e Malpica, onde hai unha previsión orzamentaria superior aos 1,6 M€. E tamén se consignan 700.000 euros para o cumprimento da Axenda de impulso á minería sustentable de Galicia 2030.

No que se refire ao Inega, destacou a suba de 5 M€ nos orzamentos e a continuidade de convocatorias de axuda como o Bono Enerxía Peme. Pola súa banda, a Axencia da Industria Forestal de Galicia (Xera), dixo, seguirá impulsando no ano 2025, con 1,6 M€, a construción en madeira. Tamén se destinarán 2 M€ á elaboración do Inventario Forestal Continuo de Galicia e 1,4 M€ á rehabilitación do Pazo de Lourizán.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis