A delegada territorial de Ferrol destaca o labor do IGAPE nas políticas de acción exterior da Xunta durante as xornadas ‘Ferrol no mundo do S.XXI’

Luns, 28 Outubro 2024 13:33

Martina Aneiros participou esta mañá no campus industrial na apertura destas xornadas centradas nas relacións entre a Unión Europea, China e Iberoamérica, organizadas polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi)

 

Ferrol, 25 de outubro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, interveu esta mañá na apertura da segunda edición das xornadas Ferrol no mundo do S.XXI: China, Unión Europea e Iberoamérica no diálogo Oriente-Occidente, organizadas polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), en colaboración co campus industrial de Ferrol e Casa Asia.

A delegada territorial avogou pola creación de espazos de encontro e diálogo como estas xornadas co obxectivo de “compartir ideas, analizar tendencias globais e, sobre todo, buscar solucións conxuntas aos retos que se presentan”. Neste sentido puxo o foco nas empresas como “actores directos da acción exterior” e destacou a rede de antenas empresarias tecidas polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), como exemplo das políticas da Xunta orientadas a abrir camiños para o tecido económica galego nos países de destino.

Na súa intervención, Aneiros tamén puxo en valor a visión cara ao exterior que sempre tivo Ferrol auspiciada “polo seu carácter naval e portuario, a súa vocación industrial e a súa apertura ao Atlántico” e incidiu na importancia que cobra esa visión no contexto actual, onde “as interconexións globais que estamos a vivir esíxennos entender as dinámicas e os equilibrios entre as grandes rexións do mundo”.

Por último, concluíu agradecendo ao Igadi a celebración desta iniciativa e destacando o seu esforzo por promover a reflexión sobre temas internacionais desde unha perspectiva galega.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis