Lorenzana pon en valor a iniciativa de Cafés Candelas para incrementar a produtividade e sustentabilidade da compañía coa construción da nova planta en Lugo

Martes, 01 Outubro 2024 17:58
  • A conselleira de Economía e Industria repasou cos responsables da compañía o estado de tramitación no que se atopa o proxecto, declarado Iniciativa Empresarial Prioritaria (IEP) polo Goberno galego e que prevé un investimento superior aos 14M€ e a xeración de 40 novos postos de traballo
  • O Goberno galego continuará prestando apoio e acompañamento á firma luguesa a través da Oficina Económica de Galicia, que desde a súa entrada en funcionamento o pasado mes de abril, leva atendidas máis de 7.000 consultas

 

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión cos responsables da empresa lucense Cafés Candelas co fin  de analizar o estado de tramitación do proxecto para a construción dunha nova planta no polígono industrial das Gándaras (Lugo). Unha iniciativa que foi declarada como iniciativa empresarial prioritaria (IEP) polo Goberno galego e na que a compañía ten previsto investir máis de 14 millóns de euros e a creación de 40 postos de traballo directos.

Neste sentido,  cómpre destacar que a futura infraestrutura permitirá duplicar a capacidade produtiva da empresa e contribuirá á internacionalización da compañía mediante o incremento das exportacións, sobre todo a mercados da Unión Europea, o que complementa e reforza a súa xa importante presenza internacional, con filiais en Portugal e Andorra e presenza comercial en Europa e Estados Unidos.  

Así mesmo, o sistema produtivo adaptarase a tecnoloxías propias da Industria 4.0 en ámbitos como o almacenamento da materia prima ou o automatizado da embalaxe, e primaranse tamén formatos sustentables priorizando o ecodeseño, a reciclaxe, a valorización de residuos, o uso de enerxías renovables e a loxística eficiente.

A conselleira de Economía e Industria puxo en valor a iniciativa de Cafés Candelas da que destacou o seu carácter innovador e respectuoso co medio ambiente e avanzou que o Goberno galego continuará co acompañamento do proxecto a través da nova Oficina Económica de Galicia, comandada desde o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que desde que entrou en funcionamento no mes de abril, leva resoltas máis de 7.000 consultas, das que o 79% son atendidas no momento.

Lorenzana lembrou que a Oficina Económica acompaña ás empresas en calquera tipo de consulta ou apoio que precisen por parte da Xunta de Galicia e, así, serve de instrumento para facilitar a relación entre administración e empresas e seguir avanzando na liña de desburocratización que vén impulsando o Goberno galego.

  • A Xunta aposta pola innovación e a cooperación público-privada para impulsar a competitividade e abrir novas oportunidades de negocio en Galicia
    Ler máis
  • Aberta a convocatoria da 8ª edición de ViaGalicia ata o 10 de decembro
    Ler máis
  • Lorenzana ofrece a Batea Oncology o apoio da Xunta para avanzar na loita contra o cancro cerebral
    Ler máis