A Xunta fomenta o emprendemento e a mellora da competitividade das pemes lucenses

Mércores, 23 Outubro 2024 13:17
  • O delegado territorial, Javier Arias, visitou en Lugo as instalacións de LMB Twice, beneficiaria de distintos apoios do Goberno galego para impulsar a súa actividade
  • Destacou o papel da nova Oficina Económica de Galicia, onde as empresas poden atopar un plan de seguimento personalizado para os seus proxectos

 

Lugo, 23 de outubro de 2024

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou hoxe que a Xunta ten en marcha distintos programas para incentivar o emprendemento, consolidar proxectos empresariais e mellorar a competitividade das pemes lucenses.

Arias visitou no polígono do Ceao as instalacións de LMB Twice, adicada á fabricación mecánica. A empresa, que deseña e desenvolve pezas metálicas de alta precisión, foi creada no ano 2022 e conta na actualidade cunhas 24 persoas traballadoras.

A firma acolleuse ás convocatorias da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para apoiar iniciativas emprendedoras e para contratar a mozos e mozas na súa primeira experiencia laboral. Esta última medida ten por obxecto favorecer a inserción profesional das persoas novas mediante contratos de formación, e permitiulles realizar tres contratos de traballo. As achegas totais suman uns 72.000 euros.

Tamén contaron co respaldo do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa concesión de 81.600 euros que lles facilitaron incorporar aos seus procesos de produción un software informático e dúas novas máquinas – un centro de mecanizado e unha entalladora -. Estes incentivos corresponden a dúas ordes, unha delas orientada a fomentar a dixitalización das pemes e a outra a promover investimentos que permitan abordar novos proxectos, diversificar produtos e mellorar as liñas de produción.

Arias afirmou que este “é un bo exemplo das posibilidades que ofrecen os programas da Xunta para apoiar ás pemes e autónomos e potenciar así a xeración de emprego e a actividade económica na Comunidade”.

Destacou o papel da nova Oficina Económica de Galicia,  onde as empresas poden atopar  asesoramento e contar cun plan de seguimento personalizado para os seus proxectos. Dende a súa posta en marcha en abril, leva atendidas preto de 9.500 consultas.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis