Máis de medio cento de empresas galegas participarán a vindeira semana na feira do sector naval de Hamburgo grazas ao apoio da Xunta

Luns, 02 Setembro 2024 10:46
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañará a delegación galega na visita, xunto a representantes de Asime, do Clúster do Naval Galego (Aclunaga) e da Cámara de Comercio de Vigo
  • Trátase da feira máis importante a nivel internacional sobre construción naval, maquinaria e tecnoloxía marítima, que se celebrará do tres ao seis de setembro
  • A visita ofrece unha oportunidade ás empresas galegas participantes de coñecer as últimas tendencias no sector, establecer vías de negocio e explorar ámbitos de cooperación comercial e tecnolóxica

 

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2024

Máis de medio cento de empresas galegas, acompañadas pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e por representantes de Asime, do Clúster do Naval Galego (Aclunaga) e da Cámara de Comercio de Vigo, participarán a vindeira semana na feira do sector naval SMM Hamburgo 2024 (Alemaña), que terá lugar do tres o seis de setembro.

Trátase da 31ª edición da feira máis importante a nivel internacional sobre construción naval, maquinaria e tecnoloxía marítima, que se celebra cada dous anos por estas datas e atrae unha multitude de empresas e entidades do sector procedentes de todo o mundo. Desde a súa fundación en 1963, consolidouse como unha plataforma de referencia para a presentación das últimas innovacións e os produtos máis recentes da industria naval e os estaleiros.

A visita, promovida pola Xunta a través do Instituto Económico de Galicia (Igape) e os seus programas de axuda á internacionalización, ofrece unha oportunidade ás empresas galegas participantes de coñecer as últimas tendencias no sector, establecer vías de negocio e explorar ámbitos de cooperación comercial e tecnolóxica. 

En concreto, esta edición congregará máis de 2.200 expositores de 67 países e estímase unha afluencia de máis de 50.000 visitantes profesionais. A delegación galega compóñena un total de 54 empresas que representan o 37 por cento da presenza española na feira. Delas, 24 contan cun expositor propio, ao igual que Asime e Aclunaga.

A edición deste ano está enfocada ao impacto da dixitalización e as enerxías renovables no sector marítimo; en concreto, a automatización, a economía circular, os sistemas alternativos de propulsión, a redución de emisións, a economía circular e os novos materiais e seguridade.

Durante os seus dous días de estancia, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, que encabeza a delegación galega acompañada da directora do Igape, Covadonga Toca, terá ocasión de reunirse co Conselleiro Económico e Comercial Xefe da Oficina Económica e Comercial en Düsseldorf da Embaixada de España en Alemaña. Ademais, manterá unha reunión de traballo coas empresas participantes e terá ocasión de visitar os diferentes expositores procedentes de Galicia.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis