Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables

Sábado, 16 Novembro 2024 15:24
  • Avoga pola colaboración público-privada e salienta o impulso que o Goberno galego quere dar á innovación empresarial cunha nova área específica que se vai crear no Igape, cun investimento de 11,5 M€
  • De ABCR Labs destaca que, con quince anos de traxectoria, logrou posicionarse no sector da investigación e fabricación de produtos químicos que exporta a todo o mundo, e valorou moi positivamente a súa aposta polo talento local

Vigo, 16 de novembro de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, ratificou hoxe o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento en Galicia das enerxías renovables para o cal, dixo, a Lei de recursos naturais, publicada esta mesma semana, marca a folla de ruta a seguir.

Lorenzana asistiu hoxe á entrega do Premio á Excelencia Química Empresarial que o Colexio Oficial de Químicos de Galicia outorgou este ano a ABCR Labs, situada no polígono empresarial David Raposeiras de Forcarei (Pontevedra). Dela destacou que, con quince anos de traxectoria, logrou posicionarse no sector da investigación e fabricación de produtos químicos que exporta a todo o mundo, e valorou moi positivamente a súa aposta polo talento local.

A conselleira salientou que a química achega grandes avances á industria que son claves para a transición enerxética e o desenvolvemento sustentable. Neste sentido, destacou que a maior parte dos dez Proxectos Industriais Estratéxicos declarados ata o momento están vinculados co hidróxeno verde, a economía circular ou os biocombustibles, e poden chegar a mobilizar en Galicia investimentos por valor de 2.500 M€ nos vindeiros anos.

Lorenzana avogou, ao respecto, pola colaboración público-privada e salientou o impulso que a Xunta quere dar á innovación empresarial cunha nova área específica que se vai crear no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), cun investimento de 11,5 M€. Unha área, dixo, enfocada, entre outras cousas, a achegar a intelixencia artificial ás empresas. E desde a que se xestionarán, tamén, dúas novas liñas de axuda: Igape Innova (4 M€) e o novo programa Ticket Innova (1M€), con ata 60.000 euros en apoios, para empresas de sectores tradicionais non produtoras de tecnoloxía. 

O Colexio Oficial de Químicos de Galicia tamén entregou o recoñecemento como colexiada distinguida a Covadonga Salgado, directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), de quen Lorenzana destacou a súa traxectoria á fronte desta entidade.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis