A Xunta subliña a importancia de “activar as pancas de crecemento necesarias” para facer fronte ao momento actual

Venres, 08 Abril 2022 09:59
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, participa en Madrid na entrega do XV Premio Victoriano Reinoso, que a Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid (Aegama) concede a Manuel Carrero López, presidente do Grupo Previsión Sanitaria Nacional
  • Salienta que a traxectoria profesional do homenaxeado é “un fiel reflexo da Galicia que nunca se rende e que sabe que para triunfar fai falta talento, pero tamén grandes doses de traballo e de enerxía”
  • Destaca que o presente “obriga á toma de decisións axeitadas” e subliña a importancia de medidas como o Plan Estratéxico de Galicia ata 2030, a Lei de simplificación administrativa ou os fondos europeos Next Generation
  • Lembra que nas últimas semanas a Xunta activou un plan de choque que inclúe medidas específicas tanto para as familias como para o rural, a pesca, o sector agropecuario ou a automoción

O director do Igape, Fernando Guldrís, defendeu hoxe na entrega do XV Premio Victoriano Reinoso, que a Asociación de Empresarios Gallegos en Madrid (Aegama) concedeu a Manuel Carrero, presidente do Grupo Previsión Sanitaria Nacional, a importancia de “activar as pancas de crecemento necesarias” para facer fronte ao momento actual.

“A situación obriga á toma de decisións axeitadas”, expuxo Guldrís en referencia ao actual contexto económico, un escenario no que, como lembrou, o Goberno galego activou hai semanas un plan de choque que inclúe medidas específicas tanto para as familias como para o rural, a pesca, o sector agropecuario ou a automoción.

Estas actuacións, salientou Guldrís, complementan o traballo que xa viña impulsado a Xunta, materializado en medidas concretas como os orzamentos máis elevados da historia de Galicia; o desenvolvemento do Plan Estratéxico de Galicia ata 2030; ou ferramentas como a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica.

“E, por suposto, os fondos europeos Next Generation, nos que estamos a facer un importante traballo da man do tecido empresarial e dos axentes económicos e sociais para presentar proxectos sólidos que poidan optar a eles”, proseguiu o director do Igape, quen resaltou que todas estas accións son “unha mostra do bo facer do modelo galego” na procura de “adaptarse aos cambios e para manterse en primeira liña, consolidando o seu propio modelo económico”.

Un modelo, salientou, que exemplifica Manuel Carrero, “fiel reflexo da Galicia que nunca se rende e que sabe que para triunfar fai falta talento, pero tamén grandes doses de traballo e de enerxía”. “A nosa é unha terra da que podemos estar orgullosos. O talento, a formación, a innovación, aspectos clave que caracterizan ás nosas empresas, deben estar moi presentes na construción do noso futuro; un futuro que estamos chamados a construír traballando todos xuntos”, concluíu.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis