- A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu á entrega do premio Peme do ano 2024 onde salientou a importancia de recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas e a súa capacidade para promover o desenvolvemento empresarial en Galicia
- Animou ás pemes a traballar na procura de novos mercados e lembrou que nestes momentos está aberta a liña para a contratación de xestores de internacionalización, o programa de bolseiros ou o plan de misión comerciais Foexga
- Destacou a posta en marcha, este ano, da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento
A Coruña, 26 de xuño de 2024
A directora do Igape, Covadonga Toca, asistiu esta mañá na Coruña á entrega do premio Peme do ano 2024, un acto no que animou ao tecido empresarial galego a seguir apostando pola innovación e a internacionalización na procura de “adaptarse ás exixencias dos novos tempos e aos retos asociados co contexto que nos toca vivir”.
“Xa sexa en termos de internacionalización, de innovación e transformación dixital, de formación e emprego, ou de sustentabilidade, hai un tema común que vos une a todos, un eixo transversal que define e orienta a vosa actuación: a vontade por mellorar e crecer”, salientou Toca Carús, quen puxo en valor o papel fundamental que xogan as pemes, que representan máis do 99% do tecido empresarial.
Neste sentido, a directora do Igape salientou a importancia de recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas e a súa capacidade para promover o desenvolvemento empresarial en Galicia. Un traballo, resaltou, no que contan co apoio da Xunta na aposta pola “innovación e as novas tecnoloxías, pola dobre transformación dixital e sostible, pola internacionalización e, como non, polo talento”.
“O noso traballo pasa por acompañarvos no voso camiñar diario”, proseguiu a directora do Igape, quen resaltou os programas que promove o Instituto para facilitar a internacionalización e a innovación das pemes.
Así, no primeiro eido, Toca Carús lembrou que nestes momentos está aberta a liña para a contratación de xestores de internacionalización, o programa de bolseiros ou o plan de misión comerciais Foexga. Estes programas, salientou, teñen contribuído aos rexistros históricos que están a acadar as exportacións galegas, que o ano pasado superaron por primeira vez a barreira dos 30.000 millóns.
Así mesmo, Toca Carus referiuse tamén á posta en marcha, este ano, da Oficina Económica de Galicia, unha canle única para a entrada das empresas á administración, facilitando información, asesoramento e acompañamento.
“As pemes galegas sodes un exemplo de como a dedicación e o esforzo poden transformar unha rexión, impulsando non só a economía local, senón tamén mellorando a calidade de vida de todos os seus habitantes. Estou convencida de que a través dun maior esforzo en innovación, competitividade e internacionalización, e cos apoios necesarios, lograredes chegar onde vos propoñades”, concluíu.