A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, activa unha nova convocatoria dos programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, liñas de apoio que suman, de modo conxunto, 7,5 millóns de euros na procura de impulsar a internacionalización do tecido produtivo galego. Estes apoios permiten a realización de accións de promoción exterior xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas ga¬legas nos mercados internacionais.
Neste sentido, o Galicia Exporta Empresas conta cun orzamento de 5 millóns destinado a proxectos individuais, mentres que o Galicia Exporta Organismos Intermedios suma 2,5 millóns para apoiar iniciativas colectivas coordinadas por agrupacións empresariais. O obxectivo é impulsar tanto actividades de difusión como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional.
Ambas as dúas convocatorias teñen desde hoxe aberto o prazo de presentación de solicitudes, que permanecerá aberto ata o vindeiro 24 de maio. Os apoios cobren o 70% dun gasto máximo subvencionable de ata 130.000 euros, facilitando e promovendo plans de internacionalización que inclúen, entre outras accións, a participación en iniciativas de promoción internacional ou a planificación de axendas de contactos e seguimento de clientes no exterior.
Cómpre destacar que, na convocatoria do 2020, as dúas liñas beneficiaron a un total de 509 empresas, mobilizando máis de 10 millóns de euros. Así, o Galicia Exporta Empresas promoveu 244 plans de internacionalización, estando o 71% das accións dirixidas ao mercado europeo, encabezado por Alemaña. Fóra de Europa destacou Estados Unidos, co 9% das accións aprobadas.
Pola súa banda, o Galicia Exporta Organismos Intermedios promoveu 185 proxectos correspondentes a misións directas ou visitas a feiras no estranxeiro (46,7%), a participacións como expositores en feiras internacionais (24,5%) ou a misións inversas desde o estranxeiro de importadores, distribuidores, medios de comunicación e outros prescriptores (13,6%). Por mercados, as empresas amosaron a súa preferencia por países da UE -Alemaña sumou o 17% do total-, mentres que fóra de Europa destacaron os Estados Unidos, cun 10% das accións de promoción aprobadas, e México (4%).
Estratexia de internacionalización 2025
As dúas liñas compleméntanse co Galicia Exporta Dixital, que ten aberta unha nova convocatoria cun importe de 4,4M€, adaptada ás necesidades provocadas pola covid-19 para facilitar a reactivación do tecido empresarial e a mellora da competitividade no actual contexto económico. O obxectivo é permitir ás empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización. O programa ten permitido ata o de agora impulsar máis de 330 plans de internacionalización dixital encamiñados á promoción das empresas e os seus produtos en máis de 90 países, por importe de preto de 12M€.
Todos estes programas se enmarcan na nova Estratexia de Internacionalización de Galicia 2021-2025, que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores. Unha estratexia que busca que as compañías galegas multipliquen por tres as exportacións a América do Norte, e dupliquen as súas vendas a América do Sur e Asia, ademais de incrementar en máis dun 25% as exportacións ao Reino Unido.
Neste sentido, as vendas ao exterior da Comunidade superaron os 25.000 millóns de euros o pasado exercicio, o que se supón, un novo récord histórico e un incremento do 21,1% con respecto ao 2020. Cifras ás que cabe sumarlle outras como a suba do número de empresas exportadoras galegas, que logran tamén neste período o seu mellor rexistro, chegando ás 9.360, un 31,5% máis que no 2020.