A Xunta destaca o carácter precursor de Valver, que desde Colombia abre o camiño ás empresas galegas que queren dar o salto ao mercado latinoamericano

Venres, 18 Marzo 2022 13:33
  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou as instalacións desta compañía en Medellín, referente da automoción galega implantada en Colombia
  • Especializada en serigrafía e decoración industrial, a compañía está comprometida coa innovación e a sustentabilidade

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou en Medellín as instalacións de Valver, un referente da automoción galega implantado en Colombia do que destacou o seu carácter precursor, xa que está abrindo camiño ás empresas galegas que queren dar o salto ao mercado internacional e, de xeito particular, a Latinoamérica.

A empresa, cun equipo de máis de 200 empregados entre Tui, Portugal e Colombia -país onde traballan 50 persoas- está especializada en serigrafía e decoración industrial. Conde subliñou a aposta de Valver, empresa 100% galega, pola innovación, o talento e a sustentabilidade, a través de pezas únicas que ofrece aos seus clientes e que lle está permitindo posicionarse como pioneira no seu segmento.

O vicepresidente asegurou que é un orgullo constatar en viaxes como esta o éxito da Marca Galicia no mundo e sinalou que son estas empresas as que contribúen a poñer no mapa internacional o sector galego da automoción e toda a súa cadea de valor.

Neste sentido, explicou que o traballo de compañías como Valver permitiu á automoción galega superar por primeira vez en 2020 os 10.000 millóns de euros en facturación e que as exportacións marcasen o seu mellor dato histórico, cun incremento do 16%. Conde tamén expuxo o compromiso da Xunta con esta industria á que se levan destinado 210 millóns desde 2009 para impulsar a súa modernización, internacionalización ou formación.

 

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis