Lorenzana resalta o compromiso do sector dos áridos en Galicia coa sustentabilidade, a formación e a seguridade e saúde laboral

Venres, 26 Abril 2024 23:25
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, abriu hoxe a Asemblea Xeral da Asociación Galega de Áridos (Arigal)
  • Avanza que, no marco da Axenda de Impulso á Minaría Sostible de Galicia, a Xunta está pechando un convenio de colaboración con Arigal que recolle diferentes actuacións para dar a coñecer este sector e as súas potencialidades en diversos ámbitos; entre eles, o educativo
  • Lembra o pacto pola industria que quere promover o Goberno galego e subliña que a Xunta “vai seguir defendendo de maneira intensa o feito de que o desenvolvemento industrial e enerxético da nosa comunidade autónoma é compatible co medio ambiente”

 

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, abriu hoxe a Asemblea Xeral da Asociación Galega de Áridos (Arigal) onde resaltou o compromiso do sector en Galicia coa sustentabilidade, a capacitación técnica dos profesionais e a seguridade e saúde laboral.

Na súa intervención, Lorenzana puxo o acento na importancia da formación e avanzou que, no marco da Axenda de Impulso á Minaría Sostible de Galicia, a Xunta está pechando un convenio de colaboración con Arigal que recolle diferentes actuacións para dar a coñecer este sector e as súas potencialidades en diversos ámbitos; entre eles, o educativo.

A conselleira cualificou a minaría como un sector estratéxico para a economía galega porque proporciona materias primas a moitos dos sectores considerados fundamentais neste momento: as enerxías renovables, a automoción, a aeronáutica, o turismo, a construción ou a enxeñaría civil. Unha industria, indicou, que actúa como un dinamizador económico do rural galego e que tamén está facendo avances de cara á neutralidade climática.

Neste contexto, e lembrando o pacto pola industria que quere promover o Goberno galego, aludiu á Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia por ser unha norma que afonda na sustentabilidade e que, ao igual que fai a sociedade Recursos de Galicia, vela por que os beneficios dese aproveitamento “queden en Galicia”. “Desde a Xunta imos seguir defendendo de maneira intensa o feito de que o desenvolvemento industrial e enerxético da nosa comunidade autónoma é compatible co medio ambiente”, dixo, para subliñar: ”Somos rigorosos nas tramitacións medioambientais e podemos afirmar isto e dar tranquilidade”.

No plano da tramitación administrativa, Lorenzana referiuse, tamén, ao compromiso do Goberno galego coa desburocratización a través da Oficina Económica do Igape, á que “calquera empresa pode acceder e en sete días se lle fará unha planificación e se lle dará un acompañamento adecuado ás súas necesidades”. E tamén apuntou, entre as vantaxes do plan de aceleración de proxectos industriais da Administración autonómica, que para as iniciativas con interese en instalarse na Comunidade que superen os 800.000 euros de investimento e non obteñan en prazo a licenza do Concello correspondente, van obtela por parte da Xunta. Ao respecto, lembrou que agora que a Consellería de Economía e Industria dispón das competencias en materia de solo industrial, ese asesoramento ás empresas vai ser integral, dixo.

A conselleira finalizou apelando ao diálogo e á colaboración público-privada, e felicitando a Arigal polos seus 25 anos de traxectoria.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis