A Xunta mantén un encontro cunha delegación do Brasil para explorar vías de negocio e oportunidades de colaboración

Martes, 09 Abril 2024 13:45
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, encabeza a reunión de traballo con representantes do Sebrae (Serviço Brasileiro de Apoio às Micro e Pequenas Empresas) no que afondan sobre posibilidades de investimento e mecanismos de apoio a pemes
  • Amosan o seu interese na aposta pola innovación, a dixitalización e a internacionalización da comunidade, así como polas ferramentas de financiamento de proxectos e especialmente dos servizos que ofrece o Igape 
  • Nos últimos dous anos Galicia ten exportado ao Brasil preto de 170 millóns, facendo deste un dos principais mercados de América no que as vendas ao exterior da comunidade se refire 

 

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2024.- A directora do Igape, Covadonga Toca, vén de participar nun encontro de traballo con representantes do Sebrae -Serviço Brasileiro de Apoio às Micro e Pequenas Empresas- na procura de explorar vías de negocio e oportunidades de colaboración co país suramericano.

Neste sentido, a reunión permitiu afondar tanto nas posibilidades de investimento como nos mecanismos de apoio a pemes e autónomos que cada ano promove o Igape, amosando a delegación brasileira un especial interese na aposta pola innovación, a dixitalización e a internacionalización de Galicia.

A directora do Igape agradeceu a Sebrae este mostra de interese e puxo en valor a importancia da cooperación público-privada para o desenvolvemento de proxectos, tal e como está a facer Galicia nos mencionados ámbitos.

Neste sentido, Toca Carús detallou que o Igape conta con diferentes programas para pemes e autónomos entre os que destacou, no ámbito da internacionalización, as liñas Galicia Exporta, tanto para empresas como para organismos intermedios, para promover a diversificación de mercados e a internacionalización de pemes e autónomos galegos; ou a liña de xestores de internacionalización, para facilitar a contratación profesionais con formación ou experiencia en comercio exterior.

Salientou tamén o papel das antenas do Igape en México, EEUU (Miami), Marrocos, China e Emiratos Árabes, cuxo obxectivo, explicou Toca, é “potenciar as relacións comercias e incrementar as exportacións das empresas galegas a estes mercados, de cara a identificar oportunidades de negocio, atender a demanda de información e ofrecer servizos de apoio á internacionalización”.

Así mesmo, a directora do Igape lembrou tamén outras liñas de actuación, como a nova edición do programa ReAcciona, que permitirá apoiar a posta en marcha de proxectos centrados na mellora da competitividade das pemes galegas, facilitándolles o acceso a servizos de alto valor engadido co apoio de expertos ou, no eido do emprendemento innovador, a primeira liña específica de apoio ás startups galegas e a rede de business factories, nos ámbitos da automoción, a alimentación ou o aeroespacial.

O encontro permitiu afondar neste tipo de ferramentas e reforzar a xa importante relación comercial entre ambas rexións, que se materializa, nos dous últimos anos, en preto de 170 millóns exportados ao Brasil por parte das empresas galegas, facendo deste un dos principais mercados de América no que as vendas ao exterior da comunidade se refire.

Ao remate da xuntanza, acordouse continuar analizando os temas intercambiados de cara a poder establecer no curto prazo algún acordo de cooperación en asuntos de interese recíproco, que permita estreitar as relacións bilaterais e incrementar as oportunidades das empresas dos dous territorios na súa expansión internacional.

  • Lorenzana avoga por mesturar innovación e sustentabilidade para impulsar a competitividade do tecido empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana avoga pola colaboración público-privada e o diálogo permanente co tecido empresarial para dar valor engadido nun mercado global
    Ler máis
  • A Xunta abrirá en Madrid unha sede da Oficina Económica de Galicia para reforzar a dinamización empresarial e a captación de investimentos
    Ler máis