Lorenzana informa en Mos dos apoios da Xunta para mellorar a competitividade industrial

Venres, 09 Febreiro 2024 16:48
  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou nun encontro con Aemos no que explicou as liñas abertas para a modernización dos polígonos industriais
  • Refírese á Oficina Económica de Galicia e ao Plan de aceleración de proxectos industriais como principais medidas de acompañamento ao empresariado

Mos (Pontevedra), 9 de febreiro de 2024

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con membros da Asociación de empresarios de Mos (Aemos), para coñecer de primeira man as súas principais necesidades e informar dos apoios que a Xunta pon á súa disposición para mellorar a competitividade empresarial.

Neste sentido, Lorenzana informou das axudas que a Xunta ten abertas nestes momentos para mellorar a competitividade dos polígonos industriais. Trátase da orde para modernizar as súas infraestruturas, aberta ata o 19 de febreiro cun orzamento de 3,5 M€; a dirixida tanto á creación como mellora de equipamento dos viveiros industriais, dotada con 1,5 M€ e aberta ata o 26 de febreiro; así como a liña para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica dos parques empresariais, para a que se poden solicitar solicitudes ata o 30 de abril e que conta cun crédito de 4,7 M€.

Lorenzana incidiu en que o papel da Administración autonómica debe ser o de acompañar ao empresario. Así, referiuse á nova Oficina Económica de Galicia para continuar facilitando os trámites aos proxectos que se queren implantar ou medrar en Galicia e avanzar na desburocratización.

A conselleira tamén subliñou a importancia de facilitar o financiamento e o acceso a solo industrial. Ao respecto, referiuse a o Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais posto en marcha pola Xunta para iniciativas a partir de 800.000 euros de investimento; ou á ampliación dos treitos para declarar un proxecto como estratéxico, agora desde 2 M€ e 25 empregos.

  • O Igape incrementa o seu orzamento ata os 278 M€ na procura de impulsar un novo modelo de relacionarse coas empresas e mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia a creación dunha área específica de innovación dotada con mais de 60 M€ para fortalecer o tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta reforza o seu compromiso co emprendemento innovador como “chave do futuro económico de Galicia”
    Ler máis