- A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na tribuna do Círculo de Empresarios de Galicia
- Valora moi positivamente os últimos datos do INE relativos ao Índice de Produción Industrial, que apuntan a un crecemento en Galicia de case o 2 por cento en 2023, mentres que no conxunto do Estado se rexistra unha caída media do 0,8 por cento
- Avoga por seguir insistindo na “esencial” tarefa da desburocratización administrativa para favorecer a implantación de novos proxectos
- Denuncia a “desconexión total” que existe entre as necesidades do tecido empresarial e o deseño dos Perte
- Reclama a colaboración do Estado para reducir os prezos enerxéticos da industria
Vigo, 7 de febreiro de 2024
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, asegurou hoxe que a Xunta vai seguir traballando na senda da estabilidade e do apoio ao tecido empresarial para incrementar o peso da industria no PIB de Galicia e consolidar o crecemento da economía galega.
Así o manifestou antes de participar na tribuna do Círculo de Empresarios de Vigo, onde fixo referencia aos últimos datos do INE relativos ao Índice de Produción Industrial, que apuntan a un crecemento en Galicia de case o 2 por cento en 2023, mentres que no conxunto do Estado se rexistra unha caída media do 0,8 por cento.
“Non nos podemos conformar pero si temos que seguir traballando nesta liña”, aseverou Lorenzana, quen apuntou que son datos coherentes coa última EPA, segundo a cal Galicia supera en dous puntos ao Estado en porcentaxe de persoas traballadoras ocupadas no sector industrial, cun ritmo de crecemento interanual do 7,31 por cento.
“Temos que seguir traballando cos empresarios no que poidamos, seguir acompañándoos”, dixo. Ao respecto, referiuse á nova Oficina Económica de Galicia para continuar coa “esencial” tarefa da desburocratización. E sinalou tamén a necesidade de dar acompañamento ao tecido empresarial a nivel de financiamento e de acceso a solo industrial para facilitar a implantación de novos proxectos. Mencionou, así, o Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais que puxo en marcha a Xunta para iniciativas a partir de 800.000 euros de investimento; ou o feito de que se teñan ampliado os treitos para declarar un proxecto como estratéxico, agora desde 2 M€ e 25 empregos.
Na súa intervención Lorenzana defendeu que o reto da electrificación e da descarbonización non será posible sen un prezo eléctrico xusto e competitivo e a dispoñibilidade de rede e enerxía renovable para evitar deslocalizacións. Nesta liña, reclamou a colaboración do Estado para reducir os prezos enerxéticos porque, segundo apuntou, en España son tres veces superiores con respecto a Alemaña ou Francia.
Neste punto, solicitou que se fagan as modificacións precisas na rede eléctrica para asegurar subministración á futura planta de Altri ou a Stellantis Vigo, entre outros. Tamén pediu medidas específicas para garantir a viabilidade da gran industria consumidora de enerxía, e que a Galicia se lle compensen os custos de compensación de CO² como merece, porque dos 860 M€ que lle corresponden só recibiu ata o de agora 300 M€.
Finalmente, quixo poñer de manifesto a importancia de ofrecer certezas para que o tecido empresarial poida desenvolver os seus plans de negocio. Denunciou, así, a “desconexión total” que existe entre as necesidades do tecido empresarial e o deseño dos Perte, para incidir en que é indispensable que a asignación destas axudas vaia acompasada ás demandas das empresas -especialmente da industria, as pemes e os autónomos-, e aos tempos de execución dos proxectos.