Madrid, 12 de decembro de 2023
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Madrid no encontro Los almuerzos de Aegama, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid.
Durante a súa intervención, Lorenzana destacou que a Xunta traballa para converter Galicia nun polo de emprendemento industrial capaz de atraer investimentos garantindo as máximas facilidades na tramitación. Neste eido, destacou a próxima posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, que funcionará como única canle de interlocución coa empresa, e lembrou tamén que se vai acometer un plan de aceleración de proxectos industriais, de tal xeito que se rebaixan as condicións para seren declarados estratéxicos.