A Xunta aposta pola colaboración público-privada para impulsar o crecemento do tecido empresarial

Mércores, 29 Novembro 2023 16:41
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou en Culleredo as instalacións do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), onde puxo en valor a importancia desta infraestrutura pola súa “transversalidade” e pola “aposta decidida” pola sustentabilidade das empresas
  • Subliña a importancia da economía circular e de que empresas e administracións traballen de xeito conxunto neste eido para “sensibilizar, formar e informar”
  • A convocatoria deste ano do programa de Economía Circular promovido pola Consellería de Economía, Industria e Innovación está a permitir o impulso de dez iniciativas que buscan mellorar a competitividade das pemes fomentando procesos e consumos máis eficientes

Culleredo (A Coruña), 29 de novembro de 2023

A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou en Culleredo as instalacións do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), onde destacou a importancia da colaboración público-privada de cara a promover o crecemento económico e consolidar a competitividade do tecido empresarial galego. “A cooperación entre empresas e administración é moi importante e permite mudar comportamentos para que Galicia se faga cada vez máis grande”, incidiu.

Toca Carús puxo ao centro tecnolóxico como exemplo dese traballo conxunto; unha infraestrutura que, como explicou, destaca tanto pola súa “transversalidade” como pola “aposta decidida” pola sustentabilidade das empresas.

Así, o centro atende a tres áreas de investigación principais: materiais avanzados, onde traballan a contorna das madeiras, dos plásticos, da construción sustentable e das baterías; a liña centrada en eco biotecnoloxías, que atende ao tratamento da auga e dos residuos; e a industria dixital, centrada no sector TIC.

Desde a súa posta en marcha o CETIM atende en todos os seus proxectos á sustentabilidade, con especial fincapé no eido da economía circular. Un campo “fundamental”, indicou a directora do Igape, no que empresas e administracións deben traballar de xeito conxunto para “sensibilizar, formar e informar”.

Cómpre lembrar que a Consellería de Economía, Industria e Innovación activou este ano unha nova convocatoria da liña de Economía Circular que está a permitir o impulso de dez iniciativas que buscan mellorar a competitividade das pemes promovendo procesos e consumos máis eficientes. A través deste programa achéganse axudas directas para facilitar os investimentos das pemes e autónomos de cara á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular, o que se traduce nun aforro de recursos e enerxía e favorecerá o reemprego dos refugallos.

O conxunto destes apoios mobilizan preto de 750.000 euros este ano, contribuíndo as iniciativas a promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis