Lorenzana avoga por seguir ampliando e fortalecendo as relacións comerciais entre Galicia e México para promover novos investimentos

Venres, 22 Setembro 2023 12:54
  • Con motivo da celebración deste certame, nas vindeiras semanas el Palacio de Hierro será o escaparate do produto galego e das empresas que operan no país
  • A conselleira de Economía Industria e Innovación lembra que coincide, ademais, co 30 aniversario do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)
  • Pon de manifesto a aposta que a Xunta de Galicia está facendo por dar seguridade e ofrecer simplicidade e axilización na tramitación de novos proxectos e, doutra banda, como México supón a porta de entrada ao mercado estadounidense
  • Na xornada de hoxe, Lorenzana vai visitar en Cidade de México a empresa Optare Solutions, unha compañía galega con sede central en Vigo que este mes celebra os dez anos de actividade da súa filial en México

Puebla (México), 21 de setembro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por seguir ampliando e fortalecendo as relacións comerciais entre Galicia e México para promover novos investimentos. Fíxoo durante a súa intervención no acto de conmemoración do 30 aniversario da Quincena de Galicia en México, no Palacio de Hierro.

Trátase dun evento promocional que se celebrou por primeira vez en 1992 organizado pola Xunta de Galicia e esta coñecida empresa mexicana da cadea retail, que contribuíu a ampliar a presenza no país de diferentes empresas galegas, fundamentalmente, do sector téxtil e agroalimentario. Desta volta, conmemorando o 30 aniversario deste certame, vólvese celebrar pero cun mes de duración, no cal, o Palacio de Hierro será o escaparate do produto galego e das empresas que operan no país.

A conselleira de Economía Industria e Innovación foi a encargada de inaugurar o certame, onde apuntou que coincide, ademais, coa celebración do 30 aniversario do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). “30 anos transformando Galicia e o desenvolvemento da economía galega”, dixo, para lembrar que son 30 anos, tamén, “desde que se abriron as portas de México a Galicia cun evento especial sobre as nosas empresas e os nosos produtos”.

Seguindo esta liña, Lorenzana apelou na súa intervención a seguir fortalecendo os lazos económicos entre Galicia e México e a explorar novas oportunidades de negocio. Nese sentido, puxo de manifesto a aposta que a Xunta de Galicia está facendo por dar seguridade e ofrecer simplicidade e axilización na tramitación de novos proxectos e, doutra banda, como México supón a porta de entrada ao mercado estadounidense. A conselleira tamén tivo palabras para as empresas galegas no país presentes no acto, ás que convidou a manter e fomentar a marca Galicia no seu papel de embaixadoras.

Na axenda do mércores, a titular de Economía, Industria e Innovación tamén tivo ocasión de participar na xuntanza da asociación galega Real Impact Women, un proxecto para impulsar o liderado feminino no mundo empresarial. A conselleira eloxiou a súa iniciativa e capacidade para darlle eco internacional.

Optare Solutions

Na xornada de hoxe, Lorenzana vai visitar en Cidade de México a empresa Optare Solutions, unha compañía galega con sede central en Vigo que este mes celebra os dez anos de actividade da súa filial en México, onde traballan unha vintena de persoas.  É unha firma moi activa en proxectos de I+D que actualmente traballa en proxectos relacionados co 5G, o vehículo conectado e a fábrica intelixente. Segundo a conselleira, é un exemplo das perspectivas de crecemento e expansión que ten por diante o sector TIC galego e do talento dos seus profesionais.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis