Lorenzana compromete o apoio da Xunta para impulsar a competitividade de pemes e autónomos

Martes, 27 Xuño 2023 19:48
  • Destaca que a tarefa da Administración autonómica vai seguir sendo ofrecer certezas, estabilidade e confianza.
  • Avoga por dar a máxima axilidade administrativa aos proxectos que conforman a Axenda Industrial de Galicia.
  • Apunta que, ata maio, se crearon en Galicia máis de 1.800 empresas, 773 na provincia da Coruña.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, comprometeu hoxe todo o apoio da Xunta para seguir impulsando en Galicia a competitividade de pemes, micropemes e autónomos, ao tempo que se asentan no territorio os grandes proxectos de investimento previstos no marco dos fondos Next Generation.

Así o manifestou hoxe durante a clausura da asemblea xeral da Confederación de Empresarios da Coruña, onde avogou por dar a máxima axilidade administrativa aos proxectos que conforman a Axenda Industrial de Galicia, relacionados coa economía circular, a xeración de hidróxeno verde e os biocombustibles ou coa mobilidade sustentable, e lideradas por empresas como Sentury, Resonac, Reganosa, EDP, Repsol ou Naturgy, entre outras.

Durante a súa intervención, Lorenzana salientou que “en Galicia cremos que hai outra forma de facer as cousas”, sinalando que “as empresas sodes parte da solución”. Neste sentido, avogou pola colaboración público-privada, lembrando que “a economía, a industria, os proxectos, o emprego, os fan as empresas”, avogando pola colaboración público-privada”.

 

Lorenzana apuntou que a tarefa da Administración autonómica vai seguir sendo ofrecer certezas, estabilidade e confianza ao tecido empresarial. E, ao respecto, puxo de relevo que Galicia xa recuperou o PIB prepandemia antes que a media de España. Que vén de rexistrar o mellor cuadrimestre da historia en exportacións (con máis de 9.676 millóns de euros, que é un 6,4% máis que entre xaneiro e abril do ano pasado). Tamén a mellor cifra nun mes de maio nos últimos 14 anos en número de afiliados á Seguridade Social (1.059.085 persoas). E que ata maio, se crearon en Galicia máis de 1.800 empresas, 773 na provincia da Coruña.

A conselleira concluíu recoñecendo que o que contribúe a estes datos é o talento e a capacidade de adaptación das empresas galegas nun contexto tan complexo como o actual.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis