Lorenzana destaca a aposta da Xunta por ofrecer a máxima axilidade administrativa para captar novos investimentos empresariais

Mércores, 28 Xuño 2023 19:36
  • A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, sinalou hoxe nun coloquio organizado por APD en Vigo que a Administración autonómica vai seguir traballando para eliminar trabas burocráticas e achegar un clima favorable en termos de fiscalidade, enerxía e tamén no plano laboral.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Vigo nun coloquio organizado pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD), no cal destacou a aposta da Xunta de Galicia por ofrecer a máxima axilidade administrativa para captar novos investimentos empresariais. Así, sinalou que a Administración autonómica vai seguir traballando para eliminar trabas burocráticas e achegar un clima favorable en termos de fiscalidade, enerxía, e tamén no plano laboral.

Lorenzana recoñeceu que as administracións “non poden ser un estorbo” para o tecido empresarial e iso, dixo “implica axilidade administrativa desde todos os puntos de vista e coñecer cales son as súas necesidades e como se pode traballar de xeito coordinado para que os proxectos saian adiante. “Estamos dando ritmo a un traballo xa iniciado para converter Galicia nun foco de atracción de investimentos, vinculando, tamén, a enerxía á industria”, tal e como recolle a futura Lei de de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia.

“Temos que trasladar unha mensaxe á sociedade de que podemos traballar coa enerxía que temos en Galicia, que iso vai repercutir no benestar de todos”, dixo, e mentres tanto, engadiu, conseguir que iso teña impacto no prezo enerxético que afronta a industria e contribúa a captar investimento exterior. Ao mesmo tempo, Lorenzana avogou por “dar coherencia” ao traballo que fai o Igape e a Sociedade Impulsa, xunto coa Secretaría Xeral de Industria, “que naceu coa finalidade de ser quen de coordinar todos os proxectos industrias e empresarias e ser o nexo de unión”.

A conselleira tamén considerou clave o talento, “atraer e reter ás persoas”, dixo. E, con respecto aos fondos Next Generation, recoñeceu que “sería unha auténtica traxedia” que non chegasen a Galicia, polo que, concluíu: “imos ser incansables en reclamalo”.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis