A Xunta avanza no Fondo de Transición Xusta para impulsar proxectos tractores nos que participen as pemes galegas

Mércores, 14 Xuño 2023 16:16
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, e a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, participaron no Comité de Política Industrial que avalía, entre outras cuestións, a situación deste Fondo que suma 111 millóns de euros en Galicia e que ten previsto, nos vindeiros meses, a activación de distintas liñas.
  • Tamén se afondou no estado actual da coxeración, tendo en conta a incerteza regulatoria.
  • O encontro permitiu tamén avaliar o desenvolvemento da Axenda Industrial de Galicia 2025, que está a activar o Goberno galego na procura de impulsar a dobre transición dixital e sostible no tecido empresarial galego, con especial atención ás pequenas e medianas empresas.

O director do Igape, Fernando Guldrís, e a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, dependentes ambos da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, participaron hoxe na reunión do Comité de Política Industrial -formado por representantes da Xunta, sindicatos, a Confederación de Empresarios de Galicia, así como o Consello Galego de Cámaras de Comercio e o Colexio de Enxeñeiros Industriais- onde se avaliou, entre outras cuestións, a situación do Fondo de Transición Xusta que está a promover o Goberno galego na procura de impulsar proxectos tractores nos que participen as pemes galegas.

O Fondo, dotado con 111 millóns de euros, busca xerar un impacto económico e social positivo nas zonas afectadas pola denominada transición climática, que se corresponde coa provincia da Coruña, en concreto coas centrais de Meirama e das Pontes, prestando apoio aos territorios e aos traballadores afectados e promovendo unha transición socioeconómica equilibrada.

As pemes son as principais destinatarias, sendo o obxectivo identificar grandes proxectos que impulsen as iniciativas desas pequenas e medianas empresas para, de modo conxunto, conformar un plan de desenvolvemento territorial sostible.

Para acadar estes obxectivos, durante os próximos meses está prevista a posta en marcha de distintas liñas. Así, os representantes autonómicos subliñaron que Galicia é a comunidade que máis avanzada está nos trámites de desenvolvemento do Fondo.

Neste sentido, Paula Uría afondou tamén na situación actual da coxeración en Galicia, reiterando a necesidade de que o Goberno central estableza un novo marco regulatorio que garanta o futuro das plantas. Así, incidiu, un dos principais problemas que vive este sector é o da incerteza regulatoria, posto que moitas plantas están preto do final da súa vida útil e aínda non saben se o Goberno decretará unha extensión que lles permita recibir retribución á operación durante máis tempo.

A Axenda Industrial 2025

Durante a celebración do Comité, Fernando Guldrís expuxo tamén o estado de desenvolvemento da Axenda Industrial de Galicia 2025, que está a activar o Goberno galego na procura de impulsar a dobre transición dixital e sostible no tecido empresarial, con especial atención ás pequenas e medianas empresas.

A estratexia, detallou o director do Igape, supón un novo paso na adaptación da Axenda Industria 4.0, activada xa en 2015 na busca de impulsar a automatización da industria e a dixitalización, que tomou no 2019 o camiño do impulso a estratexias de negocio novas mediante a transformación dixital, e que agora céntrase en concretar a transición cara unha economía sostible.

Con estas metas, a nova Axenda Industrial estrutura as súas actuacións en catro eixos principais: a dobre transformación dixital e sostible, os axentes habilitadores, a aposta polo talento e liderado, e a industrialización sostible.

  • Rueda reafirma o apoio da Xunta ao empresariado galego no Brasil para fomentar a cooperación e os lazos económicos entre ambos países
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis