A Xunta confía en que o proxecto Smartz4milk para modernizar a industria láctea obteña financiamento do Perte agroalimentario

Xoves, 15 Xuño 2023 07:29
  • A iniciativa, promovida por Clusaga e a Administración galega, a través da Oficina Next Gen Food Galicia, conta cun orzamento de case 26M€ na procura de transformar o sector lácteo a través da I+D+i e o investimento en activos de protección ao medio ambiente e aforro enerxético.
  • Trátase dun proxecto vertical no que participan 14 empresas e centros tecnolóxicos e que aborda tres grandes bloques -competitividade, sustentabilidade e trazabilidade- a través de 24 actuacións diferentes.
  • De saír adiante, sumaríase a outras iniciativas da industria que xa contan co apoio dos fondos europeos, como son Milktelligence, que busca mellorar a produtividade do sector mediante a recollida de datos e visualización de indicadores clave na produción; e Smart4Cheese, que persegue impulsar a dixitalización integral no sector lácteo de queixerías.

O proxecto Smartz4milk Cadea de Valor Láctea Intelixente, Trazable, Sostible e Conectada, presentouse esta mañá nas instalacións do Grupo Leche Río en Lugo. Trátase dunha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia e Clusaga a través da oficina Next Gen Food Galicia que busca avanzar na modernización do sector lácteo acadando fondos europeos no marco do Perte Agroalimentario.  

Smartz4milk é un proxecto tractor liderado por empresas galegas e para o que a Xunta agarda que se obteña financiamento no marco deste Perte, que conta cunha partida de preto de 1.500 millóns. Suma 14 empresas e centros tecnolóxicos e de coñecemento galegos -xunto con outros de Asturias, Cantabria, Andalucía, Cataluña e Comunidade Valenciana-, e aposta pola innovación e a mellora competitiva dunha industria que supón o 1,5% do PIB galego e da que a comunidade é líder nacional de produción.

Para o seu desenvolvemento, o proxecto conta cun orzamento de case 26M€, centrándose en tres grandes bloques de competitividade, sustentabilidade e rastrexabilidade a través de 24 actuacións distintas encamiñadas a transformar o sector lácteo grazas á I+D+i e o investimento en activos de protección ao medio ambiente e aforro enerxético. 

Oficina Next Generation Galicia Food

Cómpre lembrar que Galicia ten posto en marcha distintas oficinas para facilitar ao tecido empresarial a concorrencia aos fondos europeos. Así, a Xunta, a través do Igape, e Clusaga, activaron no seu momento a oficina Next Generation Galicia Food coa finalidade de aproveitar a oportunidade dos fondos europeos para impulsar a transformación económica e social do sector agroalimentario en Galicia.  

Esta Oficina está a acompañar ás empresas, brindando un apoio integral que vai desde a difusión, seguimento e análise de convocatorias ata a asistencia na elaboración e presentación de propostas ás convocatorias de Next Generation e, en particular, ao Perte da cadea agroalimentaria.  

Este labor de acompañamento e mobilización, baseado na colaboración público-privada, permitiu desenvolver con éxito un proxecto tractor como o de Smartz4milk, que constitúe unha oportunidade para mellorar a competitividade da industria láctea galega.

De saír adiante, o proxecto sumaríase a outras iniciativas da industria que xa contan co apoio dos fondos europeos, como son Milktelligence, que busca mellorar a produtividade do sector mediante a recollida de datos e visualización de indicadores clave na produción; e Smart4Cheese, que persegue impulsar a dixitalización integral no sector lácteo de queixerías.

 

  • Lorenzana subliña que o talento está vinculado á competitividade e ao desenvolvemento das empresas galegas
    Ler máis
  • Lorenzana subliña que a competitividade das empresas está vinculada á descarbonización e á implantación das enerxías renovables
    Ler máis
  • Lorenzana ratifica o compromiso da Xunta coa transición enerxética e o despregamento das enerxías renovables
    Ler máis