A Xunta subliña en Lugo a aposta pola xestión responsable dos recursos naturais para impulsar cadeas de valor eficientes, innovadoras e colaborativas

Mércores, 07 Xuño 2023 14:53
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, inaugurou a xornada do ciclo Capacita Directivos Galicia con valor engadido, onde subliñou o compromiso do Goberno galego coa “transformación dixital e sustentable” do tecido produtivo da Comunidade.

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá na inauguración da xornada do ciclo Capacita Directivos Galicia con valor engadido, centrado desta volta no aproveitamento das materias primas e dos recursos naturais, onde avogou por unha xestión responsable destes na procura de impulsar cadeas de valor eficientes, innovadores e colaborativas. 

“Os recursos naturais desempeñan un papel fundamental nas cadeas de valor dos nosos sectores económicos, desde a obtención das materias primas ata a entrega final ao consumidor e o seu aproveitamento adecuado pode xerar un impacto significativo na creación de valor económico e social”, incidiu Guldrís.

Neste marco, o director do Igape subliñou o compromiso do Goberno galego coa “transformación dixital e sustentable” do tecido produtivo da Comunidade. Así, afondou, “Galicia ten moito que achegar”, desde o aproveitamento da biomasa forestal ata os diferentes usos que se fan do granito e da lousa, ou o saber artesán no emprego da cerámica. Materias e usos aos que se atende tamén na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que ten entre os seus retos o desenvolvemento dun modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseado na innovación. 

Así mesmo, Guldrís puxo en valor a Axenda Industrial 2025 de Galicia, que aspira a que as empresas galegas reforcen a súa aposta pola dixitalización, aproveitando as oportunidades da sociedade dixital para cambiar os modelos de negocio. “Desde a colaboración público-privada, e poñendo o foco nas pequenas e medianas empresas, unha parte importante do noso traballo pasa por contribuír á modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e o rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos", afondou Guldrís.

O encontro celebrado hoxe desenvólvese no marco do programa Capacita Directivos, iniciativa promovida polo Igape que inclúe a organización de xornadas que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento. O programa, xa consolidado, suma seis edicións impulsando actividades formativas, tanto presenciais como en liña.

  • A Xunta resalta o papel da loxística na competitividade e na "globalización económica" da industria galega
    Ler máis
  • Lorenzana destaca o papel de CEAPI na internacionalización do tecido empresarial galego
    Ler máis
  • A Xunta destaca a importancia do talento e da formación para manter a competitividade do tecido empresarial galego
    Ler máis