- O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu en Vigo ao Consello Consultivo de Gradiant.
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu ao Consello Consultivo de Gradiant, onde agradeceu a súa colaboración no Polo Aeroespacial e na nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e animou á entidade a que participe na elaboración da futura Lei de ciencia e innovación.
Conde destacou que Gradiant cumpre 15 anos con enerxía, vitalidade e ilusión. Segundo os datos do centro tecnolóxico, 2022 pechou con récord de ingresos -8,66M€, un 44% máis que no ano anterior-, de proxectos europeos activos -cun total de 20- e de cadro de persoal, con 142 profesionais de alta cualificación traballando na nova sede. Ademais, segundo explicaron desde Gradiant, a previsión de crecemento en 2023 é do 22%.
Neste contexto, Conde considerou que é unha boa noticia que Gradiant siga involucrándose en novos proxectos e referiuse á aposta do centro por desenvolver novas liñas de I+D vinculadas ás tecnoloxías cuánticas, tendo en conta que Vigo será sede do Vigo Quantum Communication Center, que está comunicado con Santiago a través dunha ligazón de comunicación cuántica de longa distancia baseado en fibra óptica.
O vicepresidente económico destacou a contribución de Gradiant para consolidar en Galicia un ecosistema de I+D+i forte, conectado e competitivo.