Rueda anima ao tecido empresarial a aproveitar os novos retos e oportunidades que se lle presentan á industria galega para seguir prosperando

Martes, 25 Abril 2023 12:35
  • Salienta o crecemento da riqueza industrial galega e anima ao “optimismo” perante o futuro da Comunidade a pesar das dificultades polas consecuencias da pandemia e polo contexto internacional.
  • Destaca as posibilidades para Galicia en sectores como as enerxías renovables.
  • Pon en valor a estabilidade que ofrece Galicia para xerar confianza aos inversores e a flexibilidade e axilidade da súa administración na tramitación dos proxectos.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, animou ao tecido empresarial a aproveitar os novos retos e oportunidades que se lle presentan á industria galega para seguir prosperando. O titular do Goberno galego resaltouno en Vigona súa intervención no xantar-coloquio organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, no que invitou ao “optimismo” perante o futuro da Comunidade a pesar das dificultades polas consecuencias da pandemia e polo contexto internacional. 

O mandatario galego incidiu en que todos as análises coinciden en que a riqueza industrial de Galicia non deixou de medrar nos últimos tempos como resultado dunha tradición e dunha experiencia enraizada na Comunidade da que convidou a botar man para saír con éxito tamén dos novos retos e oportunidades. En concreto, o presidente da Xunta destacou as posibilidades para Galicia en sectores como as enerxías renovables. 

Alfonso Rueda indicou que as boas cifras en sectores como a automoción, o naval ou a cadea mar-industria, así como as cifras récord en exportación, o crecemento do emprego e os bos datos do turismo son unha proba do pulo de Galicia no seu tecido económico tradicional. Nese sentido, amosouse convencido de que hai “motivos para a esperanza”, sobre todo nunha cidade como Vigo que é “o corazón industrial de Galicia” e que ten capacidade para “bombear” sectores clave da economía. 

Pero o titular do Goberno galego salientou que as expectativas tamén son moi boas en sectores emerxentes e nas novas oportunidades que ofrecen para Galicia as enerxías renovables. Máis polo miúdo, Rueda referiuse ás posibilidades do vehículo eléctrico, da eólica terrestre e a eólica mariña, das enerxías renovables e do hidróxeno verde. “Hai moito interese no que Galicia pode facer coas enerxías renovables”, asegurou. Nese sentido, o presidente da Xunta puxo en valor a estabilidade que ofrece Galicia para xerar confianza aos inversores e a flexibilidade e axilidade da súa administración para a tramitación dos proxectos.  

Alfonso Rueda destacou que tamén no eido da investigación e da formación Galicia está preparada para asumir os novos retos da man da Universidade e da nova Formación Profesional. Subliñou, ademais, a oportunidade que supón o retorno dos galegos no exterior tanto para loitar contra a crise demográfica como para sumar persoal cualificado e novos emprendedores. 

“Non podemos perder esta oportunidade”, indicou o presidente da Xunta, polo que animou a traballar unidos para acadar as infraestruturas que precisa a Comunidade tanto nas conexións coa Meseta como con Portugal e a esixir que os fondos europeos cheguen en igualdade de condicións ás empresas que os precisan en Galicia ou que queren investir en Galicia. “Se a vostedes lles vai ben -dixo aos empresarios reunidos no acto- a Galicia vaille ir ben”.

  • O Igape incrementa o seu orzamento ata os 278 M€ na procura de impulsar un novo modelo de relacionarse coas empresas e mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia a creación dunha área específica de innovación dotada con mais de 60 M€ para fortalecer o tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta reforza o seu compromiso co emprendemento innovador como “chave do futuro económico de Galicia”
    Ler máis