A Xunta promove a presenza de startups galegas no evento tecnolóxico Emerge Americas en Miami

Domingo, 23 Abril 2023 12:26
  • O director do Igape, Fernando Guldrís, asistiu a este encontro co obxectivo de explorar novas oportunidades de negocio para o ecosistema galego de emprendemento innovador.
  • As exportacións galegas a Estados Unidos medraron máis dun 21% durante o ano pasado ata acadar os 824M€, o que sitúa este mercado como o segundo con maior peso para Galicia fóra da Unión Europea.

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta semana en eMerge Americas, evento tecnolóxico que se celebrou no Centro de Convencións de Miami Beach, onde mantivo distintos encontros con representantes de startups e empresas galegas en desenvolvemento na procura de fortalecer a aposta pola internacionalización e a innovación do tecido empresarial galego.

A participación de Galicia neste evento prodúcese tras a viaxe do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, a finais do ano pasado ao estado de Florida, na que se reuniu co propio fundador e presidente do Consello desta feira anual de startups, Manny Medina.
 

Neste sentido, e como indicou Guldrís, a presenza galega no evento permite tanto reforzar o posicionamento do ecosistema de startups galego nun lugar de referencia como potenciar as boas relacións comerciais entre Galicia e Estados Unidos, explorando novas oportunidades de negocio, especialmente para empresas e startups galegas.

Deste xeito, e segundo explicou, o ecosistema galego atópase representado nunha das feiras máis importantes de toda América onde se dan cita emprendedores, investidores, empresas emerxentes e líderes no sector tecnolóxico e institucións. Unha oportunidade “única”, expuxo Guldrís, para captar novas opcións de negocio nun dos principais mercados tecnolóxicos do mundo.
 

As exportacións galegas a Estados Unidos medraron máis dun 21% o ano pasado ata acadar os 824 millóns, o que sitúa este mercado como o segundo con maior peso para Galicia fóra da Unión Europea.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis