A Xunta destaca a oportunidade que ofrecen os fondos Next Generation para o sector alimentario galego

Mércores, 12 Mai 2021 12:00

O director do Igape, Fernando Guldrís, reuniuse esta mañá con empresas do eido da alimentación nun dos encontros dixitais que está a manter con diferentes clústeres para achegar as claves da proposta galega para optar a estes recursos. Salienta a colaboración público-privada como garantía para a optimización fondos europeos comunitarios e a captación de novos proxectos tractores. Pon en valor a aposta da candidatura galega pola transformación dixital, a transición enerxética e a cohesión social e territorial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021.- O director do Igape, Fernando Guldrís, mantivo esta mañá un encontro con empresas galegas do sector da alimentación convocadas polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) para abordar as oportunidades que ofrecen os fondos Next Generation para este ámbito produtivo e para o desenvolvemento económico e social de Galicia en xeral.

A reunión, realizada por videoconferencia, forma parte da rolda de encontros que a Xunta de Galicia está a manter coas empresas agrupadas en distintas agrupacións empresariais galegas, como a xa realizada coas asociadas ao Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia e as que se levarán a cabo proximamente coas pertencentes ao Clúster TIC Galicia e a Viratec, o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular.

No encontro de hoxe Guldrís subliñou que a colaboración público-privada é a maneira máis eficaz de optimizar os recursos europeos e por iso a Xunta traballa desde hai meses co tecido produtivo galego e outros axentes económicos para que a proposta definitiva que Galicia presente ao Goberno central sexa a que máis garantías de éxito ofreza na captación e impulso de proxectos tractores e estratéxicos.

O director do Igape lembrou, ademais, que a candidatura galega busca aproveitar a oportunidade excepcional que as partidas europeas supoñen para impulsar a transformación dixital, a transición enerxética e industrial e a cohesión social e territorial de Galicia. Engadiu que outros dos criterios fundamentais no deseño da proposta é involucrar de xeito activo ás pemes no desenvolvemento dos investimentos e os proxectos definitivos para que sexan as principais beneficiarias dos fondos.

  • Lorenzana anuncia a aprobación da primeira convocatoria de axudas en Galicia para promover o uso da intelixencia artificial nas empresas
    Ler máis
  • A Xunta pon en valor a Oficina Económica de Galicia para avanzar na desburocratización e axilización administrativa e acompañar ao tecido produtivo
    Ler máis
  • A Xunta destaca a achega de Kreios Space á diversificación e internacionalización do sector aeroespacial galego
    Ler máis